Agrelo Hermo, Xosé

Agrelo Hermo, Xosé
Barro (Noia), 1937 - Santiago de Compostela, 2006
Agrelo Hermo, Xosé

Xosé Agrelo Hermo naceu en Barro (Noia) o 10 de abril de 1937 e faleceu en Santiago de Compostela, o 21 de novembro de 2006. Aos dez anos marcha ao Seminario de San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela, onde permanece, suxeito a "disciplina ríxida e estudio intenso", mais que tamén lle permiten desfrutar de "inesquecíbeis amizades e momentos de felicidade elemental". Aos vinte e un anos, decide abandonar a profesión sacerdotal, a piques de se producir, e marcha a Madrid. Nesta última cidade desenvolve os maís diversos traballos ( mozo de carga, tenedor de libros, vendedor a domicilio; profesor particular de latín e grego; montador de ascensores, ...) ao tempo de formarse academicamente en cinema e xornalismo. Unha vez realizado o servizo militar decide regresar a Noia. É neste momento cando inicia -por libre- a carreira de Maxisterio e anos máis tarde, dá continuidade á súa formación académica até obter a licenciatura en Filoloxía Románica. En 1965 contrae matrimonio con Solita Roo Rei, coa que ten dous fillos (Xosé Ramón e Cristina). Desde os anos sesenta até a xubilación (2002) exerceu a docencia en colexios públicos de Boiro, Outes, Torea, Esteiro e Muros.

Simultaneamente á súa dedicación ao mundo do ensino - a súa "verdadeira vocación", segundo confesaba- , na década dos sesenta, iniciou unha intensa actividade creativa e de dinamización cultural, sobre todo no ámbito do teatro amador, nomeadamente, infantil. A súa paixón declarada polo teatro conducíuno a converterse, asemade, en autor, actor, director e promotor teatral. Os grupos Talía de Noia (1962-1966), Candea de Noia (1973-1980); Agrocovo, Teatro infantil (1975-1998); Xestruxo de Esteiro (1982-1986) e O Xeito de Esteiro (2004), foron fundados e dirixidos (ou co-dirixidos) por el. Así mesmo, como autor teatral, escribíu Noite de Lobos (1975), Metá a metá (1976) ou O Mestre (1978).

A maiores da referida faceta teatral, Xosé Agrelo cultivou o ensaio biográfico e a recensión histórica, mais cumpre salientar o seu labor no campo das publicacións ou o editorial. Así,  foi redactor-xefe da revista Barbanza (1988-1990), director de A Motora (1993) e membro do comité de redacción da revista Alameda (publicación da Sociedade Liceo de Noia). Foi, ademais, director de publicacións da Editorial Toxosoutos.

Todo este dinamismo cultural estaba intimamente ligado ao seu pensamento político nacionalista, tal e como o indica o feito de ter sido candidatado ao Senado en 1977, e ao Congreso no 1979, polo BN-PG, así como o feito de ter desenvolvido as funcións de concelleiro en Muros, durante oito anos (1979-1987) polo Bloque Nacionalista Galego (BNG).

Xosé Agrelo Hermo foi soterrado en Santa Cristina de Barro (Noia),o lugar onde naceu.