Álvarez Torneiro, Manuel

Álvarez Torneiro, Manuel
A Coruña, 1932
Álvarez Torneiro, Manuel

Manuel Álvarez Torneiro naceu na Coruña, o día 7 de xullo de 1932. Ficou orfo de nai -xunto co seu irmán máis vello- aos tres anos, situación que ocasionou o seu traslado á cidade de Lugo, onde morou por igual período de tempo (case tres anos) cuns seus tíos, tras os cales, retornou á súa cidade natal onde se criou cos seus padriños. Vivíu a realidade educativa da escola franquista e ao acadar a mocedade iniciou a súa formación académica, na Escola Superior de Altos Estudos Mercantís da Coruña. Despois de desenvolver traballos varios para axudar á economía familiar, entrou a traballar no xornal La Voz de Galicia, empresa na que exerceu o xornalismo e na que permaneceu durante vinte e cinco anos.

Segundo confesión do propio autor, xa desde os dezasete ou dezasoito anos, escribir poesía foi para el "unha necesidade" e os seus primeiros versos foron escritos en castelán para revistas publicadas en Madrid ou Barcelona, por mor de que "a cultura por aqueles anos da infamia ... era imposta na lingua de Cervantes", polo que a súa escrita en galego chegou -segundo palabras do autor- "máis tarde, cando eu xa estaba "ilustrado" por autores de fóra", en quen recoñece influencias, sobre todo no poemario de Neruda "Residencia en Tierra", que lle amostrou o camiño do sentimento e pensamento poético, aínda que concibe a arte poética dentro dun necesario diálogo interdisciplinar con todas as artes, como a música ou a pintura, da que é grande afeccionado. En calquera caso, este autor de escrita temperá e que leva publicados dez poemarios en galego (dous en castelán), non seu deu a coñecer até unha vez cumpridos cincuenta anos, coa publicación de Memorias dun silencio (Ed. do Castro, 1982), aos que seguiron, de maneira ininterrompida, os poemarios, Fértil corpo de soño (Sociedade de Cultura Valle Inclán, 1986); Restauración dos días (Sotelo Blanco, 1986); As voces consagradas (Deputación da Coruña, 1992); As doazóns do incencio (Sotelo Blanco, 1993); Rigorosamente humano (Sociedade de Cultura Valle Inclán, 1995); Habitante único (Espiral Maior, 1997); Luz de facer memoria (Deputación da Coruña, 1999); Campo segado (Deputación da Coruña, 2001); Os tempos do fulgor. Antoloxía Xeral. (Deputación da Coruña, 2002); Epicentro (Deputación da Coruña, 2003); Setembro stradivarius (Deputación da Coruña, 2004); Parábola do incrédulo (Deputación da Coruña, 2006); Os ángulos da brasa (Faktoría K, 2012),ou Onde nunca é mañá (Faktoría K, 2014). A estes títulos hai que engadir numerosas colaboracións para obras colectivas.

Adscrito, segundo algúns estudosos á chamada "Xeración das Festas Minervais", na década dos cincuenta, Álvarez Torneiro fundou -xunto con outros autores- o grupo poético Amanecer e colaborou en diversos libros colectivos e revistas (DornaClave OriónA xanela, ...)

O autor foi galardoado con importantes premios; entre eles, o Premio Esquío (1994); González Garcés (gañados en dúas ocasións: anos 1998 e 2000);  Premio da Crítica (2012); Premio da AELG á mellor obra de poesía (2012,  ex-aequo con Boca da Cobra, de Francisco Salinas Portugal); ou o máis recente, Premio Nacional de Poesía (2013); .. dos cales, os tres últimos o foron polo seu poemario Os ángulos da brasa, obra composta por sesenta e sete composicións, onde -segundo a Asociación Galega de Editores-  Álvarez Torneiro "reflexiona sobre a cotidianeidade, esmiúza emocións íntimas e pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra". 
Segundo o propio autor recoñece, na súa última produción sobrancea o tema recorrente da memoria, "que dicta unha sorte de variacións sobre un só tema", e continúa: "Debo afirmar que creo no poder da palabra, nas potencias da beleza. Aínda escribindo en prosa sempre remato caendo polo escotillón da lírica que procuro afinada ó máximo", e remata con estas dúas frases: "Escribo contra o mundo e a favor da Vida. Como poeta, creo na utopía". "Escribimos porque temos que morrer; porque a vida non abonda".

 
FOTOGRAFÍAS