Añón Paz, Francisco

Añón Paz, Francisco
Boel (Serra de Outes), 1812 - Madrid, 1878
Añón Paz, Francisco

Francisco Añón Paz, un dos precursores do noso Rexurdimento, naceu en 1812 na aldea de Boel, pertencente ao concello da Serra de Outes, onde transcorrerían os seus primeiros anos de vida. Ingresou no Seminario compostelano en 1829 (ano da súa fundación), mais, tras cinco anos de formación teolóxica, acabará por abandonar o centro en 1837 sen ter recebido as ordes sacramentais. Decidiuse entón a cursar Xurisprudencia, estudos nos que se licenciaría en 1843. Nesta altura iniciou a súa relación co movemento provincialista (protagonizado por Antolín Faraldo, Antonio Neira de Mosquera, Domingo Díaz de Robles, Xosé María Posada...) e o seu labor como poeta e xornalista. Membro da Academia Literaria de Santiago, deu a coñecer en El idólatra de Galicia (portavoz desa institución) diferentes artigos e poemas, entre os que destaca a égloga "Recordos de infancia" (1845), considerada a súa mellor composición.
En 1846, ano da sublevación militar contra Narváez, Añón estableceuse en Lisboa, cidade onde escribiu en portugués o sonado "Hymno dos povos" (que acabaría motivando a súa expulsión de Portugal). Catro anos máis tarde partía do país viciño rumo a Francia e Italia como secretario dun lord inglés. Tras esta viaxe instalouse en Sevilla, onde impartiu aulas de francés e italiano e continuou o seu labor como escritor e xornalista.
Despois destas experiencias Añón fixou a súa morada en Madrid en 1857, cidade en que colaborou con diferentes publicacións periódicas. Desde a capital española retomou o seu contacto co país galego (que visitaría en varias ocasións) participando nos primeiros Xogos Florais de Galicia, celebrados na Coruña en 1861, co poema "A Galicia". Esta composición, a única en galego premiada neste certame, foi publicada un ano despois no Álbum de la Caridad.
A súa obra poética, que só apareceu compilada postumamente, consta de varios himnos ("Himno á agricultura") e de diversas composicións costumistas ("O magosto", "A leiteira"), humorísticas ("A pantasma"), de circunstancias ("Galicia visitada polos Reis") e elexíacas ("Á indeleble memoria do malogrado poeta e literato gallego Don Teodosio Vesteiro Torres"). A loubanza do progreso e o ton anticlerical dalgún dos seus textos serviron de inspiración á poética de Curros Enríquez, que colocou a Añón como protagonista de O divino sainete.
Tras unha estancia de dous anos en Lisboa (de 1866 a 1868) e unha breve pasaxe por Compostela, retornou a Madrid en 1869. Nesta cidade foi parte activa de varias asociacións relacionadas co noso país (como vocal en La fraternidad galaico-asturiana e posteriormente, en 1875, como presidente honorífico de Galicia Literaria) e traballou no Ministerio de Gracia e Xustiza.
Cesado no seu posto de oficial de arquivos en 1873, Añón viviu os seus últimos anos marcado pola miseria e a doenza. Finalmente, faleceu en 1878 no madrileño Hospital da Princesa a causa dun cancro, sen poder ser enterrado na Galiza por ninguén ter corrido cos gastos do translado. No mesmo ano da morte apareceu, co título Poesías varias, a súa primeira colección poética como folletín no xornal vigués La Concordia. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1966, ano en que ven a luz dúas antoloxías poéticas do autor.

FOTOGRAFÍAS