Araguas Álvarez, Vicente

Araguas Álvarez, Vicente
Xuvia-Neda (ACoruña), 1950
Araguas Álvarez, Vicente

Vicente Araguas álvarez naceu en Xuvia- Neda (A Coruña) o 24 de setembro de 1950. Estudou Filoloxía Inglesa na Universidade de Santiago de Compostela. Vinculado aos movementos estudiantís e ás reivindicacións políticas de finais dos anos sesenta, foi un dos partícipes no histórico concerto do 26 de abril de 1968 na Facultade de Medicina da antedita Universidade de Santiago, acontecemento considerado como fundacional da chamada Nova Canción Galega e que deu lugar á formación do colectivo musical Voces Ceibes (maio de 1958- 1974)), do que Araguas é membro fundador. No curso 72-73 marcha a Glasgow para impartir aulas de castelán e alí é onde abroian os seus primeiros poemas, reunidos baixo o título Paisaxe en Glasgow (Ed. Castrelos, 1978). Desde este libro a Cando fóramos nevar (Sociedade de Cultura Valle-Inclán. Colección Soláster,2013) foron arredor de quince títulos, o contributo que, até o momento, este autor forneceu a poesía galega. entre outros, Ás veces en domingo abonda coa tenrura ( Ed. Castrelos, 1980); Poemas pra Ana Andrea (Ed. Analecta, 1982); Xuvia (Brais Pinto, 1984); Caleidoscopio (Ed. Río Xuvia, 1988); Oficio de ollar (Librería Anticuaria El Guadalhorce,1992); Campo Santo (Imprenta López Torre,1984. Con ilustracións do gravador portugués, Manuel Patinha); O gato branco (Espiral Maior, 1995); Billarda (Huerga y Fierro, 1999; antoloxía poética en galego e español); Río Matinal (Espiral Maior, 2000); Maneiras de querer (Espiral Maior, 2005. Poesía completa); Vintecatro maneiras de querer a Brian (Huerga y Fierro, 2008. Edición bilingüe castelán-galego); Xuvia revisitada (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 2008) ou Xuvia-Neda (Xerais, 2010).

Respecto das achegas deste autor ao campo da narrativa galega, citaremos títulos como Agora xa foi (Laiovento, 2000) e A canción do verán (Ir Indo, 2001). E en ensaio, Voces Ceibes (Xerais, 1991), que -en palabras de Araguas- recolle "o testemuño dun tempo e un lugar ... É, sobre todo, unha historia de amor. A un país, a unha lingua, á xente que tentaba derrubar, con cancións ou a pedradas, os valados que debuxaban a silueta dunha patria perseguida ...". Tamén publicou Miudiño. Escolma 2001-2012  (Ed. Embora, 2013), onde se recollen 150 artigos xornalísticos, dos 3500 que o autor escribíu durante esa década.

Ademais de múltiples colaboracións en obras colectivas, Vicente Araguas, realiza, con asiduidade, labores de crítica literaria; recensións, entrevistas ... e escribe como articulista para varios xornais galegos, como El Correo Gallego (o que lle ten valido o Premio Reimóndez Portela de xornalismo), O Correo galego e Diario de Ferrol, a maiores dos seus traballos no campo da tradución. Ente eles, a tradución do inglés para o galego de Stevenson, Joyce ou Heaney (As aventuras de David Balfour. Xerais, 1996; Retrato do artista cando novo . Laiovento, 1984 ou Traballo de Campo. Xerais, 1996, constitúen boa proba de obras traducidas dos respectivos autores citados), así como do galego para o castelán de escritores cono Darío Xohán Cabana ou Celso Emilio Ferreiro (Galván en Saor. Huerga y Fierro, 1996; Antología poética de Celso Emilio Ferreiro. Visor. Poesía, 1994).

No ámbito musical, para alén do destacado ab initio, o autor publicou dous discos individuais e outro colectivo entre os anos 68 ao 74.

 

 

 

 

FOTOGRAFÍAS