Avilés de Taramancos

Avilés Vinagre, Antón
Taramancos (Noia), 1935 - Noia, 1992
Avilés de Taramancos

Antón Avilés Vinagre naceu en 1935 na aldea de Taramancos, próxima a Noia (A Coruña), da que tomou o seu nome literario e faleceu en 1992 na mesma vila de Noia. Fillo de labradores, estudou Náutica na cidade da Coruña, onde moraría entre 1953 e 1959. Aos vinte anos a súa inclinación á literatura concretouse nunha serie de sete poemas publicados na revista ferrolana Atlántida baixo o título de As moradías do vento (1955). Tres anos máis tarde, durante a súa estancia en Ferrol por mor do servizo militar, saíu do prelo o seu primeiro libro, A frauta i o garamelo, magnífico exemplo da musicalidade da poesía avilesiana. Desde ese momento Avilés de Taramancos colocouse entre os máis destacados poetas de posguerra.
No ano 1960 tivo que emigrar a Santiago de Cali (Colombia), o que fixo que a súa traxectoria como poeta se desenvolvese independentemente da dos seus compañeiros de xeración. En terras americanas, onde levou unha vida de auténtico aventureiro, a súa actividade literaria non cesou. Comezou a compor en 1961 Poemas da ausencia, enviou 10 poemas á revista Grial e realizou nas páxinas de La Voz de Galicia un emotivo "Pranto por Urbano Lugrís" (1974) co gallo da morte do pintor e amigo.
No ano 1980 regresou a Galiza, instalándose en Noia, onde abríu unha taberna que rexentaría el e a súa dona e desde a que daría visibilidade á poesía, a través da celebración de múltiples recitais poéticos. O autor despregaría, ademais unha intensa actividade política, social e cultural, a través da súa militancia no Bloque Nacionalista Galego ( chegou a ser concelleiro de cultura por esta formación política entre os anos 1987-1991) e/ou a súa implicación coa asociación cultural noiesa, Cataventos. Dous anos despois, Avilés deu a coñecer O tempo no espello (1982), onde incluíu, ademais dos dous primeiros libros, os titulados Poemas a Fina Barrios (1959), Poemas soltos a Maricarme Pereira (1961) e Poemas da ausencia (1961-1981). Pouco despois viron a luz Cantos caucanos (1985), produto das lembranzas colombianas do poeta, que lle valeu o Premio da Crítica española e chegar a finalista do Premio Nacional de Madrid. A dialéctica que Avilés establece entre a saudade do país natal e a experimentación a través do poema alcanza aquí a súa máxima expresión.
En 1989 edítase As torres no ar, que supón o punto máximo dunha escrita que liga o sentimento de morriña da terra ao amor e ao erotismo interiorizados como actos fundamentais da vida. Neste mesmo ano o poeta fixo aínda unha incursión na narrativa cun libro de relatos titulado Nova crónica das Indias.
No ano 1992, data o seu falecemento, publicaríanse unha Antoloxía poética do escritor e a Última fuxida a Harar.

Ademais de participar en diversas obras colectivas, e tratarse dun autor adscrito á poesía, Avilés deixounos en narrativa a obra Nova Crónica das Indias (1989, Ed. Ir Indo; reeditada por Xerais en 2003); á autor da peza teatral Tres capitáns de tempos idos (Xerais,2003) e o ensaio, titulado Obra Viva (Laiovento, 1992)

FOTOGRAFÍAS