Babarro González, Xoán

Babarro González, Xoán
Calvelo de Zorelle, Maceda (ourense), 1947
Babarro González, Xoán

Xoán Babarro González naceu en Calvelo de Zorelle, no concello de Maceda (Ourense), o 23 de decembro de 1947. Realizou na escola mixta da aldea os estudos primarios e, posteriormente, cursou o bacharelato e a carreira de Maxisterio en Ourense. En 1968, aprobou as oposicións ao corpo de mestres, labor que desenvolveu durante tres anos, en Asturias, onde se licenciará en Filosofía e Letras.  En 1971 retornou a Galiza, onde realizou un intenso traballo a prol da implantación do idioma galego na escola, así como da súa introdución como instrumento vehicular nas Ciencias Sociais. 

Durante a década dos 70 colabora en revistas, como Vagalume, e obtén algúns premios; algún deles no ámbito da literatura infantil, como ocorre en 1974 con Zoca Zoqueira, premio de contos, outorgado pola Asociación Cultural "O Facho", ao tempo de iniciar unha "singradura vital" coa tamén escritora galega, Ana Mª Fernández Martínez, coa que compartirá diversos proxectos literarios e premios. A partir de aquí, comeza a publicar con regularidade e a día de hoxe conta cunha inxente obra no campo da literatura infanto-xuvenil valorada e premiada, ademais da súa ampla participación en obras colectivas e algúns ensaios que conteñen traballos de investigación sobre a literatura "galego-asturiana".

En 1982, aproba as oposicións á cátedra de Lingua e Literatura Galega para institutos de ensino medio, o que o leva a exercer a docencia neste tipo de centros, até a actualidade, impartindo aulas nun IES da cidade da Coruña.

No ano 1994  presentou a súa tese de doutoramento, titulada Galego de Asturias. Delimitación, caracterización e situación socolingüística (publicada en 2003). En decembro de 2002, recibe o nomeamento de "académico correspondente" da Real Academia Galega e no 2008 a Nova Escola Galega noméao socio de honra.
En 2009, por Palabra era un universo paralelo, recibe o galardón do VII Premio de Literatura Infantil e Xuvenil "Pura e Dora Vázquez", da Deputación de Ourense, así como o Premio Arume de Poesía - da Fundación Neira Vilas- pola obra, A Princesa de Taramundi.
Xoán Babarro conta con diferentes traducións nas coleccións "Contos da Media Luniña" de Algaida, "Cabaliño Alado" de Combel, "Moviñecos" de Bruño, "Xirasol" de Everest e outras.

 

 

Obras
8 contos (1989)