Barros Pardo, Tomás

Barros Pardo, Tomás
Toledo, 1922 - A Coruña, 1986
Barros Pardo, Tomás

Tomás Barros Pardo naceu en Toledo día 3 de febreiro de 1922 e finou na Coruña o 3 de setembro de 1986. Fillo de pais coruñeses, aos sete anos retornou coa súa familia a Ferrol. Nesta cidade cursou estudos de Bacharelato Superior e Maxisterio. Exerceu como mestre en varias escolas e posteriormente transladouse a Madrid para se licenciar en Belas Artes. Despois de traballar como profesor, gañou a cátedra de Debuxo e a partir de 1972 impartiu aulas na Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB da Coruña, compaxinando a docencia coa literatura e a pintura.
Membro correspondente da Real Academia Galega e candidato a membro da Academia de Belas Artes, compartiu inquedanzas con outros intelectuais da época como Luís Seoane, Rafael Dieste, Vicente Aleixandre, Celso Emilio Ferreiro ou Isaac Díaz Pardo.
Autor dos poemarios Gárgolas (1950), Berro diante da morte (1964), Abraio (1978) e Vieiro de Señardade (editado postumamente en 1987), no ano 1952 fundou, en colaboración cos poetas ferroláns Mario Couceiro e Miguel Vidal, a Revista de Poesía e Crítica Aturuxo. En 1975, con Luz Pozo, creou e dirixiu na Coruña a Revista de Poesía Nordés.
Como autor teatral escribiu Panteón Familiar (1955), O dragón (1972), Tres pezas de teatro (1981), O home que gabeou o cume (1984), A casa abandoada (1985) e Fausto, Margarida e Aqueloutro (que se daría a coñecer en 1993).
 

FOTOGRAFÍAS