Bernárdez Vilar, Xoán

Bernárdez Vilar, Xoán
Marín, 1936
Bernárdez Vilar, Xoán

Xoán Bernárdez Vilar naceu en Marín o día 5 de abril de 1936. Pouco antes de cumprir os sete anos, trasládase coa súa familia a Dornelas -parroquia sita nas inmediacións do actual aeroporto vigués de Peinador- e aos dez anos ingresou no Instituto "Santa Irene" de Vigo, onde cursou e finalizou o Bacharelato (1953).Tres anos despois comezou a traballar na antiga "Caixa de Aforros e Monte de Piedade Municipal de Vigo", ao tempo que estudaba a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra. Entre 1990 e 1995, compatibilizando a súa xornada laboral co estudo, obtén a licenciatura en Xeografía e Historia pola Universidade de Vigo. Aos sesenta anos - por mor da fusión entre as Caixas do sul de Galiza-  adquire a condición de pre-xubilado, polo que, entre 1996 e 1998, decide ocupar a maior parte do seu tempo libre en realizar a súa tese de doutoramento, que defenderá anos máis tarde, en data de 11 de xullo de 2011 en Ourense, baixo o título "Ora Marítima de Rufio Festo Avieno", obtendo a calificación de sobresaliente.
O noso autor reside en Vigo desde 1952 e declárase lector constante desde a infancia, en boa parte, por mor da influencia da súa nai, voraz lectora e "excepcional narradora de contos". Durante o período 1964-1968 dirixíu o semanario Galicia Social, no que publicou a súa tradución dos evanxeos ao idioma galego. En 1965, co-fundou a Asociación Cultural de Vigo e comezou a colaborar nas emisións radiofónicas Raíz e Tempo en La Voz de Vigo" (a primeira realizada en galego despois da chamada Guerra Civil- , a través da confección de, aproximadamente, oitocentos capítulos nos que se trataba de compediar a Historia de Galiza. Así mesmo, durante os períodos 1966-1970 e 1993-1997  dirixíu a revista Latexo -obra do cadro de persoal da antiga "Caixa-Vigo". En 2003 foi nomeado, pola Real Academia Galega, Académico- Correspondente. Como anecdota biográfica, sinalaremos o feito de ter sido, este autor, presidente do "Colexio de Árbitros de Balonmán", entre os anos 1962 e 1964.

Á marxe dos seus primeiros bosquexos literarios, a súa incursión no mundo da literatura comeza coa publicación de Un home de Vilameán. Anatomía de revolución Irmandiña, publicado en Montevideo en 1976 (Patronato da Cultura Galega). A esta obra narrativa, seguíronlle outros títulos, como ¡Ouveade, naves de Tarsish! (Edicións do Castro, 1963); Homo Sapiens (Edicións do Castro, 1984); Vento do norte, vento do sul (1985, Casa de Galicia de León); No ano do cometa (Ed. Xerais, 1987); ¡ Xerusalén, Xerusalén! (Ed. do Cumio, 1992); Big-Bang (Xerais, 1996) ou A saga da illa sen noite (Ed. Toxosoutos, 2001). En 2002 realiza unha incursión no mundo da dramaturxia, da man da súa obra teatral O valedor do reino (edición dixital) e é autor de arredor dunha ducia de ensaios, que abranguen, desde títulos como Xeografía do mito de Tristán e Iseu (2000) até O rei Artur: Mito e realidade (Galaxia, 2005), entre outros; ademais de artigos en revistas, como A viaxe de Colón "Ultra Tile". 2008; etc. A estes títulos, hai que sumar a colaboración nalgunhas obras colectivas, así como as súas traducións do latín para o galego, Chronica Hermerici, 2004 e Idacio Lémico: Chrónica (379-469). 2004 (Centro Ramón Piñeiro para a investigación en Humanidades). Algunhas das obras citadas foron premiadas en certames literarios do País.



 

FOTOGRAFÍAS