Blanco Amor, Eduardo Modesto

Blanco Amor, Eduardo Modesto
Ourense, 1897 - Vigo, 1979
Blanco Amor, Eduardo Modesto

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense o día 14 de setembro de1897 e finou en Vigo o 1 de decembro de 1979. Fillo menor dunha familia modesta e autodidacta desde a infancia, en 1915 entrou como secretario de dirección en El diario de Orense. Antes de emigrar á Arxentina en 1919, participou no ambiente literario da cidade das Burgas e coñeceu o maxisterio de Risco, fundamental no seu posicionamento militante en defensa da causa galega e da universalidade da nosa literatura. Instalado en Bos Aires, proseguiu a súa formación en contacto coa vida cultural da emigración e con intelectuais e artistas do continente. En 1923 fundou con Isla Couto a revista galega Terra e, tres anos máis tarde, ingresou na redacción do diario La Nación. A súa carreira literaria comezou en 1928 coa publicación de Romances Galegos. Neses anos realizou dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-31) trabou contacto con Castelao, así como con varios intelectuais do Partido Galeguista e do Grupo Nós. Aquí escribiu Poema en catro tempos (1931), longa composición sinfónica de filiación vangardista que publicaría na Arxentina. Xa en Bos Aires, Otero pediulle que colaborase na revista Nós, onde Blanco Amor publicou, ademais de poemas, tres capítulos de A escadeira de Jacob, novela inconclusa. Na segunda estadía (1933-35), coñecería algúns dos membros da Xeración do 27 española.
Tras o levantamento militar, defendeu desde a Arxentina a legalidade prebélica e o Estatuto de Autonomía e impulsou o espallamento da nosa literatura no continente americano. Porén, até o ano 1956, en que publica Cancioneiro, a súa produción literaria estivo redixida en español, nun intento fallido de se integrar na cultura española.
Catedrático de Lectura Expresiva e Interpretación de Textos no Conservatorio Arxentino desde 1952, fundou e dirixiu o Teatro Popular Galego (1957), agrupación dramática de curta vida. Antes de abandonar definitivamente América, Blanco Amor publicou A Esmorga (1959), libro que se constituiría nun dos grandes fitos da renovación da narrativa galega.
Xa de volta en Galiza, regresa tamén á cultura e a lingua galegas, dando ao prelo outra obra de enorme éxito: Os biosbardos (1962). Aínda que se viu ignorado pola oficialidade cultural, que o animara a regresar para despois desamparalo, literariamente viviu os seus anos máis fecundos. Tras publicar unha nova edición de A Esmorga (1970) e a longa novela Xente ao lonxe (1972), centrou a súa produción no teatro (Farsas para Títeres, 1973; Teatro pra a xente, 1975) e interviu no intenso debate teatral do momento.
 

FOTOGRAFÍAS