Blanco García, Carmen

Blanco García, Carmen
Lugo, 1954
Blanco García, Carmen

Carmen Blanco García naceu en Lugo o 2 de maio de 1954. Foi profesora de Lingua e Literatura Galega e Española en Santiago de Compostela, Chantada e Lugo, ademais de impartir aulas das anteditas materias na Escola de Formación do Profesorao de EXB de Lugo. Actualmente exerce como profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela, no Campus de Lugo. Dirixíu o grupo de investigación Muller e Literatura e foi a organizadora do Encontro Internacional de Mulleres Escritoras, celebrado no seo da Universidade de Santiago de Compostela. Desde 1996, coordina, xunto co tamén profesor e escritor, Claudio Rodríguez Fer, a publicación multicultural e libertaria Unión Libre. Cadernos de vida e culturas. Pertencente a familia represaliada polo franquismo, é secretaria da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo dende a súa fundación no ano 2005 e forma parte do Consello da Memoria dende o 2006.

Blanco García centra a súa escrita, especialmente, como ensaísta, nas interrelacións de poder, muller, sexo, cultura e literatura, temática feminista e libertaria na que abriu camiño en Galiza cos libros Literatura galega da muller (Xerais, 1991), Escritoras galegas (Compostela, 1992), Libros de mulleres (Do Cumio, 1994), 0 contradiscurso das mulleres (Nigra, 1995), Nais, damas, prostitutas e feirantas (Xerais, 1995), Mulleres e independencia (Do Castro, 1995), Luz Pozo Garza: a ave do norte (Linteo, 2002), Alba de mulleres (Xerais, 2003), Sexo e lugar (Xerais, 2006) e María Mariño. Vida e obra (Xerais, 2007). Tamén é autora de Estraña estranxeira (BVG, 2004), mostra dunha obra poética en marcha, e, no xénero narrativo, do libro Vermella con lobos (Xerais, 2004), recreación libertaria de contos clásicos universais.

Sobre literatura e cultura galega publicou os libros Conversas con Carballo Calero (Galaxia, 1989) e Carballo Calero: política e cultura (Do Castro, 1991), así como diversas edicións introducidas de autores contemporáneos: Códice Calixtino (Xerais, 1992), Historias fidelísimas (Linteo, 2003) e Memoria solar (Linteo, 2004) de Luz Pozo Garza, e, en colaboración con Claudio Rodríguez Fer, Con pólvora e magnolias de X. L. Méndez Ferrín (Xerais, 1989) e Os eidos de Uxío Novoneyra (Xerais, 1990). Colaborou en numerosos libros colectivos, actas de congresos, revistas especializadas e xornais.
Formou parte do movemento feminista galego dende o seus inicios nos anos setenta (Asociación Galega da Muller e Feministas Independentes Galegas). Nos anos oitenta e noventa participou na revista feminista Festa da Palabra Silenciada e colaborou na sección feminista colectiva "Lilith" de La Voz de Galicia. É autora da letra do himno galego da Marcha Mundial das Mulleres, "Marchando máis alá" (2000), interpretado por Pilocha e Milladoiro.
Creou o heterónimo Emma Luaces en homenaxe á anarquista rusa Emma Goldman e publicou unha versión galega de Safo de Lesbos e o poemario "Lobo azul" nos cadernos Unión libre. Mantivo a sección "Musa libertaria" na revista Marea Negra dende o ano 2004.

Cultivou a creación plástica deseñando e ilustrando os poemarios Tigres de ternura (Reprografía 1846, 1981), Historia da lúa (Galaxia, 1984), Vulva (Libros da cebra, 1990) e A muller núa (Compostela, 1992) de Claudio Rodríguez Fer, ao igual que o Manifesto por un movemento vital (1990) deste mesmo autor.

FOTOGRAFÍAS