Braxe Mandiá, Lino

Braxe Mandiá, Lino
Mugardos, 1962
Braxe Mandiá, Lino

Lino Braxe Mandiá naceu en Mugardos o 18 de xuño de 1962. É un actor e director de teatro galego, ademais de escritor. A súa actividade creativa comezou no mundo do teatro profesional, en 1985, coa compañía Luís Seoane, ao tempo de publicar textos literarios a través da súa colaboración en obras colectivas (De amor e desamor I, II.Ed. do Castro, 1985; Igor de Albatros en Selene. Cen augas, 1985; ...), nas que participará en abondosas ocasións.

Porén, o seu debut literario propiamente dito, ten lugar no 1990, ano de publicación do seu primeiro poemario, titulado Banquete (Sotelo Blanco, 1990). Posteriormente, virán Territorios (Poemas, parábolas e contos) (Diario 16 de Galicia, 1992); Entre ruínas (Espiral Maior, 1996); Árdora (Sociedade de Cultura Valle-Inclán, 1997); A caricia da serpe (Espiral Maior, 1999); O sangue dos árabes (Xerais, 1999); Poemas obxecto e visuais (Espiral Maior, 1999); O longo día acaba (Deputación da Coruña, 2002); Alaridos (Deputación da Coruña, 2006); Baixo o sol de Mesina (A. C. Caldeirón) ou Diálogo dos mortos e a noite ou O segredo enamorado (Espiral Maior, 2008).

Braxe Mandiá tamén realizou algunha incursión no ámbito da narrativa. Así, en 1990 publica o libro de contos populares A memoria perdida (Vía Láctea,1990), ao que seguirá un libro de relatos acompañado dun CD, baixo o título, A cor do ceo (Xerais, 1999), así como no campo da narrativa infanto-xuvenil:  O conde vampiro (Sotelo Blanco, 1995) e O botín da miseria (Everest,Galicia, 2011) fan proba disto. Asemade, é autor das obras de teatro, A actriz (Cadernos da Escola Dramática Galega, 1991) e A promesa (Ed. do Castro, 1993).

O autor é colaborador do xornal coruñés, La Opinión, onde participa desde hai varios anos, a través dun artigo xornalístico que entrega diariamente.

 
 
 
     

 

AUDIOS
Impre(ci)sión

Impre(ci)sión - César Morán - Río de son e vento

César Morán