Cabana Yanes, Darío Xohán

Cabana Yanes, Darío Xohán
Roás (Cospeito), 1952
Cabana Yanes, Darío Xohán

Darío Xohán Cabana Yanes naceu en Roás (Cospeito.Terra Cha de Lugo) o 19 de abril de 1952. Fillo de familia humilde de labradores, a súa familia  -tanto por liña materna como paterna- pertenceu á Frente Popular, feito que influíu no escritor na súa adhesión ao ideario comunista (ao igual que o seu pai). Así,desde o 1968 milita politicamente, na esquerda nacionalista na procura "dunha república independente e socialista para Galicia".
Cursou o Bacharelato en Lugo e, en 1970, marchou para Vigo, cidade na que residíu durante cinco anos, traballando en Edicións Castrelos, baixo a tutela e Xosé María Álvarez Blázquez, sendo este último escritor, xunto con Manuel María e Méndez Ferrín, as persoas que máis influíron na súa traxectoria vital e autorial. En 1976 retorna a Lugo, onde comezar a traballar como comercial de libros a domicilio. Desde 1978 a 1982 realizou o seu trabalo como liberado sindical para a CIG e posteriormente (en 1983) marcha a Corcubión, onde mora durante catro anos a exerceren de guarda municipal, ao cabo dos cales, instálase en Lugo, ao conseguir -oposición mediante- unha praza de funcionario no concello de esta cidade. Actualmente reside na parroquia de Romeán, a dez quilómetros de Lugo.

Colaborador habitual en prensa, desde 1987 realiza para o xornal La Voz de Galicia un crucigrama diario. Ao comezo da súa escrita literaria centrouse na poesía. Así, os poemarios Home e terra (Ed. Xistral, 1970); Verbas a un irmao (Edición de autor, 1970); Romanceiro da Terra Cha (Ed. Castrelos, 1973): Elexía nunha escuridade mortal (Ed. Roi Xordo, 1974); Mortos porque Galicia viva (Ed. Roi Xordo, 1974) ou Ábrelle a porta ó día (Ed. do Castro, 1981), son exemplos dos primeiros tempos autoriais. A partir de 1984, dedicouse, fundamentalmente á tradución de poetas italianos, caracterizada por un respecto escrupuloso da métrica e a rima, conforme os orixinais. Divina Comedia de Dante Alighieri (Xunta de Galicia, 1990; Ed. Curuxa, 2014) , traballo polo que recibíu o Premio Otero Pedrayo e a Medalla de Ouro do concello de Florencia, así como Vida Nova, tamén de Dante (Espiral Maior, 1994) constitúen exemplos deste labor, a maiores doutras traducións realizadas por este autor; algunha aínda inédita como unha Antoloxía do Dolce Stil Novo, formada e traducida hai xa bastantes anos. Neste sentido, cómpre salientar tamén a súa tradución de poemas franceses e cataláns, como a de Os tres mosqueteros, de Alexandre Dumas (2000) ou Os trobadores da Occitania (Ed. da Curuxa, 2011), entre outros . A partir de 1989 publicou, principalmente, narrativa, con títulos como Galván en Saor (Xerais, 1989); Fortunato de Trasmundi (Xerais, 1990); Libro dos moradores (Ir indo, 1990); Cándido Branco e o Cabaleiro Negro (Xerais, 1992); ... O Cervo na Torre (Xerais, 1994) ou Morte de Rei (Xerais, 1996), dán fe dun intenso traballo no campo da novela, cun exitoso resultado de crítica e público; así como a súa narrativa máis recente: Mitos e memorias (Xerais, 2003) e A chegada a Lugo do primeiro tren (Concello de Lugo, 2005).

Darío Xohán Cabana é autor, ademais, de perto dunha decena de títulos inscribíbeis dentro do ámbito da literatura infanto-xuvenil e ten participado en abondosas obras colectivas.

AELG

Nacín en Roás (Terra Chá) o ano 1952, fillo de labregos con lugar pola renda; meu pai era republicano e comunista, o mesmo ca meu padriño, que era seu irmán e moito máis vello ca el; un tío de miña mai foi tenente das milicias republicanas que defenderon Madrid; gústame telo sempre presente. Fixen o bacharelato en Lugo, e non seguín outros estudos académicos. Manuel María foi o meu grande mestre de poesía. En 1968 ingresei na UPG, cuxo espírito nunca deixei; agora estou coa FPG. De 1971 a 1975 traba­llei nas Edicións Castrelos de Vigo con Xosé María Álvarez Blázquez, que me serviu de universidade e exemplo; neste tempo gañei tamén a amizade de Méndez Ferrín, o terceiro dos meus grandes mestres na literatura e na vida. Volto a Lugo, fixen diversos traballos de superviven­cia, ata que fun liberado pola Central Sindical naciona­lis­ta. Despois botei varios anos en Corcu­bión como garda munici­pal, e desde o 1986 son funcionario do Concello de Lugo, onde agora traballo como coordinador de publicacións. Vivo na parroquia de Romeán. Estou casado e teño dous fillos e unha neta. Colaboro diaria­mente, desde 1987, en La Voz de Galicia cun encrucillado en galego, e estou no Consello de Redacción d’A Trabe de Ouro desde a súa fundación. Formo parte (pouco activamente) das Redes Escar­lata, e son membro numerario da Real Academia Galega.

Entre os meus libros, que seráns uns corenta, gústame lembrar: de poesía, Roman­ceiro da Terra Cha (1973), VIII frag­mentos (1987), Amor e tempo liso (1987), Patria do mar (1989), Canta de cerca a morte (1994) e Cabalgada na brétema (2006); de narrativa, Galván en Saor (1989), Fortunato de Trasmundi (1990), Vidas senlleiras (1992), O cervo na torre (1994), Morte de rei (1996), e Mitos e memorias (2003). Fixen tamén varias antoloxías de poesía galega, e algúns estudos históricos como Modios e moios: nota sobre metroloxía galega medieval, A chegada a Lugo do primeiro tren e Cunqueiro e Don Hamlet en Lugo. Publi­quei traducións do Cancioneiro de Petrarca (unha en 1989 e outra nova no 2012), d’A Divina Comedia e a Vida nova de Dante, e d’Os Tres Mosque­teiros de Alexandre Dumas; pola d’A Divina Comedia foime outorgada a medalla de ouro da cidade de Floren­cia. Compilei e traducín unha Antoloxía do Dolce Stil Novo e outra d’Os trobadores de Occitania. No ano 2003 reuniuse nun volume, baixo o título de Vinte cadernos, toda a miña obra poética anterior.

[Agosto, 2013]

FOTOGRAFÍAS
Obras