Casares Mouriño, Carlos

Casares Mouriño, Carlos
Ourense, 1941 - Nigrán - Pontevedra, 2002
Casares Mouriño, Carlos

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto do ano 1941 e finou en Nigrán o 9 de marzo de 2002. Estudiou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela. Exerceu a docencia desde 1969, en Viana do Bolo, Bilbao, Cangas do Morrazo e Vigo. Ourense, a súa cidade de orixe, deixaría unha fonda pegada na súa obra.
Comezou a súa carreira literaria moi novo, pois en 1965 publicaba os seus primeiros relatos na revista Grial. É xa tradición entre a crítica falar de dúas etapas na produción narrativa de Carlos Casares. Unha primeira, caracterizada no plano temático pola ambientación das obras no período franquista e a utilización de elementos autobiográficos, e no plano formal polo emprego de técnicas narrativas innovadoras (monólogo interior, ruptura temporal...). Debido a isto último algúns estudosos encadran a súa obra dentro da denominada Nova Narrativa, aínda que Casares non parecía gustar desta adscrición. As obras máis representativas deste período son Vento ferido (1967), que é un conxunto de doce relatos, e a novela Cambio en tres (1969).
En 1975 publicou Xoguetes pra un tempo prohibido, novela pola que recibiu o premio Galaxia e mais o Premio da Crítica española. Esta obra, que reflicte a infancia e a adolescencia dos protagonistas na España franquista da posguerra, cerra a primeira etapa da súa produción e marca a transición á seguinte. Na segunda etapa, Casares abandona o experimentalismo formal e recupera formas tradicionais de contar, ao tempo que elimina as pegadas autobiográficas. Nas primeiras obras desta etapa recrea, tinxidos de humor e ironía, períodos históricos máis recuados no tempo: Os escuros soños de Clío (1979, Premio da Crítica galega) e a deliciosa noveliña Ilustrísima (1980). Porén, nas súas últimas novelas, Casares voltou sobre a nosa historia recente, sobre o ambiente das vilas galegas na guerra e na posguerra: Os mortos daquel verán (1987) e Deus sentado nun sillón azul (1996). Como narrador ocupa un lugar indiscutíbel na historia da literatura galega.
Ademais da súa condición de novelista, Casares cultivou a literatura para nenos con obras como A galiña azul (1968) ou a peciña dramática As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973, Premio "O Facho"). Tamén hai que salientar o seu papel como biógrafo de Ramón Otero Pedrayo, Manuel Curros Enriquez, Ramón Piñeiro, Vicente Risco, Ánxel Fole... e como derradeira biografía doutro literato, a do Padre Sarmiento. Do seu labor como ensaísta podemos citar Hemingway en Galicia (1999) ou Un país de palabras (1998). A Xunta de Galicia recoñeceu o seu enorme labor concedéndolle, en 1989, o premio á creación cultural.
Colaborador habitual, durante catorce anos, da prensa coa columna "A marxe", en La Voz de Galicia, Casares recibiu tamén os premios de xornalismo "Fernández-Latorre", en 1983, e o "Julio Camba", en 1995. Algúns destes artigos foron recompilados no volume Na marxe de cada día (1994).
Ingresou na Real Academia Galega en 1978, foi deputado polo PsdeG-PSOE en 1981, dirixiu a Editorial Galaxia, a revista Grial, e presidiu o Consello da Cultura Galega desde 1996.

En 2017 a RAG dedicoulle o Día das Letras Galegas

FOTOGRAFÍAS
Obras