Castelao

Rodríguez Castelao, Afonso Daniel Manuel
1886 - 1886
Castelao

O ilustre e polifacético intelectual Afonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao é a figura máis relevante da Historia da Galiza do século XX. Naceu en 1886 en Rianxo e, con once anos, tería de sair da súa vila para coñecer de perto o mundo da emigración na Pampa arxentina. De regreso a Galiza, concluíu o Bacharelato e iniciou os estudos de Medicina (1903-1909). Nesta altura encontramos un Castelao mozo moi dinámico, participando nalgúns episodios teatrais, pintando caricaturas e asistindo á tertulia do Café Colón.
En 1910 comezou a traballar como médico rural na súa vila, mergullándose na política local. Mais a profesión médica non conseguiu satisfacelo e unha crise de cegueira en 1914 precipitou o seu afastamento da Medicina. Pronunciou unha serie de conferencias como artista plástico. Concursou para entrar no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra e gañou en 1916 unha praza de funcionario. Desde o ano seguinte, alternaría o novo traballo co de profesor auxiliar de debuxo no Instituto Xeral e Técnico da cidade. Nesta altura Castelao é xa un artista recoñecido e o seu labor está centrado no mundo das artes plásticas: exposicións (estampas Nós) e conferencias ("Algo acerca da caricatura"). Mais tamén son anos de reflexión sobre as relacións entre a Arte e a Terra, reflexións que exporá na conferencia Arte e Galeguismo (1919) e que coallarán definitivamente despois da viaxe que, en 1921, realiza por Europa (Diarios de Arte). A partir deste momento, a plástica facilitará a entrada da literatura: Cousas da vida (1922), Cousas (1929), Os dous de sempre (1934), Retrincos (1934). No ámbito persoal, sofre a perda do fillo e o agravamento da súa doenza ocular. Nestas circunstancias marchou para a Bretaña, onde comezou As cruces de pedra na Bretaña, dada a coñecer en 1930.
Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, sumarase ao Castelao artista o Castelao político. En 1931 foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano 1931 Castelao contribuíu con numerosos mitins por todo o país á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Porén, en 1934 foi desterrado a Badaxoz, onde comezará a redixir o Sempre en Galiza. Por fin o rianxeiro regresa a Pontevedra. Convocadas eleccións en 1936, consegue o escano con maior número de sufraxios da provincia pontevedresa. Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que se reflicte nos álbums de guerra (Galiza Mártir, Atila en Galiza, Milicianos), de grande difusión internacional.
Símbolo do nacionalismo galego, desenvolveu unha actividade continua no exilio. Tras unha etapa de grande expectativa, iniciada co seu nomeamento en 1946 como ministro en representación dos partidos antifascistas galegos, entrou nun período de enorme desencanto que non superaría durante a súa permanencia en París en exercicio do novo cargo. Nos primeiros meses do ano 1949 detectóuselle un cancro no pulmón que o afastou da actividade pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Bos Aires.

Fundación Castelao

Museo Castelao

FOTOGRAFÍAS