Castro, Rosalía Rita de

Castro, Rosalía Rita de
Santiago de Compostela, 1837 - Padrón, 1885
Castro, Rosalía Rita de

Rosalía de Castro é a figura máis importante do Primeiro Renacemento galego. Naceu en Santiago de Compostela, o 24 de febreiro de 1837 e finou en Padrón o 15 de xullo de 1885. Veu ao mundo, como froito das relacións entre unha fidalga e un sacerdote. Desde ben nena pasou a vivir coa súa nai, primeiro na zona de Padrón e, a partir de 1850, en Santiago de Compostela. Nesta cidade Rosalía será testemuña da terríbel fame e do andazo de cólera de 1853-54 e vivirá o fervor revolucionario deses anos. É probábel que iniciase a súa formación na Sociedade Económica de Amigos del País, mentres asistía con regularidade ao Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista. As correntes ideolóxicas que imperaban no grupo, e que permanecerán sempre na obra de Rosalía, eran o socialismo utópico e o republicanismo democrático.
Posibelmente non fose casual que a marcha de Rosalía a Madrid, en 1856, coincidise coas represalias contra os participantes no Banquete de Conxo, organizado polo grupo do que ela formaba parte, aínda que o máis probábel é que se desprazase á Corte coa intención de se dedicar profesionalmente á escrita. Alí casou con Manuel Murguía en 1858 e publicou as súas primeiras obras: o poemario La Flor (1857) e mais a novela La hija del mar (1859). Nesta última aparece xa a Rosalía feminista, a escritora que, dentro dos estreitos límites que lle impón a época, fai unha alegación en defensa dos dereitos da muller.
A década dos 60, que desembocou na Revolución do 68, foi un período de grande efervescencia intelectual e política. Rosalía e Murguía formaban parte desa corrente federalista e republicana que aspiraba a un novo modelo político en que a causa galeguista tería cabida, que soñaba con ideais do socialismo utópico: liberdade relixiosa, libre comercio, sufraxio universal... Neste ambiente de ilusión e esperanza no futuro, Rosalía escribiu os Cantares gallegos, cuxa publicación, en 1863, marcou o inicio do Primeiro Renacemento. No "Prólogo" intentou suavizar as posíbeis reaccións contra o libro polo seu carácter reivindicativo, o uso exclusivo do galego e a autoría feminina.
Rosalía era por entón unha escritora profesional que colaboraba con regularidade en diversas publicacións, mentres atendía ás obrigas familiares que a levaron a residir unhas veces en Castela (Madrid e Simancas) e outras en Galiza (Lugo, Compostela, A Coruña, Padrón), onde ficará definitivamente na década dos 70. Mais o fracaso da Revolución do 68 e a Restauración Borbónica acabaron coa esperanza no futuro. Á ilusión seguiu o desengano, agravado polas dificultades económicas derivadas do cambio político e polas discrepancias e disputas entre Murguía e Lamas, entre o galeguismo progresista e o galeguismo conservador. As consecuencias destes desencontros pagounas Rosalía, pois ficou sen posibilidades de colaborar na prensa galega. A máis relevante escritora das nosas letras tivo que publicar o seu derradeiro poemario galego, Follas Novas (1880), na Habana e Madrid. O desencanto e a amargura ditaron as "Dúas palabras da autora" con que se abre este poemario, en que a muller galega, os nenos, os vellos e todos os desposuídos encontraron a súa voz propia.
O cancro acabou coa vida de Rosalía en 1885, non sen que antes deixara unha importantísima obra en español, poética (En las orillas del Sar) e narrativa (El primer loco, Ruinas, El caballero de las botas azules), que aínda non está suficientemente valorada.
No centenario da publicación de Cantares Gallegos, a Real Academia Galega consagrou o 17 de Maio á celebración do Día das Letras Galegas, que lle foron dedicadas a Rosalía na súa primeira edición. Os restos da nosa máis insigne escritora repousan no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

 

Fundación Rosalía de Castro

FOTOGRAFÍAS