Diéguez Vázquez, Lois

Diéguez Vázquez, Lois
Monforte, 1944
Diéguez Vázquez, Lois


UNHA XANELA PARA MIRAR

Acompañan-me duas xornalistas que quero: Pilar Garcia Cheda, de El Progreso, e Carme Vidal, de A Nosa Terra. Puxen-lles uns cafés, na mesiña da azotea. Vai un dia fermoso, de sol, nesta Páscua do 2002. Digo-lles, a ollar para o perfil afastado dos montes sobre o alongado edifício da Deputación:

- Aqueles montes sinalan Orbazai.

As duas miran para o oeste. Di a Carme:

- Botas de menos Orbazai?

- A veces, si, agora, por exemplo, cando vai sol. Non sinto o canto do malvis, ese grande concertista, nen ollo como nacen as follas.

- Foi duro o cámbio de casa, despois da morte de Carme?, pregunta a Pilar.

- Non, porque ali morria de angúria. Ela estaba presente en cada cousa. Tardei dous anos en decidir o cámbio, e aquí estou.

- Ónfalos contén a história de Carme e mais de Orzabai? Pode ser o fin dunha etapa? -as duas dispoñen-se para anotar.

- Dunha etapa feliz, si. A miña irmá daba-lle certa luz á vida. Afixemo-nos un ao outro sen notá-lo, e cando a morte te pilla tan inocente non sabes como recompoñer as cousas.

- Ónfalos fala doutra irmá, e de moitas casas polo Val de Lemos. Regresache a aqueles anos?

- Os anos da miña infáncia, case adolescéncia, pasamo-los os irmáns -fomos oito- a correr detrás do meu tio cura, que o bispo trasladaba a cada pouco de parróquia. Desde Liñares, na Póboa de Brollón, até Següin, en Pantón, ou A Broza, no Saviñao, ou Martin, en Bóveda. Cando estábamos nesta última aldea morreu a miña irmá Lucita, con vinte anos, de leucémia. Queria-a moito, tamén, e eu non podia entender aquilo aos meus doce anos. Despois converteu-se-me nun pesadelo, pois os curas meteran-nos na cabeza unha relación directa entre a morte e o pecado, o mal.

- Esa morte colle-te no mosteiro de San Clódio, teño entendido... -a Pilar parece consultar unhas notas. Musgou os ollos. É unha moza tenra, unha xornalista con tenrura.

- O de San Clódio, aló polo Ribeiro, foi unha aventura na que me meteu un frade novo e alegre, o padre Marcos, bieito. Nunca coñecin unha persoa con tanto amor polos demais. E debia ser amor o que eu necesitaba, pois a casa estaba chea de liortas entre os meus pais. El, ciumento sempre, namoradísimo dela, e ela, casada por obriga, aturando o que non sentia. Os nenos dos Chaos, o bairro de Monforte onde nacin e me criei, fuxíamos todos os dias para o convento de San Vicente a buscar a alegría e os xogos de padre Marcos. Daba-nos queixo e manteiga mandados polos americanos, naqueles anos da fame. Fixemos unha coral, líamos libros piadosos, representábamos teatro, e até compañíamos libriños e folletos na imprensa dos frades. Dalgun xeito todos estábamos namorados do padre. Un dia trasladaron-no para San Clódio. Ia de profesor dun enxame de mociños que estudaban para frades, asi que me fun detrás del despois de convencer a meio mundo. A meus pais, unha boca menos que manter, resultaba-lles, e aquilo de ser "padre" ainda tiña prestíxio. Foi outra aventura que acabou, ao cabo de case dous anos, imediatamente despois da morte da Lucita, fuxindo do mosteiro. Como non me deixaban marchar planifiquei a fuxida con todo detalle até chegar á estación de Ribadavia, e cando, feliz, estaba a agardar polo tren, apareceu o superior do mosteiro, un padre odioso, autoritário e maniático, que era tamén do Val do Lemos, e volveu-me para ali montado na barra da sua bicicleta.

A Pilar e mais a Carme rin. Como se as libretas curtasen a frescura da narración, cerran-nas e abandonan-nas, dispostas a esquecer a sua profisión e a construir a tertúlia natural da fala. Peden moitas explicacións daquela fuxida, mais non as imos narrar porque se trata agora de dar uns apuntes biográficos para contentar a Xurxo López, un leitor que se nos queixaba da brevidade da biografía exposta na páxina desta Biblioteca Virtual. A Carme, con esa voz de veludo, di que o mosteiro de San Clódio e a história contada deben ser o reflexo dunha das narracións das Sombras góticas (asi lle chama ao libro).

- Si -confirmo-, ainda que cunha miga de fantasia. Freán Racamonde, o personaxe do conto, pon-se a lembrar o seu paso por un mosteiro cando era neno, para afirmar-se na fe relixiosa que de súbito lle volve despois de tantos anos.

- Sempre buscamos unha relación entre a biografia do autor e o que conta nos seus libros. É o caso? -á Pilar aluman-se-lle os ollos de azul.

- Non. É poñer-se nunha situación en que unha personaxe, para buscar xustificacións aos seus actos, non precisamente nobres, volve á infáncia. Busca o falso para se xustificar. O autor, neste caso, vale-se, simplesmente, dunha experiéncia pontual.

- Que pasou despois?..., volviche para Monforte?

- Si. Ali pasei vários anos para facer o bacharelato. Foi clave na miña vida, como se recollese o feito daquela sensibilidade cultura de San Vicente e San Clódio e o derivase cara á escrita a través doutra figura fundamental para min, que foi o poeta Manuel Maria, profesor de literatura. Pola sua axuda naceron os primeiros versos, o cámbio de idioma (eu xa tiña escrito, en español, unha novela policíaca de resultas das miñas leituras de Conan Doyle e Ágatha Christie), o coñecimento da nosa literatura, proibida naquela altura, e falamos dos inícios dos anos sesenta. Manuel Maria ofereceu-me un mundo tan atractivo e real, a pesar de existir nunha espécie de clandestinidade, que entrei nel como se me entregasen un talismán. Albre de espranza, un feixe de poemas inocentes, nus, nace por aquelas datas, exactamente en 1966. Dous anos máis tarde, outro libro de poemas, libriño, diria, estando eu xa en Madrid, Cancións para un agromar branco e azul, que abriu a colección Val de Lemos.

- Madrid foi outra etapa definitiva?

- Clave, diria... Non tiña ainda afirmada unha idea real do que ocorria entre a Galiza e, digamos, a España. Madrid, portanto, representa a conciéncia da diferenciación, a conciencia política, xa que logo. Pola realidade comprobada de culturas e vidas diferentes e polos tópicos dos madrileños sobre os galegos. Tíñamos un acento escuro, éramos tacaños e pobres, seica. Daquela, no canto de enguriñar-me, como outros compañeiros, combatin-nos, mesmo falando en galego, idioma que até daquela apenas utilizaba. A miña conclusión foi que nós éramos diferentes, e iso significaba algo grande e rico. Portanto, os madrileños e andaluces e extremeños empurraron-me, tamén, para entrar nesta realidade plurinacional do Estado español.

- Conta-lo en A Torre de Babel, esa novela que lian moito os estudantes de Santiago a finais dos anos sesenta.

- Asi é. O espertar dun mozo á vida, ao mundo negado. As aventuras que nunca esquecerei, do Clube de amigos da Unesco, onde había unha sección galega levada por Bautista Álvarez, Ben-cho-sei, e outros homes e mulleres para mostrar-nos o submetimento deste país.

A Pilar mira para a xente a pasear pola muralla. A esa hora, cando o sol comeza a debilitar-se, converte-se nunha roda alegre e multicolor onde se poden escoitar as histórias máis ricas. Parece pensá-lo tamén, pois di:

- Henriqueta, a da Galeria, debeu coller as súas histórias destes paseos pola muralla -olla para a Carme e sorri.

- Desde logo, cando vou pasear pola muralla, gosto de escoitar o que se conta. Son moitas novelas, reais e pantásticas. Podede-lo comprobar.

A Pilar puxo-se unha miga enrubiada.

- Pero estábamos en Madrid e ainda non escreberas esas histórias de Henriqueta na galeria. En que ano volves para Galiza?

- Cando acabo a carreira, no 70, ano en que me vexo obrigado a facer a mili, un pouco tarde xa, debido ás prórrogas e aos estudos.

- Foi unha etapa dura, seica... Pero non ia chegar ao suicídio...

Eu quedo a mirar para Carme, sen entender, e ela segue:

- Si, ho, un dos personaxes principais de Galou Z-28 acaba suicidando-se. Ese mundo cerrado e mecánico da novela, na sua pantasia, está a agachar o real da etapa do servizo militar, non?

- Por suposto, agora entendo... ese mundo militar tan irracional e inhumano destruiu-me durante dous anos, e non pensei no suicídio porque son máis vital, pero outros compañeiros que tiña si o pensaban. Eu queria deixar constáncia da brutalidade levada nos cuarteis, mais non podia expoñé-lo directamente por causa da censura, daí o invento desa história en clave de ciéncia-ficción no mesmo cuartel onde fixen de soldado. Mentres os demais se embebedaban para esquecer, eu escrebia.

- Esa novela ten o prémio da Casa de Galicia en Bilbao, no ano 1975, e edita-se no 1976, segundo as miñas notas. Logo, vén un baleiro de moito tempo, até 1982 en que aparece o poemário O ferro dos dias. Por que este siléncio literário tan amplo?

- Son os anos da Reforma Política e a consolidación do nacionalismo galego. Eu chego de Madrid como militante da UPG e despois de facer a mili instalo-me en Lugo, onde entro a traballar como Topógrafo no Concello. Co meu traballo, inicialmente en solitário, vai-se criando un grupo de mozos, e loitas, e reivindicacións. No 75 asasinan a Moncho Reboiras e constitue-se a AN-PG da que acabo sendo o seu Portavoz Nacional. Son, pois, anos de loita forte, e de certa esperanza nacida coa morte de Franco. Na primeira lexislatura do Parlamento Galego, saio elixido deputado pola província de Lugo. Logo, despois dun ano de traballo, vén a nosa expulsión por non xurar a Constitución. Loxicamente, non tiña un minuto para adicar-me a escreber, e rompo-o en 1982 con ese libro de poemas, onde se reflexa unha certa desilusión persoal. Realmente, o verdadeiro sentir deses anos está nun poema longo, "Primeiro de maio de 1982" , recollido nesta Biblioteca Virtual. A partir daí retomo o meu traballo de criador, e no ano 1986 edita-se a novela, A canción do Vagamundo, que levou o prémio Eduardo Blanco Amor.

As duas xornalistas observan os pasos lentos dunha muller grosa pola muralla. Eu miro para ali tamén. Parece moi cansa. Avanza dous ou tres metros e volve parar. Anguria-me esa agonia, e a elas. Pasan uns momentos en siléncio, coas nosas olladas cravadas na figura da muller grosa que fai esforzos sobrehumáns para se mover. A Pilar fala rápido, como se quixese borrar aquela imaxe:

- En várias ocasións declarache que tres libros saídos despois, entre 1993 e 1997, forman unha triloxia, e refero-me a Monólogos do espello, Tres sombras góticas e unha rosa e o outro do que xa falamos, Henriqueta na Galeria. Non obstante non parecen ter relación. Os Monólogos, por exemplo, meten-nos nunha atmósfera un tanto destructiva, mentres que o de Henriqueta xoga máis coa ironia e mesmo o cepticismo.

- Precisamente. Son tres novelas, ou duas novelas e un libro de contos, se queres, unidas por unha soa idea: explorar o noso mundo psicolóxico. Por que, galegos e galegas, en termos xerais, temos unha predisposición innata a que nos corten a cabeza no canto de nos defender cando nos atacan? Nas Sombras góticas asi aparecen as personaxes dominadas por un dictador, Abragán. Todo o mundo se lle submete, todos menos algun, raro, que se lle enfronta, como é o caso de Gude. Asi que, nos Monólogos aparece o mundo negro, íntimo, dos que dialogan consigo mesmo para saber como son. Nas Sombras, o mundo gris, ve-se xa unha afirmación do eu, do nós, nas xeracións novas que representan o Erin e a Lua, precisamente porque se educan entre duas culturas diferentes, a oriental e a occidental, se falamos en termos xerais. E Henriqueta, o branco, seria xa a experiéncia da vida e o asentamento do real librado dos complexos.

- Mais na filosofia da submisión tamén se dá o contraste... -a Carme olla en fite para min. Está desilusionada polo que dixen?

- Por suposto, tamén é real. Os seres somos diferentes, pero a cultura, a história, poñen notas comuns no colectivo.

- Non parece un plantexamente estrictamente político? -pregunta a Pilar.

- É un plantexamento humano. A Política governa as vidas. Todos e todas dependemos dela, para vestir, para comer, para desfrutar ou non dos nosos dias. Portanto, parece-me equivocado o querer arredar o indivíduo nun castelo illado tamén do seu contorno.

- E ten-se-che acusado de escritor político -insiste a Pilar con ton irónico.

- Os oficialistas da cultura, os burócratas da administración de turno... só aos que temos un pensamento progresista, nacionalista no meu caso, se nos di iso, e non aos escritores de idea conservadora, comprendes? O pré-xuízo non vale para unha análise de peso. Ten-no estudado moi ben Mario Benedetti.

- Con todo, analisando o teu desenvolvimento como home e escritor, ven-se cousas estrañas - di a Carme desde a varanda do balcón -. Hai como un siléncio, non sei se planificado, a respeito da tua obra, nas escolmas, nos libros de texto, en certos meios de comunicación... Como ves isto?

- É perigosa a pergunta. Seria mellor facer-lla aos arquitetos dese siléncio, no caso de ser certo.

- Tamén eu cha ia facer -insiste a Pilar, e queda a fitar-me-. Tes un grande traballo feito, non?

- Aí está, si, pero...

- Non te relacionas cos que moven a cultura de masas -volve a Carme-. Non escrebes na normativa oficial, elixes temáticas de choque, es moi crítico... e non cultivas certas amizades...

- ... as amizades perigosas -digo eu a rir.

Hai un siléncio unha miga incómodo. Rompe-o a Pilar ao cambiar de tema.

- Ese novo proxecto de Círculos Líticos tivo unha boa acollida co espectáculo Viva Palestina, coidas que pode rachar o illamento da poesia?

- Ten o fin de uni-la con outros campos da arte aproveitando a música e a imaxe. Recebe-se mellor, e gosta moito, quedamos contentos e con gaña de organizar outro espectáculo. A xente vai-se despedindo, e o sol, grande, funde-se no Penarrúbia. A Pilar colle un libro da mesiña, e pon-se a ler o final. Viaxe ás terras encantadas do Lemos. Eu acendo outro cigarro. Carme imita-a cun poema de Ónfalos, tamén o final.

- Escrebeche-los con moito amor, estes dous libros.

- A morte e a vida, o cardo e a rosa. A Viaxe polo Val de Lemos é unha mistura de xéneros. Anegar-me nas augas do meu Val nativo para coñecer os seres e as paisaxes e reviver as suas histórias. Crin que os coñecia e decatei-me, neses dous anos de traballo, de que non era certo. Hoxe, si. O Ónfalos foi escrito para lle dicer á miña irmá Carme o centro cósmico que representaba; e para seguir sentido a sua enerxia.

- Falaremos máis outro dia?

- Por suposto. A história comeza aqui, e vós sodes boas cronistas. Amades o país, coñecedes a nosa literatura, tedes unha ampla cultura... sodes unha espécie rara dentro do xornalismo de hoxe. E claro, pasa o que pasa...

A Carme fai aceno de bater-me. A Pilar simplesmente sorri. E baixamos para a rua falando animadamente. Despois, na cea que facemos no "Rivas", a Carme, así como a traizón, ainda me pergunta:

- Oe, Lois, falamos tanto e ainda non che fixen unha pergunta fundamental para min, e aí vai: por que escrebes?

Certamento, fico a cismar. Non sei que dicer. Por que un ferreiro fai aldrabas que atrain a nosa mirada? Quizabes queiramos, nós, coñecer quen somos, ou por que somos asi... e busquemos algunha explicación á morte e á mesma vida. As histórias son iso. Pasa un anxo entre os nosos pratos e ollamos os tres para el, e o cabrón, antes de desaparecer, chisca-nos un ollo e fai coa boca ese bruído alegre e súbito que estoupa ao abrir unha botella.

[Setembro, 2002]

 

VIDEOS
iphone video