Espinosa Río, María Estíbaliz

Espinosa Río, María Estíbaliz
1974
Espinosa Río, María Estíbaliz

a dinastía min

podería ter nacido en Bruxas no 1497, pero non foi así
ou ter nacido lobo
ou unha autómata fabricada por unha anciá enxeñeira
ou a nebulosa de orión
ou un ópalo
ou unha folla sen nome
pero non foi así
[1974: a sonda Mariner 10 fotografa Mercurio]
[1974: descóbrese o exército de terracota na tumba de Qin Shi]

cousas que lembro

o home da botella de Mondariz, que levaba unha botella de Mondariz cun home que levaba unha botella de Mondariz cun home...
Flash Gordon, a miña primeira vez no cine
Alicia, regalo de meu irmán Guillermo, que por entón tiña un aire a Antoine Doinel
o gato
o espello multiplicador do armario
os contos que debuxaba cunha paciencia xaponesa
o disfrace de azteca
a frase nun libro de lectura de 1º de EXB que me conmovía
Inés
a música dos planetas
a bruxa Golominda, en Radio 3, co meu irmán
a praia de Miño
Dexo, a nosa arcadia familiar perdida
a androxinia do barón Ashler
a caixa de vasquitos e nesquitas
algúns domingos no cemiterio, aburrida das flores
un lunar pintado por imitar á miña nai, que por entón tiña un aire a Romy Schneider
os delirios da febre
o cubo rubik
o misterioso ordenador que me mercaron
cantar por medo á soidade nunha casa enorme

cousas que aconteceron despois

Na adolescencia... todo debe ser terríbel. Foino
[1993: desenvolvemento do explorador NCSA Mosaic para Internet]

A xente que coñecín e todo o que vivín e aprendín fóra da universidade mentres estudaba na universidade
[1997: o cometa Hale-Bopp acada o seu punto máis próximo á Terra]

Na miña estirpe de familia arruinada, suicida e cun insubornable sentido do humor e a ironía, que eu publique libros é un mal menor
[2002: desciframento do xenoma humano: por pouco non somos a mosca da froita]

As cordilleiras apréndennos que as separacións deixan cicatrices. E as unións, tamén
[2005: lanzo o meu primeiro blog: como kosmos]

Vivo misteriosamente feliz entre unha Y grega e un I latino. Iso é todo canto se pode saber. Xa sabes demasiado. É perigoso.

cousas que me dilatan as pupilas

as cereixas
o cosmos
os gatos
as láminas de Brueghel
as de Lugrís
as fotos de Madoz
as autómatas
bucear
PJ Harvey
Ravel e todos os músicos eslavos
espertar vendo ceo
Y
I

algunhas cousas que sabía facer

cantar arias de soprano
cantar coa voz moi grave
o pino
relacións etimolóxicas
sinalarche a polar
contacontos para nenos
desconfiar das estatísticas
aborrecer aos autocompracentes
gañar un premio sen que ninguén no xuri teña a máis remota idea de quen son
asinar cuns puntos suspensivos
ser humana


[...]


Nota: fotografía de Noemí Cubillo
tratamento dixital de E.E.

[Agosto, 2007]