Fernández del Riego, Francisco

Fernández del Riego, Francisco
1913 - 1913
Fernández del Riego, Francisco

Francisco Fernández del Riego, nacido en Vilanova de Lourenzá (Lugo) no ano 1913, é unha das figuras máis relevantes do ensaio e a crítica literaria galega.
Avogado de profesión, comezou a militar nas filas do galeguismo durante o período republicano, intervindo en diversos proxectos do grupo Nós e o Seminario de Estudos Galegos.
Xunto con Ramón Piñeiro e Xaime Illa Couto, foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia (1950), empresa que liderou o proceso de restauración cultural na posguerra. Desta iniciativa xurdiu a revista Grial (1963), que Del Riego dirixiu en colaboración con Piñeiro durante os primeiros cen números e onde participaría asiduamente con artigos e recesións literarias.
Autor dunha extensa obra, o intelectual galeguista cultivou o ensaio sobre a cultura e a literatura galegas (Cos ollos do noso esprito, 1949-; Historia da literatura galega, 1951; Galicia no espello, 1954; Diccionario de escritores en lingua galega, 1990; A xeración Galaxia, 1996) e estranxeiras (Letras do noso tempo, 1974; Escritores de Portugal e do Brasil, 1984), a narrativa (O cego de Pumardedón, 1992; Mondoñedo, 1992) e a literatura de viaxes (As peregrinacións xacobeas, 1983; O camiño de Santiago, 1992; Galicia, 1994). Redixiu varias biografías (Ánxel Casal e o libro galego, 1983; Antolín Faraldo, o gran soñador, 1998), deu ao prelo dúas antoloxías poéticas (Do dezanove ós continuadores, 1976; Do posmodernismo ós novos, 1980), editou varios vocabularios galego-castelán e asinou innúmeros artigos xornalísticos. Tamén publicou un libro de memorias, O río do tempo (1991).
Foi director da Real Academia Galega, entidade en que ingresara en 1960 cun discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, e da Biblioteca da Fundación Penzol.
Polo seu importante contributo á nosa cultura, Fernández del Riego foi recoñecido con numerosos galardóns (Premio Trasalba, Premio Pedrón de Ouro, Medalla de Ouro da Cidade de Vigo, Premio de creación Cultural da Xunta de Galicia, Premio Celanova, a casa dos Poetas, etc.). Así mesmo, foi nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo e Galego Egrexio pola Fundación dos Premios da Crítica.

[Abril, 2002]
FOTOGRAFÍAS
Obras
Galicia (2002)