Fernández-Noriega Varela, Antonio Manuel Xesús María

Fernández-Noriega Varela, Antonio Manuel Xesús María
1869 - 1869
Fernández-Noriega Varela, Antonio Manuel Xesús María

En 1869 Antonio Noriega Varela veu ao mundo en Mondoñedo. Moi relixioso, ingresou con catorce anos no Seminario, onde se fixo popular gracias ao seu carácter festeiro e satírico. Alí adquiriu formación clásica e comezou a escribir poemas en español que enviaba á prensa local. Mais non puido ordenarse sacerdote ao lle negar Roma a dispensa por ser fillo de solteira, polo que decidiu facerse mestre. En 1901 comezou a exercer en Foz, onde morou até ser expedientado e trasladado a Calvos de Randín. Aquí publicou poemas de ton agrarista no xornal ¡Guau...Guau! e descubriu o movemento anticaciquil da man de Antón Vilar Ponte. Porén, abandonou a reivindicación agrarista (nunca asumida por un Noriega politicamente conservador) e, crítico cos rumos estéticos da poesía galeguista, acabou renegando destes poemas.
Os tres anos que viviu desterrado nas terras arraianas provocáronlle un sentimento de desolación. O posterior traslado a Trasalba supúxolle a posibilidade de trabar novas relacións. A máis definitiva sería a de Otero Pedrayo, baixo cuxa protección coñeceu a Basilio Álvarez e entrou en contacto cos escritores portugueses. Neste tempo publicou o seu primeiro libro (Montañesas, de 1904), poemario costumista con fórmulas decimonónicas que logo serán abandonadas en favor dun lirismo "franciscanista" máis depurado. En 1920 o "poeta da montaña" deu ao prelo D'o Ermo, en cuxas sucesivas edicións (até 1946) foi incluíndo novos poemas. Con 57 anos obtivo un destino definitivo como mestre con plenos dereitos e regresou ás terras da súa xuventude. En Abadín, onde foi recibido con admiración, contou coa compañía do xoven poeta Iglesia Alvariño, co trato dos labregos e coas conversas cos compañeiros na etapa do Seminario. Foron anos de recoñecemento, en que o mindoniense foi elixido membro da Real Academia Galega e en que se lle tributaron numerosas homenaxes. En 1930 Noriega solicitou o traslado á mariña para fuxir dos rigores do clima. Nas proximidades de Viveiro discorreu a última etapa da súa vida docente, rodeado de admiradores e amigos. Coa sublevación militar, posicionouse en contra da República, incrementando a súa produción poética (agora en español). Tras a guerra (e de novo instalado na nosa lingua) chegoulle o tempo do retiro e coñeceu, até o seu pasamento en 1947, un momento de fondo pesimismo.
O amor polas tradicións levouno a recolectar léxico, cantares, refráns e adiviñanzas, do que naceron a colección A Virxen y-a paisanaxe (1914) e as dúas series de Como falan os brañegos (1928 e 1939), para alén de moitas colaboracións publicadas na revista Vallibria.

FOTOGRAFÍAS