Filgueira Valverde, Xosé Fernando

Filgueira Valverde, Xosé Fernando
1906 - 1906
Filgueira Valverde, Xosé Fernando

Xosé Fernando Filgueira Valverde naceu en Pontevedra en 1906. Realizou estudos de Dereito, Filosofía e Letras (alcanzando o título de doutor) e Psicoloxía nas Universidades de Santiago de Compostela e Zaragoza. En 1923 formou parte do grupo de fundadores do Seminario de Estudos Galegos, onde dirixiu a sección de Historia da Literatura. Desde ese momento e até a súa morte, acontecida en Pontevedra en 1996, o erudito pontevedrés mantería unha gran actividade na promoción de iniciativas culturais.
Filgueira Valverde iniciou o seu amplo labor docente en 1927 no Instituto de Ensino Medio de Pontevedra. En 1935 gañou unha cátedra no Instituto Balmes de Barcelona e posteriormente exerceu en Lugo e na cidade do Lérez, da que foi alcalde. Pola súa dedicación ao ensino recibiría o alcume do "vello profesor".
Membro numerario da Real Academia Galega desde 1942 e correspondente das Reais Academias de Historia, de Lingua e de Belas Artes de San Fernando, en 1972 foi nomeado vocal do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. Dirixiu ademais o Museo "Rosalía de Castro", o Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No bienio 1982-83 exerceu o cargo de Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.
Na década de trinta foi colaborador habitual de El Pueblo Gallego e Logos, publicación esta última en que mantería unha sección de comentarios bibliográficos asinados co pseudónimo J. A. Para alén destes artigos, a súa obra literaria atinxe a narrativa, a poesía, o ensaio e o teatro. Así, na súa producción figuran o libro de relatos Os nenos (1925) e a semblanza O vigairo (1927); o texto teatral Agromar. Farsa pra rapaces (1936) —estreado en 1932—, de novo asinada por J. Acuña; as antoloxías Cancioneiriño de Compostela (1932) e Cancioneiriño novo de Compostela (1969), en que recolle composicións do medioevo e etapas posteriores que fan referencia á capital galega, ou o volume de prosas literarias Quintana viva (1971).
Porén, a maior aportación de Filgueira Valverde constitúena os seus traballos no campo da investigación. Moitas destas prosas, espalladas pola imprensa diaria, foron recollidas polo autor nos nove volumes editados baixo o título xenérico de Adral entre os anos 1979 e 1996. As súas aportacións ao coñecemento da lírica medieval verían a luz en 1992 no libro Estudios sobre lírica medieval: traballos dispersos (1927-1987).

FOTOGRAFÍAS
Obras
IX Adral (1996)
VI Adral (1990)
V Adral (1989)
II Adral (1981)
Adral (1979)
Os nenos (1925)