González Gómez, Xoán Xesús

González Gómez, Xoán Xesús
1950
González Gómez, Xoán Xesús

(Xesús González Gómez asina tamén como Carlos Posada)


Nacín, como todo o mundo, de pequeno. Non fun setemesino aínda que na familia non estaban moi seguros. (Para as crónicas, son o segundo de catro irmáns tres mulleres e mais eu, de pai galego e nai ibicenca.) Non obstante, e segundo vellas crónicas familiares era un nene encantador. Pouco a pouco, lei de vida, funme facendo maior. Debido a un acidente seica, cambio o meu carácter cando tiña pouco menos de 8 anos (saín voando dun auto). Non sei se o meu carácter ou as miñas pulsións, con todo, a esa idade continuaba a ser un polimorfo perverso, o que hoxe, infelizmente, non son.
O lugar do meu nacemento chamábase A Rúa-Petín, con guión no medio, aínda que hoxe moitos escriben A Rúa de Petín, non sei por que. Foi xusto no medio do século vinte e no medio do mes de setembro daquel ano. Son, pois, Virgo por se alguén lle interesa, ora ben, non sei nin os ascendentes nin os descendentes planetarios nin que conxunción había aquel día.
Cando cumprín os dez anos enviáronme a Ávila —"ciudad en la que no hay prostitutas", rezaba un rótulo que non sei se aínda estᗠa estudar. Grazas a ese envío, souben eramos, os galegos, "diferentes" ou tal me dixo un dos profesores: eles non eran salvaxes coma nós.
Aos 16 trouxéronme a Barcelona, e aquí continúo.
As miñas lecturas infantís e de mocidade foron os chamados tebeos de El Capital Trueno, El Jabato, El Cosaco Verde, Hazañas del Oeste, Hazañas Bélicas, El Cachorro, El Guerrero del Antifaz, etc., que cada semana me compraba a nai. Lecturas que enlacei con Marcial Lafuente Estefania, Joe Mogar, Silver Kane, Alf Manz e outros que agora non lembro.
Con trece anos lin un libro que —iniciando un costume que me durou demasiado—, mangara nunha libraría de Ávila: Cantares Gallegos. Un ano despois lin os Seis poemas galegos de Lorca, a nai tivo a infeliz idea de regalarme as obras completas do granadino que non lin até moitos anos despois. Daquela non me interesaba a poesía, prefería ir cos amigos a arretos, perseguir rapazas, facer barullo no cine, fumar Bisonte ou o que fose e iniciarme nas novelas do oeste. Até os 17 non volvín ler outro, Sombra do aire na herba, que encontrei nun mercado de libros usados en Barcelona a carón das novelas do "oeste" que ía comprar. Comparado con aquelas novelas, a poesía pareceume un peñazo. Mais, por non sei que conxunción, atopei o único posto de Barcelona onde se vendían xornais galegos —na biblioteca caseira, case todos os libros eran da colección Novelas y Cuentos e algunha que outra cousa de Kropotkin, do que non entendía nada. Comprei, pois, aquel primeiro día, Faro de Vigo, que traía unha páxina enteira en galego, e algun que outro artigo (era un exemplar do domingo anterior). E continuei a compralo e a ler a uns tais Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros, Álvaro Labrada, Manuel María, Seoane, Patricio Mor, etcétera.
No mítico 68 (non o pasei en París, senón en Barcelona e Ibiza) coñecín, por pura casualidade, en un bar, a Xavier Costa Clavell. No Centro Galego, do que me fixera socio para poder ler os libros da biblioteca —xa tiña uns cantos en galego, dera coa única libraria que vendía libros galegos en Barcelona, e compraba todo, até Problemas Humáns, de Spranger, en tradución de García Sabell (a verdade, tampouco entendía nada do que dicía Spranger).
Eses dous coñecementos cambiaron totalmente as miñas lecturas, e a Biblioteca de Basilio Losada os meus gostos literarios (sobre todo unha antoloxía de Poesía surrealista feita por Aldo Pellegrini).
E fun medrando traballei en diversos empregos, fixen o chamado servizo militar, colaborei en diversos xornais e revistas galegas, logo nalgún catalán e desde hai demasiados anos gaño o meu sustento facendo de produtor radiofónico en RNE —traballo que ninguén sabe, nin ás veces eu, en que consiste.
Pouco máis hai que contar, e como o que falta interesará menos aínda do que dixen, só queda despedirse até a próxima.


XGG

[Febreiro, 2002]

FOTOGRAFÍAS