Guerra da Cal, Ernesto

Guerra da Cal, Ernesto
1911 - 1911
Guerra da Cal, Ernesto

Ernesto Guerra da Cal naceu en Ferrol no ano 1911. Á morte do pai, a familia transladouse a Quiroga (Lugo), onde transcorreu a súa infancia. Viaxou a Madrid, para realizar estudos de Bacharelato e de Filosofía e Letras. Durante os anos da II República tomou contacto coas figuras máis destacadas da intelectualidade galega; na Guerra Civil alistouse nas Milicias Galegas e combateu na fronte de Toledo. Posteriormente ampliou en Nova Iorque a súa formación.
En 1951 xa co doutoramento en Filoloxía Románica pola Columbia University, conseguiu a cátedra de Linguas e Literaturas Románicas e máis tarde dirixiría o Departamento de Español e Portugués do Washington Square College; tamén foi colaborador activo da Radio Oficial de Suecia e na Voz de América.
De ideoloxía nacionalista, defensor da integración de Galiza no mundo lusófono e da dignificación da lingua galega, Guerra da Cal renunciou á nacionalidade española e á posibilidade de regresar ao país.
En 1954 publicou Lingua e Estilo de Eça de Queiroz, ademais de varias monografías, ensaios colaboracións e traducións para antoloxías, dicionarios, enciclopedias e revistas de diferentes continentes. Dous anos despois redixiu as páxinas galegas do Dicionario das Literaturas Portuguesa, Galega e Brasileira.
Os seus poemarios marcaron o camiño do reintegracionismo moderno: Lúa de Além-Mar (1959), Poemas (1961), Río de Sonho e Tempo (1962), Motivos do Eu (1966), Futuro Imemorial (1985), Deus, Tempo, Morte, Amor e outras Bagatelas (1987) e Espelho Cego (1990). Alén disto, publicou dúas obras centradas na figura de Rosalía de Castro: Antologia Poética. Cancioneiro Rosaliano (1985) e Seis Poemas a Rosalia de Castro (1988). Caracol ao Pôr do Sol (1992) foi o seu derradeiro poemario, publicado postumamente en 2001.
Ernesto Guerra da Cal obtivo ao longo da súa vida numerosas distincións académicas e institucionais; así, concedéronlle a medalla Padre Anchieta, a chave da Cidade de Rio de Janeiro, a medalla Oskar Nobiling, da Sociedade Brasileira de Lingua e Literatura; tamén foi Presidente de honra do I e II Congreso Internacional da Lingua Galaico-Portuguesa, socio da Academia de Ciencias de Lisboa e da Sociedade de Xeografía, membro da Academia Internacional da Cultura Portuguesa e Doutor Honoris Causa polas Universidades de Bahia e Coimbra.
En 1977 retirouse a Estoril. Morreu na capital portuguesa en 1994.

FOTOGRAFÍAS