Herrera Garrido, Francisca

Herrera Garrido, Francisca
1869 - 1869
Herrera Garrido, Francisca

Francisca Herrera Garrido naceu na Coruña de 1869 no seo dunha familia acomodada. Só viría perturbar a feliz infancia a morte do único irmán de Francisca, facto que contribuíu a fortalecer a relación da escritora coas súas tres irmás, que se mantería ao longo da súa vida. Xa rapariga, coñeceu a morte do seu namorado, ás portas do casamento, o que provocou a determinación de Francisca de dedicar a súa existencia a asistir a nai. O amor entre nai e filla, fondamente idealizado, foi, xunto co ruralismo e a renuncia da muller, un dos eixos temáticos da súa obra.
A entrada da escritora coruñesa no mundo literario produciuse coa publicación do libro de poemas Sorrisas e bágoas (1913). Tras esta primeira obra, saíron do prelo dous novos poemarios, ¡Almas de muller! ... volallas na luz! (1915) —prologado por Manuel Murguía— e Frores do noso paxareco (1919), que seguen a estela popular dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. O interese de Francisca pola escrita da autora de Follas Novas —a quen chegou a coñecer— levouna a prologar, en 1925, os Cantares Gallegos e, inclusivamente, a gañar un premio outorgado por El Diario Español, de Bos Ares, cun traballo sobre a singular poeta.
Tras a morte da nai, por volta de 1915, Francisca transladouse a Madrid e aínda que residíu nesta cidade ata 1936, sostivo durante este tempo a súa vinculación coa Galiza. Para alén de non perder o contacto cos Murguía de Castro, Herrera coñeceu nestes anos figuras destacadas da cultura galega. Considerada poeta de verso sinxelo e impar riqueza léxica, a súa obra narrativa é moi superior á súa lírica. A peza clave da literatura herreriana é, incontestabelmente, a novela Néveda (1920). Após a publicación deste romance, a escritora instalouse na narrativa ruralista de corte sentimental, dando á luz varios relatos de carácter breve, "A y-alma de Mingos" (1922) e "A neta da naipeira" e "Martes de Antroido", ambos editados en 1925. Tamén levou ao prelo por eses anos dúas novelas longas en español Pepiña e Réproba, e, en 1931, voltaría á poesía con "A nosa nai Galiza", publicada na revista Nós.
Co inicio da guerra, Francisca Herrera fuxiu da capital madrileña e instalouse primeiro en Oleiros e posteriormente na Coruña. Foron anos de penuria económica para a escritora, tendo como único consolo a literatura. Así, Francisca continuou a compor pezas líricas, traduciu á nosa lingua algúns poemas relixiosos e deu á luz un novo romance en español, Familia de lobos. En 1945 saíu elixida membro numerario da Real Academia Galega e, con setenta e seis anos, comezou a redixir o discurso de ingreso, mais a escritora morreu en 1950 sen se ter formalizado a súa entrada na institución. Malia isto, Francisca Herrera é considerada unanimemente a primeira muller membro da academia.

FOTOGRAFÍAS