Lado Lariño, María

Lado Lariño, María
1979
Lado Lariño, María

María Lado naceu no 124 dun taxista de Cee a noite do 14 de abril do 1979, camiño de Compostela. Cando era nena e lle preguntaban que quería ser de maior sempre dicía que quería ser Agatha Christie. Seus pais sempre a animaron a escribir.

Así, comezou a facelo entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías poéticas editadas do colectivo. Como poeta ten publicado seis libros individuais: A primeira visión (Letras de Cal, 1997), casa atlántica casa cabaret (Xerais, 2002), berlín (Concello de Santiago-El Correo Gallego-Aelg), Nove (Ed. Fervenza, 2008), Amantes (Ed. Caldeirón, 2011) e oso, mamá, si? (Xerais, 2015), escollido como mellor libro de poesía na I Gala do Libro Galego. Tamén é autora do conto para nenos Porque Cuqui non quere ir á lavadora (Apiario, 2014), da novela para público xuvenil Entre os dous hai un río (Ed. Elvira 2016) e do libro de poemas para crianzas 5 minutos (Auga Editora, 2017).

Conta con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole e antoloxías. Destas últimas salienta, pola súa importancia, D’efecto 2000 (Letras de Cal, 1999), o volume 25 anos de poesía galega 1975-2000 editada pola Voz de Galicia (2003), Das sonorosas cordas (Eneida, Madrid, 2005), o volume Por man propia (Bourel, 2005), a antoloxía de poetas irlandesas e galegas To the winds our sails (Salmon Poetry, 2010), Veinte puntos de fuga. Poesía gallega contemporánea (Fundación editorial El perro y la rana. Venezuela, 2011), Anthology of Galician Literature (Xunta de Galicia, Xerais e Galaxia, 2012), e o volume Intimi pogon. Fábrica íntima compartido con Gonzalo Navaza (Croatian Book Center, Zadar, 2014).

Textos seus foron traducidos e publicados para antoloxías ao castelán, portugués, catalán, ruso, croata e irlandés. Outros aparecen en discos como o CD Pensando Nelas, editado pola universidade do País Vasco e o Centro de Estudos Galegos, o primeiro disco de Igmig, Shaishakarraskaishe, ou nos documentais Redeiras (X. H. Ribadulla Corcón) e Tecendo o fío da memoria (María Reimóndez).

É guionista da radionovela Novembro, que foi parte da obra da artista Julia Montilla para o Proxecto Edición e que emitiu na Radio Galega no 2006.

Tamén realizou a adaptación e dirección das versións teatrais dos contos As manoplas da carapuchiña, Os seis barbudos, A pota que trota, A guerra dos números, As peripecias de Extravaganzza Pérez, Escaquis e Romeu e A ovella Engracia para o Salón de Literatura Infantil e Xuvenil de Pontevedra (entre os anos 2012 e 2018).

En ocasións sobe ás táboas como actriz. O último espectáculo de teatro no que traballou foi a montaxe Oeste Solitario, de Producións Teatrais Excéntricas, baixo a dirección de Quico Cadaval. É tamén unha das actrices da película Kauflanders de Olaia Sendón.

Dende o ano 2005 mantén coa poeta Lucía Aldao varios recitais escénicos baixo o nome Aldaolado, o que as leva por diversos escenarios de Galicia e de fóra. De eles destacan Onde estea un cubata que se quite un soneto, Moita poesía, pouca diversión, After, Sempre en Ibiza ou Pendanca e Oso.

(Maio, 2018) AELG