Lago González, Manuel

Lago González, Manuel
1865 - 1865
Lago González, Manuel

Manuel Lago González viu a luz en Tui no ano 1865. Cursou o Bacharelato e os estudos de Humanidades, Filosofía e Dereito Canónigo no Seminario Diocesano da súa vila natal. Posteriormente, adquiriu coñecementos de grego e hebreu e licenciouse na Universidade Pontificia Compostelana, tras o cal regresaría ao Seminario como catedrático. Alí impartiu aulas de Teoloxía Dogmática e de Arqueoloxía. En 1888 sería ordenado sacerdote.
Desde a mocidade no Seminario, Lago compuxo poesía en galego e español, mais os seus libros, de temática relixiosa, serían redixidos en español. Porén, formou parte da Asociación Rexionalista Galega de Murguía, desde a cal participou na organización dos segundos Xogos Florais da Galiza, celebrados na capital tudense en 1891. Anos máis tarde o nome do arcebispo Lago encontraríase entre os fundadores da Real Academia Galega, onde ingresou cun discurso titulado "Elogio de la lengua gallega".
Tras opositar sen éxito a cóengo, transladouse a Lugo, onde foi nomeado bispo en 1910 do Burgo de Osma. En 1917 sería preconizado bispo de Tui e seis anos máis tarde de Compostela. Cunha óptima consideración por parte do galeguismo (que vía con bons ollos a incorporación á sé compostelana dun arcebispo galego tras 129 anos de predecesores foráneos), Lago foi escollido membro de honor do Seminario de Estudos Galegos en 1924 e neste mesmo ano os estudantes universitarios de Santiago imprimiron algúns dos poemas do relixioso. Antón Vilar Ponte manifestaría na súa "Louvanza de Lago González" as expectativas creadas polo nomeamento do novo arcebispo.
Publicou na nosa lingua, por veces baixo pseudónimo, un conxunto de poemas (algúns de carácter narrativo) que se adscriben ao costumismo decimonónico. A paisaxe rural, os motivos relixiosos e a infancia en Tui son os núcleos temáticos destas composicións —que non alcanzan un alto nivel literario—, entre as cales podemos citar "O derradeiro celta", "O milagro da Portela", "O tesouro de Santa María", "Pedro Madruga", "San Campio", "Alborada", "Fror nova", "Ourizos", "Toxos", "Inverneiras", "O Neno Xesús"... Tamén cultivou o teatro, nomeadamente pezas breves como Calabazas, sainete nun acto e en verso.
O poeta faleceu en 1925. O seu corpo descansa desde entón na Capela da Comuñón da catedral compostelana. Coincidindo coa publicación en 1934 de Lago González, arcebispo galego, a cargo de Filgueira Valverde, tributaráselle en Compostela unha homenaxe como recoñecemento a un labor galeguizador realizado desde unha institución tan conservadora como a Igrexa da altura. O Día das Letras Galegas de 1973 foi dedicado ao escritor tudense.