Ledo Andión, Margarita

Ledo Andión, Margarita
1951
Ledo Andión, Margarita

Castro de Rei-Terrachá: 1951. Tres irmáns, dúas irmás, a tia Matilde, a tía Pepita, a tía Marita, miña nai Amparo —todas cubanas de nacenza— e meu pai, empregado do Concello e de Esquerda republicana, como moitos funcionarios públicos. Por este toque de roxos, eu e meus irmáns iamos a unha escola rural, fóra da vila, porque na vila os mestres eran rigurosamente falanxistas. Entre outras avantaxes, a escola de Barxa era mixta.
Despois veu o bachalerato no Instituto de Lugo, a morte en accidente de meu pai cando regresábamos do meu exame de Preu en Santiago, a ida para Barcelona estudar xornalismo, as manifestacións na rúa, a cultura alternativa, a militancia, o primeiro poemario, Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto? que me publica Manuel María no selo Xistral, e o meu vínculo ao nacionalismo.
Exilio en Portugal do 74 ao 76 e, ao regreso, ideación e dirección até 1980 do periódico semanal A Nosa Terra. A partir dos anos oitenta comeza a miña separazón da imprensa, como profesión, e o meu achegamento ao mundo académico e da escrita. Paso por Lisboa cunha bolsa da Fundação Gulbenkian, 1982; concurro a unha praza da Universitat Autónoma de Barcelona e traballo na Facultat de Ciencies de la Informació entre o 1983 e o 1991, fágome doutora e profesora titular por esa universidade e a comezos dos noventa trasládome para a Universidade de Santiago e poño en marcha a Faculdade de Ciencias da Comunicación.
Nos oitenta publico o primeiro livro de narración, Mamá-Fe; a primeira novela, Trasalba; o primeiro ensaio, Prensa e galeguismo, e vou escrebendo poemas 'de encárrega', para festivais, eventos, conmemoracións, reivindicacións. Do noventa en diante ábrese un periodo intenso de produción científica e de entrada desta produción nas editoras en español: Documentalismo fotográfico, en Cátedra, 1998 ou Del cine-ojo a Dogma 95, Paidós, 2004.
A partir do 2000 métome no meu primeiro proxecto cinematográfico, Santa Liberdade, que se presenta no Teatro Principal de Santiago o 22 de xaneiro de 2004.

[Febreiro, 2004]
FOTOGRAFÍAS