López Valcárcel, Xulio Xabier

López Valcárcel, Xulio Xabier
1953
López Valcárcel, Xulio Xabier

Xulio López Valcárcel (Lugo, 1953), poeta e narrador, é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como procurador dos Tribunais en A Coruña. Membro destacado da Xeración Poética dos Oitenta, figura nas máis importantes antoloxías da poesía galega contemporánea, como Escolma da Poesía galega, de Xosé Lois García, Poesía Galega de hoy (Colección Visor, Madrid 1991), Los caminos de la voz, seis poetas gallegos de hoy (Colección Maillot Amarillo, Granada 1995), Poesía Gallega Contemporánea (Litoral, Málaga 1996), Antoloxía Consultada (1976-2000), de Arturo Casas, ou Desde a palabra doce voces (Barcelona, 1986) e Poetas galegos do século XX, (Espiral maior. A Coruña, 2006), de Luciano Rodríguez. Os seus poemas foron traducidos ao español, catalán, inglés, italiano, alemán, ruso e francés.
Colaborador habitual de prensa e radio, é membro da Asociación Española de Críticos Literarios, tendo recibido polo seu traballo divulgativo no xornal “El Ideal Gallego” e en “Radio Coruña. Cadena Ser”, o premio “Irmandade do Libro”, concedido pola Federación de Libreiros de Galiza. Está en posesión, entre outros, dos premios Celso Emilio Ferreiro, Antón Tovar e Miguel González Garcés, sendo Premio da Crítica Española en dúas ocasións (1994 e 2004). Entre os seus libros podemos citar Víspera do día (1979), Solaina da ausencia (1987), Memoria de agosto (1993), Casa última (2003), A melancolía dos corpos (2008) e a escolma de poesía mapuche traducida ao galego “Lúa de xemas frías” (2009). Como narrador publicou o libro de relatos Anel de mel (Vía láctea, 1991) e a novela Campo de Marte (Espiral Maior, 1999). E como ensaísta, a edición da Poesía galega de Miguel González Garcés (Espiral Maior, 1998), Viaxe ao corazón de Galicia (A Nosa Terra, 2001), Sinais na Area (Diputación da Coruña, 2007), Mineiro de Luz (Laiovento, 2009), Confesión de Parte (Espiral Maior, 2010) e O escano baleiro (Biblos, 2011).

[Marzo, 2012]

FOTOGRAFÍAS