Lugrís Freire, Manuel

Lugrís Freire, Manuel
1863 - 1863
Lugrís Freire, Manuel

Manuel Lugrís Freire naceu en Sada en 1863 e con vinte anos emigrou a Cuba. Na Habana foi elixido membro da xunta directiva do Centro Galego e fundou e dirixiu o primeiro xornal americano redixido totalmente en galego: A gaita gallega (1885-1889). Alí publicou o seu primeiro poemario (Soidades, 1894), prologado por Curros Enríquez, e escribiu a súa primeira obra dramática: A costureira da aldea. De volta á Galiza en 1896, instalouse na Coruña e proseguiu o cultivo da literatura, editando en 1901 Noitebras.
Relacionado cos rexionalistas herculinos, Lugrís tomou parte en todas as actividades galeguistas da altura. Así, foi o primeiro en utilizar nun mitin a lingua galega e figurou entre os patrocinadores da Escola Rexional de Declamación (1903), da que sería presidente. Desde este momento, a maior preocupación de Lugrís foi a de fornecer de textos á nova entidade, todos eles cunha forte carga reivindicativa e rompedores co costumismo imperante. Tras a presentación da Escola cunha peza de Salinas, a totalidade dos espectáculos realizados polo cadro contaron con títulos da súa autoría: A Ponte (1903), Minia (1904) e Mareiras (1904). Alén de figurar como o primeiro escritor teatral en utilizar a prosa, é o máximo representante do teatro social ou de tese.
Porén, Lugrís deixaría definitivamente o teatro e retomaría a creación poética. Tamén asinou (co pseudónimo Asieumedre) numerosos relatos breves que serían compilados en 1909 no volume Contos de Asieumedre e aínda publicaría unha Gramática do idioma galego (1922).
En 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos cun discurso sobre Pondal. A Real Academia nomeouno presidente en 1934, posto ao que renunciaría un ano máis tarde por problemas de saúde. Nesa década, colaborou, así mesmo, na redacción do anteproxecto do Estatuto de Autonomía.
Tras o conflito bélico, que provocou a persecución da actividade galeguista, Manuel Lugrís morreu na Coruña en 1940.

FOTOGRAFÍAS