Martínez Oca, Xosé Manuel

Martínez Oca, Xosé Manuel
1942
Martínez Oca, Xosé Manuel

Xosé Manuel Martínez Oca naceu na Estrada, en 1942. Empezou a escribir de rapaz, como todos, aínda que o seu primeiro traballo en galego non foi publicado ata 1976 (Antes, en 1964, apareceran algunhas colaboracións súas na extinta revista A.O.E. —África Occidental Española— de Sidi Ifni, onde daquela cumpría o servicio militar).
Desde ese relato inicial en galego, publicado gracias a ser finalista na primeira edición do "Concurso de narracións curtas Pedrón de Ouro" —que posteriormente pasarían a chamarse "Premio Modesto R. Figueiredo" e lle sería concedido en dúas ocasións (1978 e 1981)—, leva publicados varios traballos en libros colectivos, catro libros de contos e algo máis de media ducia de novelas, unha delas, "Beiramar", premio "Blanco Amor" en 1983.
Nunha "autopoética" para o "Boletín Galego de Literatura", en 1994, o autor dicía que entende a creación literaria como unha diversión, un modo de disfrutar co exercicio da escrita e contrarrestar, en certo xeito, a vacuidade da vida cotiá, enganándose a si mesmo para poderse crer un pequeno deus, creador de mundos e personaxes movidos ó seu antollo.
Hoxe, que tan de actualidade está o tema dos plaxios e/ou a intertextualidade, confésase un plaxiario (¿ou será plaxiador? Parece que non soa tan mal...) compulsivo. Ás veces imita a autores que nin sequera lera con anterioridade —a novela "Caborcos", publicada por decisión editorial co título "A chamada escura dos caborcos", segundo X. González Gómez (hoxe bo amigo seu), nunha crítica en "A Nosa Terra", 12-3-82, é debedora de "Los Pasos Perdidos", de Alejo Carpentier, daquela descoñecida para o autor—.
Outras veces, por evitarlle laboriosos traballos de busca ó investigador, el mesmo indica ó remate do texto os nomes dos autores de quen "tomou prestadas" unha boa presada de frases distribuídas estratexicamente polo medio da súa redacción. (Así o fixo, por exemplo, en "A espada na auga", 1982).
Agora, cada vez máis enganchado no seu nefasto vicio, ofrece desde esta páxina á consideración pública o primeiro capítulo dunha novela aínda inédita, "Outono na illa", na que confesa que entre outros, plaxiou a Homero, Álvaro Cunqueiro, Fenelón, a Crónica Troiana, Alberto Manguel e Gianni Guadalupi e tutti quanti que deixa á perspicacia do erudito lector o labor de descubrir.

(...già il Sole al Toro l'uno e l'altro corno
scaldava, e la fanciulla de Titone
correa gelata al suo usato soggiorno.

Francesco Petrarca:
Trionfi.

...Era no tempo alegre, quando entrava
no roubador de Europa a luz febeia,
quando um e o outro corno lhe aquentava,

Luis de Camoes:
Os Lusiadas.

Era del año la estación florida
en que el mentido robador de Europa
-media luna las armas de su frente,
y el Sol todos los rayos de su pelo-,
luciente honor del cielo,
en campos de zafiro pace estrellas

Luis de Góngora:
Soledades.)


Oh, Shakespeare, divino Shakespeare, envexado Shakespeare, plaxiario Shakespeare!

[Febreiro, 2002]
FOTOGRAFÍAS