Miguelanxo Prado

Prado Plana, Miguelanxo
A Coruña, 1958

Un dos autores máis importantes na historia da banda deseñada galega. Comezou na pintura e a finais dos setenta iniciou a súa andaina no cómic, participando en 1979 na fundación do fanzine "Xofre". Colaborou en revistas como "Creepy", "Comix Internacional" e "Zona84". En 1985 publicou "Fragmentos da Enciclopedia Délfica", o seu primeiro álbum en solitario, ao que seguiría "Stratos" en 1987. Realizou para o magazine "El Jueves" a serie "Quotidiania Delirante" que duraría varios anos. En 1990 publicou o seu álbum máis celebrado, "Trazo de xiz", que obtivo repercusión internacional. Outros aclamados álbumes seus son "Stratos" ou "Tanxencias". Con guións alleos realizou bandas deseñadas como "Pedro e o lobo", ou a serie "O manancial da noite". Con todo, moi pouca da súa obra dispoñíbel en idiomas como castelán ou portugués pode conseguirse en galego, sendo unha destacada excepción o álbum "Páxina crepusculares", editado en 1993 pola Deputación da Coruña e que contén historias curtas de orixes diversas. Foi o creador do Xabarín da TVG e todos os personaxes da serie "Os vixilantes do Camiño". En 1998 foi requerido pola factoría americana Dreamworks para deseñar os personaxes da serie de animación "Men in Black". Ese mesmo ano entrou a dirixir a revista sobre banda deseñada "Elipse", editada pola Consellería de Cultura e da que só saíu un número. Tamén desde 1998 dirixe o salón "Viñetas desde o Atlántico". En 2003 viu a luz a súa colaboración co famoso guionista de Sandman, Neil Gaiman, no libro colectivo "Noites eternas".

Palmarés
 Premio “Diario de Avisos” á mellor obra gráfica (Sta Cruz de Tenerife, España), 1984. Premio “Semana de la Historieta de Madrid” ao mellor libro do ano, 1986. Premio “Génie” da Convention de Paris, 1988. Premio Salão Int da BD do Porto (Portugal), 1988. Premio ao mellor libro do ano, Charleroi (Bélxica), 1988. Premio “Buenaventura”, Treviso Comics, Treviso (Italia), 1989. Premio do Salón Int do Cómic de Barcelona á mellor obra de 1988 (Barcelona, 1989). Premio Simão, no Porto (Portugal), 1989. Premio do Salón Int de Grenoble (Francia), mellor autor, 1990. Premio “Grand Prix des Alpages”, Salón Int de Sierre (Suíza, 1990). Premio “Philip Morris” Salón Int do Libro (Xenebra, 1990). Premio “Max und Moritz” do Salón Int de BD (Alemaña, 1990). Premio “Alph’Art” ao mellor libro extranxeiro Salón Int de Angouleme (Francia, 1991). Premio Asociación Nacional de Ilustradores (Madrid, 1992). Premio ao mellor autor extranxeiro, Salón de BD (Chile, 1992). Premio da Crítica (Artes), Fundación da Crítica Galega (Vigo, 1993). Premio ao mellor libro do ano, Salón da BD (Francia, 1993). Premio da Asociación de Libreiros Especializados de Francia ao mellor libro do ano, 1993. Premio “Diario de Avisos” á mellor obra gráfica, Sta Cruz de Tenerife (España, 1993). Premio “Diario de Avisos” ao mellor guión, Sta Cruz de Tenerife (España, 1993). Premio Ourense de BD por toda a súa traxectoria (Casa da Xuventude de Ourense, 1993). Premio “Alph’Art” ao mellor libro extranxeiro Salón Int de Angouleme (Francia, 1994). Premio do Salón Int do Cómic de Barcelona á mellor obra de 1993 (Barcelona, 1994). Premio Especial do Xurado, Festival Int de Sierre (Suíza), 1994. Premio ao mellor guión, Festival de Coxyde (Holanda), 1994. Premio de Honra da Câmara Municipal de Amadora, Festival de Amadora (Portugal, 1994). Premio da crítica ao mellor guión (Austria, 1994). Premio da crítica ao mellor libro do ano (Austria, 1994). Premio “Fernández Latorre” (A Coruña, 1996). Premio de Honra ao mellor libro extranxeiro, Festival de Amadora (Portugal). Premio ao mellor autor completo, Salón do Cómic de Granada (España, 2002). Premio BD Boum (XVIII edición, Blois, Francia, 2001). Premio na XLI edición do Salón de BD de Angoulême para "Ardalén"