Pato, Chus

Pato Díaz, María Jesús
Ourense, 1955
Pato, Chus

A obra de Chus Pato, (Ourense, 1955) manifesta a característica transgresión posmoderna dos xéneros literarios, conformando unha escritura baseada na superación do concepto tradicional de poesía, acolle non só diferentes tipos textuais, desde o biográfico ata o ensaísmo filosófico, senón unha polifonía de voces que van desde a da propia autora, á dunha pléiade de personaxes imaxinarios e reais que se manifestan en múltiples subxéneros: fragmentos teatrais, entrevistas, programas radiofónicos, etc.

Os seus poemas nacen da conciencia da non neutralidade, da non naturalidade da linguaxe.

"(...) o poema tal e como eu o penso está en situación de contradición coas capas denotativas da comunicación, estas envolturas son de continuo afuracadas por esa especie de alien que resume estratos non figurativos da psique, por aquilo que "nos constitúe e non é mentira", daquilo que se ama lingüístico pero non convención, esas furnas son mestas e posiblemente umbras, son como un túnel que vai da codia á cerna dun astro, son dunha escuridade semellante á de calquera órgano interno dun corpo, colisionan con todo o sistema comunicacional, atravesan a rella do pactado, ademais o poema excede ao verbal, fura todo o que somos e segue, por así dicilo, unha carreira inversa desde a súa visibilidade inmediata ata esas zonas umbras encarnándose no alento, na respiración, no ventre, na intelixencia e actúa en todas as sinapses, desde aí modifícanos, altera e turba o noso comportamento. O poema sería a escritura dese alien que se ama mortal, humano"

"(...) hibrido os textos porque na miña opinión o poema debe facerse cargo do mundo e non pecharse sobre si, sobre as nocións do eu, a sensibilidade, ou a natureza, debe estirar a linguaxe como se estira un xersei para facelo confortábel, para poder habitalo, para que o poema poda existir como existen as montañas, o interior dun cohete espacial, as mamíferas, os humanos, as formigas, os ríos e o panal de mel que lle medrou a Píndaro baixo o ceo da boca. Podería ser así: dun beira unha imposibilidade de escritura, doutra unha potencia de escritura (son simétricas como as as dunha bolboreta), no abdome Eu, Eu é unha greta -a greta sostén o que enfrontado se mira-. Agora ben, o poema inventa o que non coincide, so é leal a súa propia independencia e fermosura."

A súa obra caracterízase pola súa radicalidade, o exercicio dunha experimentación demoledora dos discursos e lugares comúns herdados. A autora crea unha escritura desbordante na que non están ausentes os contidos xenéricos e relativos á nación.

O compromiso de Chus Pato coa realidade contemporánea levouna a involucrase de forma directa na vida política e cultural galega, foi unha das fundadoras de ERGA (estudantes revolucionarios galegos) mítica organización antifranquista, militou na UPG (unión do pobo galego) e xa en tempos máis recentes é cabeza de lista habitual da FPG (fronte popular galega) pola provincia de Ourense, pertence tamén a RREE (redes escarlatas) e a outras organizacións de índole literario como o PEN Club ou a AELG.

Profesionalmente é profesora de Ensino Secundario (Xeografía e Historia) no IES Ramón María Aller Ulloa de Lalín (Pontevedra)

Publicou os seus primeiros poemas na revista Escrita (1984). Mostras da súa obra poética figuran en diversas revistas de ámbito nacional, estatal e internacional e en numerosos libros colectivos.

Entre os anos 1993 e 2001 participou en accións e performances con María Ruído, María Esteiran (Producións Pato, Esteirán, Ruído) ou Ignacio Vilariño

A súa obra componse dos seguintes libros

- Urania (1991), editorial Calpurnia

- Heloisa (1994), editorial Espiral Maior

- Fascinio (1995), editorial Toxosoutos

- Nínive (1996), Xerais

- A ponte das poldras (1996), editorial Noitarenga. 2ª edición, Galaxia (2006)

- m-Talá (2000), Xerais

- Charenton (2004), Xerais

Existe, ademais, unha antoloxía bilingüe galego-español preparada por Iris Cochón: Un Ganges de palabras (Colección Puerta del mar, CEDMA, Málaga, 2003).

Parte da súa poesía está incluída nas antoloxías Poésie en Galice aujourd´hui (Anxo Angueira, Sources, 1999), Rías de tinta. Literatura de mujeres en francés, gallego e italiano (Marta Segarra, Helena González y Francesco Ardolino, ed. de la Universitat de Barcelona, 2000), Defecto 2000 (Letras de Cal, 2000) ,Poetry is the world´s great miracle (María do Cebreiro, ed. do P.E.N. de Galicia, 2001) e A tribu das baleas (Helena González, Xerais, 2001), Antoloxía consultada da poesía galega (1976-2000) (Arturo Casas, Tris Tram, 2003), Iberia polyglotta, Hans-Ingo Radatz.Aina Torrent-Lenzen (Hrsg), editorial Alex Lenzen (2006), Pótwysep wierszach,Wydawnictwo Ksiazkowe IBIS, Warszawa (2006) entre outras. Os seus libros foron traducidos total ou parcialmente ao inglés, castelán, alemán, polonés, catalán, italiano, euskera etc.

[Xullo, 2006]