Pillado Mayor, Francisco

Pillado Mayor, Francisco
1941
Pillado Mayor, Francisco

A Coruña, 1941.

Estudos: Bacharelato, Música, Profesor EXB, Graduado Social, Declamación e Arte Dramático, Técnico Superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares.

Durante dez cursos impartiu aulas no Seminario de Estudos Sociais "Ramón de la Sagra", dependente do Colexio Universitario de A Coruña.

Fixo crítica literaria en Radio Nacional n' A Coruña e dirixiu o espazo "A escena e a pantalla" en Radio Coruña EAJ-41.

Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas, críticas de libros e espectáculos en La Voz de Galicia. Con posterioridade publicou unha serie de colaboracións no semanario A Nosa Terra e no diario O Correo Galego.

Promotor dos grupos de teatro O Facho (1965), Escola Dramática Galega (1978), Luís Seoane (1980) e Elsinor Teatro (1990).

En 1965, montou, para o G.T. O Facho, un espectáculo baseado en textos de Castelao e Luís Pimentel. Con este espectáculo fixo a súa presentación pública o devandito grupo teatral.

Durante varios anos ocupou a presidencia da Escola Dramática Galega e dirixiu o seu departamento de Estudios Teatrais.

En 1990, funda o Grupo de Teatro de Alunos da Escola de Estudos Sociais da Coruña, que se presenta publicamente coa obra "Panchiño", de Oswaldo Dragún.

Coautor de Textos pra o ensino do Galego, O Teatro Galego, Antoloxía do teatro galego, Diccionário do teatro galego 1671-1985, Conversas en Compostela con Carballo Calero e A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras.

Asimesmo, é autor de numerosas traducións e versións (Nicolás Guillén, García Lorca, Chekhov, Molière, Genet, Beckett, Strindberg ou Ghelderode.

Foi director de Cadernos da Escola Dramática Galega, Cadernos do Espectáculo da Compañía Luís Seoane, Colección Castrodouro-Teatro, Colección Arlequín, Edicións Laiovento, Libros Elsinor Teatro, Cadernos de Teatro e da Revista de Teatro Casahamlet.

Formou parte do Consello de Redacción das seguintes publicacións; Revista monográfica de Cultura da A. C. O Facho., Cen Augas e Don Saturio.

En 1981, recebe un premio da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela polo traballo sobre o Teatro de Luís Seoane, realizado en colaboración con Manuel Lourenzo.

En 1984, foi elixido membro da Xunta Directiva da Asociación de Escritores en Língua Galega (AELGA) e, dous anos despois, nomeado vicepresidente da Federación de Asociacións Culturais Galegas, e directivo da A. C. O Facho.

En 1989, acadou o Premio da Crítica polo seu labor como director dos Cadernos da EDG.

Dirixiu, para Radio Nacional de España, n' A Coruña, a montaxe radiofónica das obras "Pancho de Rabade", de Álvaro das Casas, e "A Arbre", de R. Carvalho Calero.

En 1990, foi convidado a participar como xurado na XIII Edición do Festival Internacional de Teatro FITEI, que anualmente se celebra en Porto.

Tamén en 1990, prepara para edicións Laiovento a "selección e notas" do libro Prosas de Combate e Maldicer, de Xosé Manuel Beiras, editado en 1991.

En 1993, recebe o Premio Compostela de Honra polos Cadernos de Escola Dramática Galega.

Colabora coa Asociación de Solidariedade Galego-Cubana "Curros Enríquez" e publica a tradución do libro Un grao de millo, Conversa de Fidel Castro con Tomás Borge.

Membro do Consello da Colección Teatro nas Aulas, patrocinada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega. 1995.

Dirixe, para o G.T. Luzada, O oso, de A. Chekhov.

[Maio, 2004]
FOTOGRAFÍAS