Pita, Emilio

Pita, Emilio
1909 - 1909
Pita, Emilio

Emilio Pita naceu na cidade da Coruña en 1909 e con tan só doce anos emigrou a Bos Aires. Regresou á Galiza cando se proclamou a II República, onde viviu durante os anos 1933 e 1934. Logo marchou de novo e non voltou a visitar a terra natal.
Pita, que comezara a traballar nunha casa comercial de Bos Aires, foi un autodidacta que chegou a posuír unha grande formación literaria e musical.
Na década de trinta comezou a colaborar con publicacións nacionalistas da propia Galiza, escribindo artigos para a Revista Nós de Santiago e Yunque de Lugo.
Publicou algúns libros de versos: Jacobusland (1942), Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959), O ronsel verdegal (1964) e Serán (1974). En 1963 presentou o poemario Polos camiños do pobo ao premio Rosalía de Castro do Centro Galego de Bos Aires, libro que sería editado postumamente en 1999. Con motivo da aparición do seu libro Os relembros. As cantigas, en 1959, fíxoselle unha homenaxe nos salóns do Centro Pontevedrés Bonaerense; alí estaban presentes diversas delegacións de Centros Galegos e interviron para falaren da figura e obra poética de Emilio Pita, Eduardo Blanco Amor e Ramón Súarez Picallo.
Compuxo numerosos poemas, algúns dos cales aparecen recollidos no Cancioneiro da loita galega, editado en México en 1943 polo Partido Galeguista. Xunto con Lorenzo Varela e Luís Seoane, é un dos primeiros escritores do noso social-realismo poético.
Alén de poeta e xornalista, o escritor herculino foi tamén musicólogo; o seu amor pola música galega levouno a fundar o cuarteto Ultreya coa finalidade de difundir a nosa música tradicional. Con anterioridade participara na dirección artística do Coro Lembranzas de Ultreya, fundado en 1932.
Membro correspondente da Real Academia Galega, escribiu a parte dedicada á música e danza da Historia de Galiza dirixida por Ramón Otero Pedrayo, e foi autor dun traballo sobre música popular galega.
Faleceu en 1981.

FOTOGRAFÍAS