Rodríguez Sánchez, Francisco

Rodríguez Sánchez, Francisco
1945
Rodríguez Sánchez, Francisco

Francisco Rodríguez Sánchez naceu o 22 de novembro de 1945 en Ferrol (Serantes). Cursou Historia e Filoloxía Románica (sección de Hispánicas) na Universidade de Madrid. En 1968 gaña as oposicións de agregado de Lengua y Literatura españolas de bacharelato, a exercer docencia en Albacete (1969-1971) e Ourense (1971-1973). En 1973 gaña as oposicións a catedrático de instituto, desempeñando as súas funcións como profesor en Cangas do Morrazo (1974-1976), Puerto Real (Cádiz), Carballo (1976-1979), A Estrada (1985) e Ferrol (1995).
Autor dun vasto número de estudos, ensaios e investigacións relacionados coa realidade galega, publica en 1976 Conflito lingüístico e ideoloxía na Galiza. A diagnose e interpretación da problemática do idioma galego experimenta con esta obra unha absoluta renovación, xa que aspectos de natureza económica, social e política ocuparán un lugar relevante en dito exame. Alén disto, a súa bibliografía contén estudos moito documentados e clarificadores sobre autores e autoras fundamentais na nosa literatura, como demostran os seguintes títulos: A evolución ideolóxica de M. Curros Enríquez (1995), Eduardo Blanco Amor, o desacougo da nación negada (1993) ou Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro (1988). Esta última, co mesmo título da tese con que se doutorou en 1988 en Santiago de Compostela, enche un baleiro na investigación da historia literaria galega e significa un estudo rigoroso en que se reinterpreta a figura de Rosalía de Castro. O tribunal calificador, integrado por Ricardo Carballo Calero, Pilar Vázquez Cuesta, Xosé Ramón Barreiro, Claude Henri Poullain e Anxo Tarrío, outorgoulle a máxima calificación.
Francisco Rodríguez foi tamén impulsor da creación e dinamización de organizacións sindicais e políticas do xénero da INTG e BNG. Con efecto, combinou apropiadamente os seus estudos lingüístico-literarios coa política, na que entrou aos 18 anos. Foi deputado no Parlamento Galego durante a IV Lexislatura, e deputado nas Cortes do Estado español de 1996 a 2008, consolidándose como un dos dirixentes históricos do nacionalismo galego.

En abril de 2017 recebe, en Ferrol,  o Premio Nacional Galiza Cultura.

 

FOTOGRAFÍAS