San Luís Romero, Xesús

San Luís Romero, Xesús
1872 - 1872
San Luís Romero, Xesús

Xesús San Luís Romero naceu en Carballo en 1872. Nesta vila cursou os estudos primarios e, a seguir, púxose a traballar como aprendiz de zapateiro. Con vinte anos emigrou á Arxentina, onde publicou os primeiros versos e comezou a representar pezas teatrais entre a colonia galega de Bos Aires.
No ano 1902 voltou a Galiza. Estableceu en Santiago de Compostela o seu obradoiro de zapateiro e retomou a escrita, dando a coñecer en diversos xornais (nomeadamente no semanario do Centro Republicano) composicións de ton anticaciquil, no espírito da loita agraria —protagonizada por Solidaridad Gallega e as sociedades agrarias— que mobilizaba a sociedade galega da altura.
San Luís Romero compuxo e estreou numerosas obras dramáticas, algunhas delas na liña do teatro social iniciado por Lugrís Freire, en que se atacaba o poder asoballador que os caciques exercían sobre a poboación do país. Porén, o escritor só chegou a ver impreso o drama de axitación social O fidalgo (1918), a peza de maior éxito no seu tempo, e o poema A volta do bergantiñán (1928), que nos presenta a morte dun emigrado no seu regreso á terra de orixe.
O dramaturgo faleceu en 1966, aos noventa e catro anos de idade.

FOTOGRAFÍAS