Varela Vázquez, Xesús Lorenzo

Varela Vázquez, Xesús Lorenzo
1916 - 1916
Varela Vázquez, Xesús Lorenzo

Xesús Lorenzo Varela Vázquez naceu en 1916 a bordo dun barco á entrada da baía da Habana. Fillo de emigrantes orixinarios de Monterroso (Lugo), en 1920 transladouse coa súa familia a Bos Aires, mais a finais desde mesmo ano regresarían á Galiza, instalándose en Lugo. Alí fixo o Bacharelato e nun acto do Partido Galeguista celebrado nesa cidade en 1932 coñeceu a Castelao e Suárez Picallo. Ao seu abeiro ingresou nas fileiras do nacionalismo, partillando militancia nas Mocidades Galeguistas con Fernández del Riego, Celso Emilio Ferreiro, Carvalho Calero e Ramón Piñeiro, nun momento en que radicalizan o seu posicionamento e se declaran "arredistas". Nestes anos coñeceu a Ánxel Fole, con quen mantería unha profunda amizade.
En 1935 Varela dislócase a Madrid, onde se incorpora ás Misións Pedagóxicas e ao equipo de redacción de PAN (Poetas, Andantes e Navegantes), revista en que publicaban Rafael Dieste, Antonio Baltar e Otero Espasandín. Na tertulia do café "La Granja del Henar" coñeceu, ademais, a artistas mozos como Granell, Laxeiro, Maside ou Colmeiro.
No momento do alzamento militar, Varela, integrado na "Alianza de Intelectuais Antifascistas para a Defensa da Cultura", enrolouse como miliciano e afiliouse ao Partido Comunista. Durante a guerra percorreu os diferentes frentes alentando coas súas publicacións xornalísticas o espírito revolucionario dos combatentes. En 1937 tomou parte no Segundo Congreso Internacional de Intelectuais Antifascitas celebrado en Valencia. Finalizado o conflito armado, atravesou os Pirineos e ficou durante uns meses no campo de refuxiados de Saint Cyprien. En maio de 1939 conseguiu embarcar para México, onde recuperaría o seu labor xornalístico. Dous anos despois, reencontrouse co seu pai en Bos Aires, cidade en que o agardaban intelectuais amigos como Luís Seoane, Rafael Dieste ou Arturo Cuadrado. Na capital arxentina recuperou a actividade política e exerceu como crítico de arte e tradutor do portugués.
O golpe de Estado do xeneral Videla en 1976 forzou a Varela a un segundo exilio. Ameazado polas organizacións paramilitares de ultradereita, saiu precipitadamente do país pola fronteira brasileira e desde alí regresou a Madrid. O apoio de Isaac Díaz Pardo e Ramón de Valenzuela resultoulle fundamental para iniciar esta nova etapa, chea de isolamento e dificultades. Refuxiado na Galería Sargadelos, dedicouse ás traducións e frecuentou a tertulia do café "Gijón".
So e sen ningún tipo de recoñecemento, Lorenzo Varela morreu en Madrid o 25 de novembro de 1978. O seu corpo foi soterrado no cemiterio familiar de Monterroso.
Para alén da súa produción poética e xornalística en español, a aportación ás nosas letras de Varela concretouse en Catro poemas pra catro grabados (1944), con ilustración de Luís Seoane, e o poemario sobre a guerra civil e o exilio Lonxe (1954).

FOTOGRAFÍAS