Vilar Ponte, Antón

Vilar Ponte, Antón
Viveiro (Lugo), 1881 - A Coruña, 1936
Vilar Ponte, Antón

Antón Vilar Ponte naceu en Viveiro en 1881. Fixo os primeiros estudos no seu lugar natal e cursou Farmacia en Compostela. Tras licenciarse comezou a exercer como boticario en Foz. A partir deste momento Antón dedicouse intensamente a actividade xornalística e á literatura. Desta época datan as súas intervencións no xornal anticaciquil ¡Guau... guau! e na Revista Gallega e a publicación de A patria do labrego (1905), a súa primeira peza dramática. Pouco despois abandonou a farmacia e en 1908 emigrou á Habana, onde dirixiu varias revistas e onde se integrou na Comisión Protectora da Real Academia Galega. De regreso a terras galegas en 1910, o viveirense promoveu na Coruña a fundación das Irmandades da Fala, cuxa posta en andamento estivo marcada pola aparición do seu Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (1916). No seo das Irmandades, Vilar Ponte dirixiu A Nosa Terra e ocupouse de impulsar o renacemento e a difusión do teatro galego. Así, participou en 1919 na fundación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que chegaría a dirixir, e preocupouse por sistematizar a historia da nosa dramaturxia e de traducir ao noso idioma autores non galegos. Compuxo, aínda, prólogos e pezas dramáticas transmisoras do ideario galeguista: Entre dous abismos, Almas mortas... En colaboración con Ramón Cabanillas daría á luz, en 1926, O Mariscal.
O indiscutíbel posto que Antón Vilar Ponte ocupa na historia da nosa literatura vénlle dado sobre todo polo seu traballo político e xornalístico. Foi autor de múltiples artigos e ensaios (algúns dos cales foron publicados postumamente en Pensamento e sementeira, de 1971) orientados ao espallamento do ideario das Irmandades. Por mor da escisión das Irmandades da Fala, Vilar Ponte viuse forzado a deixar a dirección de A Nosa Terra, posto que, nesta altura, optou polo culturalismo de Vicente Risco e a Irmandade Nazonalista Galega. Neste momento inspirou a redacción do Manifesto "¡Máis alá!" (1922), de Manuel Antonio e Cebreiro. Porén, no ano seguinte proclámase a ditadura e a frustración política conseguinte provocará a recuperación dos vínculos co republicanismo coruñés. Fondamente comprometido coa nación, foi elixido en 1931 deputado ás Cortes Constituíntes e, cinco anos máis tarde, voltou a exercer como deputado, desta vez polo Partido Galeguista. A pesar da súa dedicación á política, non abandonou a preocupación teatral, da que resultarán pezas como Os Evanxeos da risa absoluta (Anunciación do Antiquixote), editada en 1934, e Nouturnio de medo e morte (1935). Meses antes do alzamento militar de 1936, Antón Vilar Ponte morreu na Coruña.

FOTOGRAFÍAS