Villar González, Arximiro B.

Villar González, Arximiro B.
1965
Villar González, Arximiro B.

(Cee, 1965)

Profesor de lingua e literatura galegas, poeta, narrador, tradutor e crítico literario en diversas revistas e publicacións. Formou parte do Batallón Literario da Costa da Morte.
Como poeta é autor dos libros Ausencias pretéritas [Espiral Maior, 1992], 42 décimas de febre [Toxosoutos, 1994], Abecedario da desolación [Espiral Maior, 1997; premio Tívoli-Europa 1998], Equinoccio de primavera [Esquío, 1998; finalista do premio Tívoli-Europa 1999] e Gameleiros [Xerais, 2002]. Textos poéticos da súa autoría foron traducidos ao castelán, portugués, italiano, francés, alemán, inglés, alemán, ruso, albanés e serbo-croata no volume Il cammino di Santiago. La giovane poesia d'europa nel 1997 [Melteni, 1998]. Os seus poemas tamén se achan en numerosas revistas literarias e nos cartapacios colectivos Ao mar de adentro [1989] e A rota dos baleeiros [1991] das Edicións do Dragón, así como nas antoloxías Para saír do século [Xerais, 1997], Río de son e vento [Xerais, 1999], dEfecto 2000 [Letras de Cal, 1999], A tribo das baleas [Xerais, 2001] e nos volumes colectivos Nós. Batallón Literario da Costa da Morte [Concello de Corcubión, 1997], Mar por medio [Concello de Corcubión, 1998], Ourense, craro río, verde val [Concello de Ourense, 2001], 47 poetas de hoxe cantan a Curros Enríquez [Xerais, 2001] ou Poetízate [Xerais, 2006], entre outras.
Como narrador recibiu nos anos 1985 e 1987 o premio de relato curto Modesto R. Figueiredo do Patronato Pedrón de Ouro por Augas de silencio e Verbas cruzadas con Amaranta [Ediciós do Castro, 1987/1988] e a Curuxa Literaria do Museo do Humor de Fene.Na literatura infantil e xuvenil publicou Carlota, a marmota [Xerais, 2000], Carlota e a bota perdida [Xerais, 2003] e Carlota e a gaivota patiamarela [Xerais, 2006].
No eido do ensaio participou como relator en numerosos congresos e xornadas literarias, con relatorios recollidos nas súas respectivas actas, e publicou varias edicións críticas ou comentadas, como a Antoloxía poética de Gonzalo López Abente [Espiral Maior, 1995], Unha lectura de O soño sulagado [Xerais, 1998], Roberto Blanco Torres. Orballo da medianoite [Xerais, 1998], A poesía galega de Xervasio Paz Lestón [Do Castro, 1998], Indo para máis perto. Aseñardade no puño de Alexandre Cribeiro [Xerais, 2004], A roseira da soidade de Antón Zapata García [Xerais, 2005], Poesía galega completa e textos en prosa de Emilio Álvarez Blázquez [Xerais, 2005], alén de ser coautor dos volumes de Publicacións periódicas e Obras no Diccionario da Literatura Galega [Galaxia, 1997/1999] e, xunto a Xesús Alonso Montero, dos Textos e documentos para o congreso sobre García Lorca [Universidade de Santiago de Compostela, 1998]. Na actualidade está a realizar a súa tese de doutoramento sobre a poesía galega de Antón Zapata García.
Finalmente, como tradutor verteu ao galego o ensaio As pegadas de Santiago na cultura de Fisterra de Benjamín Trillo Trillo [Fundación Caixa Galicia, 1999], o poemario Calafrío de Jorge Justo Padrón [Xerais, 2000] e os poemas de Bernardino Graña en Poesía gallega contemporánea [Litoral, 1996].


* A fotografía é de Manuel Álvarez.

[Febreiro 2006]