Villar Janeiro, Helena

Villar Janeiro, Helena
1940
Villar Janeiro, Helena

1¿COMO, CANDO E POR QUE ME FIXEN ESCRITORA?

Nacín en Becerreá (Lugo) en 1940. Fun ensinante e rematei a carreira profesoral en Santiago. Agora fólgome de vivir entre as históricas pedras de Compostela e nas beiras da Arousa, nunha aldea de Rianxo.
Na miña formación, sobre todo no aspecto literario, foron decisivas as clases que recibín traballando con meus pais na xastrería ancaresa. Ademais de me abrir ó mundo e á lingua e cultura propias do meu país, naquela especie de ateneo descubrín a narración oral e coñecín os referentes de moitos personaxes que alimentan a miña obra. Esta preparación foi máis efectiva que a que recibín máis tarde, a adxectivada académica. Ademais de estar fóra da escola ata os trece anos, pasando coa familia a idade máis plástica da vida, ó contrario do que pasaba nas aulas da época, na miña casa amábase a cultura, recitábanse os clásicos, cantábase "bel canto" e defendíase a igualdade da muller. No ensino institucionalizado non fundían estas experiencias. A formación literaria reducíase a memorizar listas de obras e autores como nunha aprendizaxe de catálogos.
Intereseime cedo polas artes, especialmente a música, pero as duras orixes na posguerra obrigáronme a optar, e aínda co sacrificio de traballar de paso, polos estudios de Maxisterio, curtos e próximos ó domicilio. Fixen despois unha licenciatura e cando me ofreceron unha beca para estudiar canto en San Fernando, considerei que era demasiado tarde.
Case todo na miña vida sucedu tarde. Cheguei tamén serodia —tiña 26 anos— ó cultivo da lírica e no proceso de captación para a poesía tiveron moito que ver as lecturas que fixen mentres rexía escolas nas paixaxes idílicas de Os Ancares, e as amistades, sobre todo a do que sería o meu home e compañeiro de tantas cousas, Xesús Rábade Paredes.
Ter unha nena e un nenos que carecían dunha literatura de seu que os alimentase espirirtualmente como galegos, levounos a inventar cancións, contos e algún ensaíño para quen con agarimo formabamos no fogar. Aqueles escritos facíanse coa mesma naturalidade coa que lles dabamos de comer pan e compango. Moita desta literatura foi publicada e eu seguinlle dedicando parte da miña creación.
Pasei a narrar porque sentín a necesidade de contar o mundo, ademais de cantalo, e cheguei ó artigo de opinión con mentes de ser crítica con cousas que pasan ó meu arredor e non me parecen ben.
Como tiven que compaxinar o traballo de ensinante coa vocación de escribir, fixen tamén abondosos traballos, orais e escritos, sobre educación, fundamentalmente verbo do ensino da literatura e da normalización lingüística.
Finalmente, coas miñas traduccións presteilles a voz a outros escritores e escritoras para que tivesen a oportunidade de se chegar a un idioma máis coa miña axuda.


2¿QUE SIGNIFICA PARA MIN A CREACIÓN LITERARIA?

Ser escritora éme un xeito de "ser" e de "estar" no mundo, de deixarme levar por impulsos e tensións que me colocan fronte a min mesma e fronte ó resto. Escribir diferénciame e fúndeme na estrema dun proceso osmótico, ás veces moi pouco comprensible, que conforma a unidade interior, que evita a fragmentación e que protexe do caos.
A poesía axúdame a recobrar a emerxencia temporal do pozo escuro e frío que me precede e a presentir a continuidade do fluír que me sobrevivirá.
Sei das constantes que dinamizan a miña obra poética e me coutan cos seus límites: a saudade, tristeza permanente por algo perdido que nin sequera tiven; a morte, supremo momento de transformación do dinámico en estático e eterno; o amor, liberador e guía do entretanto; a terra e a paisaxe, parte aglutinadora de min mesma cara atrás e cara adiante; o mar, a redondez do gran tamaño e da envoltura.
Ser narradora permíteme observar a vida dun xeito ricaz, o necesario para inventar mundos teus e poder camiñar neles polos vieiros da ironía e do humor, bastante contrapostos á unha realidade belixerante co sorriso.
Colaborar periodicamente nun xornal obrígame á brega coa actualidade. Ademais é un xeito de creación que me comunica coas lectoras e lectores nun intercambio dinámico e inmediato difícil de conseguir con outros medios.
Sendo máis racional e solidaria no xuízo sobre o oficio de escribir, valoro tamén o papel que desde a escrita se pode xogar perante a sociedade. Tan gozoso traballo é quen mellor me xuda a vivir canda os meus e patentizarlles o compromiso cunha serie de causas que aínda parecen precisarme e precisar de todos nós: o meu xénero, o meu pobo, o meu país, a miña lingua e a miña cultura.

[Febreiro, 2002]

FOTOGRAFÍAS
Obras
Raúl (2005)
Delas (1999)
Patapau (1989)
8 contos (1989)
Vermiño (1988)
Alalás (1972)