A Etapa Contemporánea III
A Poesía entre dous séculos
A xeración dos oitenta

Contexto

A ditadura fascista do Xeneral Franco é un escuro capítulo clausurado dez anos atrás cando media a década dos oitenta. Aprobados en 1981 e 1983 respectivamente, o Estatuto de Autonomía e –derivada deste– a Lei de Normalización Lingüística ofreceron xa un marco normativo e institucional para Galiza como nacionalidade histórica cunha cultura e unha lingua de seu.  
Igualmente vencellado ao uso do galego, foise dando un acelerado proceso de institucionalización. Créase a Asociación Socio-Pedagóxica Galega (1978), a Asociación de Escritores en Lingua Galega (1980) e a Mesa pola Normalización Lingüística (1986), e confirmarase que o asociacionismo cultural será durante estes anos uns dos motores da dinamización literaria.
Pola súa banda, e lexitimados por ese novo goberno autonómico, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega aprobaran en 1982 as Normas Ortográficas e Morfolóxicas da lingua galega. Pouco abertas ás opcións reintegracionistas 'de mínimos' e menos aínda ás 'de máximos' nin nesta súa formulación inicial nin nas sucesivas reformas (de maior consenso), esta normativa acabará por ser maioritariamente adoptada pola oficialidade, o que incluirá tanto as empresas editoras coma engorde os escritores e escritoras, mesmo se –nos comezos– algúns deles e delas deran signos de posturas ortográficas máis lusistas. Así e todo, aínda durante os oitenta e en pleno debate normativo, os e as novas poetas darán ao prelo os seus textos baixo regulamentos diversos e mesmo vacilantes, cunha notable presenza da opción coñecida como 'de mínimos'.
No novo contexto democrático, ademais de capitalista, a palabra poética vai dalgún xeito perdendo un pouco a súa función de resistencia política. En cambio, asistimos á paulatina configuración dunha industria cultural vinculada ao coñecemento, ao maxisterio e ao uso dun galego por fin oficial. A especialización na lingua e a súa estreada obrigatoriedade no ensino camiñarán da man dunha crecente profesionalización nos sectores relacionados.
Xorde así un (se cadra pequeno pero) significativo colectivo social: o profesorado de galego, que axiña se converterá nun promotor natural da cultura de noso. Cun labor capaz de transcender a mera docencia, algún deles converteranse en figuras públicas nas que converxen o profesor especialista na lingua, o lector avezado de literatura galega, o crítico investigador ou recensionista,  o escritor comprometido, o animador socio-cultural e ás veces mesmo ata o editor ou divulgador de textos.
Todo este caldo de cultivo reactivará os modos de produción poética en galego, ao abeiro dunha incipiente ilusión de normalidade. Conscientes da desaparición da vella censura franquista, do lento restablecemento de dereitos e liberdades, e ata da presenza da literatura galega no ensino, esta promoción literaria chega co afán de construír un rexistro poético culto para a nosa lingua.
E é que, no puramente literario, unha serie de poetas mozos e mozas foran publicando as súas 'operas primas', sobre todo, entre 1979 e 1981 (isto é, realmente quince anos antes do que será o groso da xeración seguinte). Xa dende finais dos setenta e a carón dun máis experimental e subversivo Rompente (cuxa vertente non interesará tanto a esta promoción como á dos noventa), varios colectivos poéticos preparan o terreo para o movemento que se consolidará mediada a década. Chamábanse Cravo Fondo, Alén e Loia e, a pesar das súas cortas vidas e de estaren alicerzados maiormente sobre publicacións colectivas, nas súas filas militaban xa algúns dos nomes que vai canonizar esta xeración dos oitenta: Ramiro Fonte, Xulio L. Valcácel ou Fiz Vergara Vilariño no primeiro, Miguel Mato e Francisco Salinas Portugal no segundo ou Manuel Rivas e Lois Pereiro dende Madrid no terceiro, por poñer exemplos. Esas experiencias, aínda tímidas, serán un dos puntos de partida para a renovación poética operada na década da que axiña nos ocuparemos. O outro beberá directamente do cambio de rumbo que se dá na poesía galega en 1976, coa publicación de tres títulos fundamentais que dan por esgotada a veta socialrealista: Con pólvora e magnolias de Méndez Ferrín, Mesteres de Arcadio López-Casanova e Seraogna de Alfonso Pexegueiro. A convención crítica sinala estas tres obras coma tres inspiradores corolarios dunhas novas sensibilidades estilísticas xa presentes, de antes, nos que as asinan. Novas lecturas de autores estranxeiros uniranse ao substrato.
Ademais, cómpre ter en conta a fecunda convivencia xeracional entre as e os acabados de incorporar ao sistema literario a canda plumas consagradas que seguen a publicar poemarios importantes. É o caso dun Herba aquí e acolá (1980) no que Álvaro Cunqueiro parece xa ter entrado en diálogos xeracionais con correntes ben máis mozas. E é que, máis ca fendas violentas no decorrer literario, podemos falar dunha nova atomosfera estética capaz de trazar diacrónicos itinerarios.
Así, parecen ter contribuído a eses ventos de cambio o Aquilino Iglesia Alvariño máis intimista e esteta, a poesía amorosa e culturalmente cargada de Ricardo Carvalho Calero; mais tamén a vaga á vez lírica e paisaxística de Uxío Novoneyra en Elexías do Caurel e outros poemas ou o verbalismo surrealista do seu Viet Nam canto, a riqueza léxica e visión totalizadora que entoa Bernardino Graña nese canto cósmico que é Profecía do mar e a saudade polo amor perdido do seu Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen, a riqueza estilística e a capacidade de evocación que demostra Salvador García-Bodaño en Tempo de Compostela, a torrencial imaxinería sincrética de Manuel Vilanova en E direi-vos eu do mister das cobras, a excelencia formal coa que tematiza o tempo Xohana Torres en Estacións ao mar ou o intimismo culturalista de Luz Pozo Garza en Concerto de outono. Xa mencionada, a figura e obra de Ferrín seguirá sendo fulcral por moitos anos. Nado tamén xa mediada a década dos trinta, Antón Avilés de Taramancos será considerado por moitos dos novos poetas case coma un irmán maior.
En calquera caso, a poesía reafirma neste período a súa posición de prestixio, diversidade e vitalidade dentro do sistema literario de Galiza. Se cadra a súa contraposición á primacía da narrativa noutras literaturas do contorno poda ter sido sinalada como síntoma da defectiva normalidade da nosa escrita, mais tamén poida que ese xuízo signifique estar imitando esquemas e xerarquizacións foráneas. De todos os xeitos a poesía galega sempre avanzou por enriba dos procesos 'normalizadores' que pretendían 'nivelala' a carón doutros xéneros literarios. Sen importarlle criterios máis afectos ao mercado coma o número de lectores, os índices de vendas ou o maior recoñemento exterior dos narradores e narradoras, a poesía segue a ser en Galiza campo aboado para todo tipo de exploracións en novas linguaxes literarias, para a maduración e consolidación de propostas éticas e estéticas diversas e mesmo para a peneira histórica que o canon vai facendo.
O terreo da poesía en Galiza dá voz a unha comunidade heteroxénea pero con intereses compartidos, mesmo para alén das poéticas e actitudes individuais, e a florecente xeración dos anos oitenta non deixa de ser senón proba disto.

 

Xurdimento e consolidación dunha nova promoción poética

Xa a finais dos setenta unha serie de poetas novos e novas –a maioría deles/as estudantes na Universidade– foran dándose a coñecer a través de distintos colectivos poéticos: Cravo Fondo (cunha marcada intención revolucionaria nas súas posturas éticas, mais tamén coa vontade de superar a estética socialrealista), Alén (formado por poetas reintegracionistas estudantes da Universidade de Santiago baixo o impulso do profesor Carvalho Calero) ou Loia (integrado basicamente por universitarios/as galegos/as residentes en Madrid), a carón do grupo de intervención de signo máis vangardista e iconoclasta Rompente. Todos eles ben insuflados de arelas de renovación na lírica.
Superada a fase na que estes novos nomes se presentan na escena literaria pública amparados baixo o colectivo e a través das súas publicacións conxuntas, será entre 1979 e 1981 o lapso en que a meirande parte deles e delas se decidan a dar ao prelo poemarios individuais. É o caso (en 1979) da Ópera prima de Xavier Seoane, A caluga do paxaro , da Véspera do día de Xulio L. Valcárcel , dos Poemas de amor sen morte de Claudio Rodríguez Fer e de Lideiras entre a paisaxe de Vítor Vaqueiro . Tamén (en 1980) dos Fentos no mar de Xavier Rodríguez Baixeras , do Entre lusco e fusco de Pilar Pallarés e da Ferida acústica de río de Manuel Forcadela .
Público e crítica reciben con entusiasmo este refrescante cambio de paradigma na estética da poesía galega. Algúns autores epigonais só teimaban en recuncar nunha tendencia de corte sociopolítico e expresión directa que daba signos de esgotamento. A nova corrente parecía responder mellor a un contexto histórico case acabado de estrear: apertura ao mundo, (relativas) liberdades restituídas, decretos a prol do galego. Precisábase reverdecer o discurso nacional tamén a través do literario. Novos e enérxicos presupostos poéticos osixenarían unha historiografía que tiña demasiado que desempoar de enriba.
De novo sen moita máis intención que a de divulgaren en grupo textos propios, cando a nova estética parece estar xa definitivamente callada, un novo colectivo de poetas vai aparecer en torno á cidade da Coruña. Publicarán en 1984 a antoloxía De amor e desamor, que aínda editará unha segunda entrega ao ano seguinte. De novo sen unha poética de grupo, a publicación aglutina diferentes e abondo marcadas personalidades líricas, e acabará por se converter nun dos títulos colectivos máis representativos da década.
Entre as súas páxinas xa podían lerse versos de Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel ou Xavier Seoane, algúns autores da corrente dominante que logo canonizaría a crítica dos oitenta. Tamén os duns Manuel Rivas, Pilar Pallarés ou Lino Braxe de traxectorias máis particulares; todo a carón dunha figura abondo discordante coma a de Lois Pereiro , e da de tres poetas ben adscribibles á estética do momento pero se cadra un chisco menos produtivos, caso de Miguel A. Mato Fondo, Francisco Salinas Portugal ou Xosé Devesa.
As voces compiladas presentaban xa unha preocupación pola forma nos seus versos de tintes quer neorrománticos, quer nostálxicos, quer ironicamente desmitificadores de épicas nacionais pasadas. O amor, o tempo, a perda da infancia ou de vínculos familiares tratábanse dende unha expresión tendente ao culturalismo. Tanto a distribución coma os eventos (recitais, presentacións) vinculados a esta escolma de distintos rexistros capaces de renovar o discurso poético acadaron un considerable éxito.
E é que as manobras de consolidación desta xeración poética van ser rápidas e efectivas. Toda promoción literaria precisa da compañía do aparato crítico para o seu sostén, visibilidade e futuro, e a aparición dun chamativo número de antoloxías serviu moito nesta tarefa. Limiares eloxiosos nalgúns títulos da altura, panorámicas redactadas por unha crítica militante, recensións divulgativas, artigos de espíritu publicitario e escolmas para públicos foráneos sumáronse ás fontes historiográficas que sostiveron a temperá canonización do período; tamén, de determinada tendencia (e determinados autores) dentro deste.
En tal labor destaca o nome do profesor Luciano Rodríguez, responsable da antoloxía quizais máis eficaz e célebre da época: Desde a palabra, doce voces. Nova poesía galega . Precedida dun clarificador estudo, se hai quen queira seguir asociando os distintos integrantes arredor dun eixo xeográfico norte-sur atlántico, tocaríanos situar arredor do foco coruñés a Miguel Anxo Fernán Vello, Xulio L. Valcárcel, Xavier Seoane, Manuel Rivas e Pilar Pallarés, e en torno a Vigo a Xosé María Álvarez Cáccamo , Ramiro Fonte (docente na cidade olívica), Manuel Forcadela, Román Raña e Paulino Vázquez. Sen abandonar o eixo, non sería difícil aproximar o padronés Eusebio Lorenzo Baleirón e o lugués Claudio Rodríguez Fer a Compostela, crucial cidade de formación (tanto académica como literaria), reunión e sede de revistas aglutinadoras.
Mais o volume de Sotelo Blanco non será o único. A consagración xeracional alimentarase da man doutros dous traballos pioneiros sobre a nosa lírica dos oitenta: de Henrique Monteagudo Dez anos de poesía galega . 1975-1985 –que vira a luz en Grial xa un ano antes ca a antoloxía de Luciano Rodríguez– e Nueva Poesía Gallega do compañeiro coetáneo Claudio Rodríguez Fer, que se publica dentro das monografías asturianas Cuadernos del Norte naquel mesmo 1986. Podemos considerar as tres escolmas coma catálogos fundacionais dunha nova sensibilidade poética.
Mais non debemos esquecer o papel das revistas no seu zume nutricio. Dirixida pola poeta veterana Luz Pozo Garza, a segunda e monolingüe etapa de Nordés que bota a andar en 1980 constituirá unha delas. Outra xurdida no mesmo ano chamarase Coordenadas. Tamén artellada en Santiago, Dorna será fundada en 1981 precisamente por un poeta doadamente enmarcable na promoción que nos ocupa: Luís González Tosar. Catro anos máis tarde, Luzes de Galiza nace diversa e heteroxénea por iniciativa do grupo poético que vimos de adscribir á cidade da Coruña, ou aínda mellor o que dera ao prelo os volumes De amor e desamor . Haberá que sumar as feministas e máis transversais Andaina e Festa da palabra silenciada –ambas de 1983– a outras coma a veterana Grial, o fanzine Loia, a voceira da AELG Escrita ou Os habitantes do lago, do colectivo poético coruñés do mesmo nome.
Finalmente, hai que mencionar os premios como factores de lanzamento ou afirmación de novos autores e autoras. Nese sentido e no que respecta a este período, o Concurso Nacional O Facho da Agrupación Cultural homónima terá un rol importante. Tamén o terá, na mesma liña, o prestixioso Premio Esquío e –a pesar da súa curta vida– o Leliadoura. Compre engadir tamén as chamadas Xustas Literarias Galegas ou Premio Celso Emilio Ferreiro do Concello de Santiago, o Cidade de Ourense ou o Celso Emilio Ferreiro do Concello de Vigo. Canto a coleccións editoriais que desen saída á expresión poética desta promoción emerxente temos que falar da que, con igual nome, edita maiormente os poemarios premiados no certame Esquío; súmanse Edicións do Castro, Galaxia, Algalia e, especialmente, a Leliadoura da editorial Sotelo Blanco que foi casa para moitos dos seus traballos.
Todos eles –colectivos e revistas, premios e coleccións editoriais– serven de plataforma a esa nova e efervescente promoción poética que acadou un temperán interese por parte dos lectores/as e da crítica.

 

Tendencias na poesía dos oitenta

Á hora de abordar unha posible clasificación dos e das poetas dos oitenta que deixase a un lado criterios se cadra máis superficiais coma o xeográfico (e que os vertebra sobre todo ao longo dun eixo con polos na Coruña e Vigo, aínda que pase tamén algo por Santiago), poderiamos optar por dúas posibles vías:

Pilar Pallarés.

  •  A da crítica Iris Cochón, que diferencia entre o que nomeou coma o grupo dos apolíneos e o dos dionisíacos. Se esta segunda liña dionisíaca coincidiría coas voces máis subversivas dentro do período, a liña apolínea identificarase coa estética dominante e tamén coa que o tempo canonice; isto é: as poéticas refinadas e de aspiracións clasicistas, por veces barroquizantes ou esteticistas, aquelas cuxas complicidades intertextuais e referencias cultas fan alusión ao grande canon.

Con todo, hai que entender a clasificación desta autora dentro dun criteiro que non marca unha grande fenda entre a xeración dos oitenta e a dos noventa, observando menos dicotomías estilísticas ou temáticas do que unha oposición periodolóxica e un certo conflito meramente xeracional (e de base máis socioliteraria).

  • A clasificación na que coinciden máis ou menos outros críticos e críticas literarias coma Chus Nogueira, e que distingue as seguintes tendencias:
  • A culturalista: maiormente vinculada a un intimismo de inclinación esteticista, e na que poderiamos englobar a Ramiro Fonte, Paulino Vázquez, Román Raña, as primeiras épocas de Álvarez Cáccamo, Forcadela, Eusebio Lorenzo Baleirón ou Miguel Anxo Fernán Vello.
  • A da experiencia: procurando un discurso máis natural, cunha linguaxe máis directa e máis apegado á realidade cotiá ou mesmo social, caso dun Manuel Rivas, un Lois Pereiro ou unha Luísa Castro.
  • A do experimentalismo: Recollen o herdo vangardista e unha maior capacidade de experimentación formal autores como Manuel Vilanova, Afonso Pexegueiro ou Xela Arias.
  • A da conciencia de xénero: dun feminismo máis ou menos explícito, varias autoras apostan por unha escrita que non renuncia a unha marca explícita de muller; é o caso de Pilar Pallarés, Ana Romaní ou Marica Campo.

    María do Pilar Campo Domínguez.

  • Poéticas senlleiras: camiños máis singulares manteñen a súa personalidade propia, como en Claudio Rodríguez Fer, Luís González Tosar ou Cesáreo Sánchez Iglesias.

Así e todo, e máxime ao botar a vista atrás co paso dos anos, o panorama resultou ser ben menos homoxéneo e compartimentable do que adoito a crítica indicou, tamén polo número de 'voces ponte' entre esta xeración e a seguinte, a cantidade de puntos de fuga que escapaban á estética dominante, e unha heteroxeneidade poética que aumenta se temos en conta a evolución dos autores e autoras nos anos seguintes: Proverbiais serán as revisións que operarán nas súas poéticas, por exemplo, Álvarez Cáccamo, Pilar Pallarés ou Manuel Forcadela; transitando os tres cara unha maior depuración de elementos retóricos, diríxense as preocupacións do primeiro cara á esfera cívica e político-social, cárgase conceptualmente a conciencia expresada pola segunda e experimenta coas hibridacións formais o terceiro.
E así como a cullerdense tensará co tempo a súa lingua poética até se converter nunha das autoras galegas referenciais e esteticamente máis independendizadas xa dos presupostos do grupo, tamén cara ao futuro van traballar figuras que pasarán de posicións máis tímidas até unha ambición creativa como a de Francisco X. Fernández Naval ou Ramón Caride. Por outra banda, se cadra tamén menos visibilidade do que o 'núcleo duro' dos oitenta acadaron outros autores igual de interesantes, como Luís Rei Núñez, Henrique Rabuñal, Vicente Araguas ou Miguel Sande.
E precisamente porque con frecuencia o xermolo do futuro haberá que rastrexalo nas notas discrepantes das tendencias maioritarias ou canónicas da época, merece a pena botar unha ollada a este outro tipo de itinerarios poéticos.

 

Voces discordantes da poesía dos oitenta

Sen que resulte un fenómeno estraño, ás veces aguzar a ollada cara ás pezas que peor encaixan nas estéticas dominantes dos períodos permítenos adiantar −dalgún xeito− algunhas das sendas que camiñará a poesía do futuro. Dito doutro xeito, non é infrecuente que cada promoción poética se sinta menos interesada nos trazos principais dos nomes máis prestixiados do que nas 'caras B' da xeración precedente.
Nese sentido, é interesante fixarnos nalgúns itinerarios poéticos dos oitenta que quedaran un tanto fóra do que máis ou menos axiña se encumiou. Así, poderiamos deter a vista –principalmente– en dous 'luíses' da provincia de Lugo: Luísa Castro e Lois Pereiro.
Xa titubeante entre castelán e galego dende os seus comezos (aínda que acabaría por tirar máis polo primeiro), a poeta de Foz vai publicar no 84, no 86 e no 88 os seus primeiros libros, donos dunha anticipada estética posmoderna que se opoñía á elegancia coa que escribían boa parte dos seus coetáneos. O último dos tres e integramente en galego, Baleas e baleas, nin sequera acadará máis ca un accésit do VI Premio Esquío e, sen embargo, anticipaba varias das liñas poéticas que virían máis tarde (especialmente nos noventa, que acabaría superpoboada de baleas, mais non só) tanto na súa repugnancia da estilización como na súa estilización da repugnancia: antilirismo, insolencia, unha tenrura esgazada, unha inocencia violenta, a provocadora beleza da antiestética, linguaxe doméstica, unha vulnerabilidade algo perversa, un eu abondo ficcionalizado, 'collage' de referencias dende a cultura clásica ata o banal, e ata rimas internas. Nada encaixaba coa moda imperante, mais nese título referencial volverían beber moitos dos autores e das autoras do futuro.
Parte dalgúns dos grupos emblemáticos dos oitenta como De amor e desamor ou Loia e activo en revistas e recitais da época, o monfortino Lois Pereiro non acabaría de publicar un libro individual até 1992. Non apuntaban os focos da década cara a un autor heterodoxo, de ideoloxía anarcocomunista e expresión cargada de ecos expresionistas e punks, rodeado de certa aura de malditismo e contracultura, pero que acabaría por resultar case 'de culto'. Na estreitez do gume literatura/vida pola que el camiñou coma funambulista espellouse parte da poesía dos noventa.
Amáis deles, cómpre reparar nun autor que, se ben dá un nome que non sería lexítimo situar fóra do canon, cultiva unha poesía non demasiado ortodoxa a respecto das liñas dominantes da xeración dos oitenta. Estamos a falar de Manuel Rivas , artífice dunha linguaxe poética de aparencia máis sinxela e por veces próxima á coloquialidade, menos preciosista e ornamentada, e un dos autores que vai tematizar contidos sociais e sociolingüísticos na súa obra. Tamén na súa expresión da tenrura ou do sarcasmo se podería ver un anticipo do que viría.
Outro autor no que paga a pena deterse é Antón Lopo (na altura aínda Antonio R. López). Nos mesmos oitenta aínda que contra finais da década, e sendo moito máis prolífico nos noventa, este outro monfortino desenvolverá unha proposta poética ben máis crúa e desbarroquizada ca aqueloutras máis visibles. Facéndolle as beiras ao ton coloquial e a unha certa narratividade a xeito de crónica nos seus poemas, a linguaxe de Lopo desmárcase da gravidade dos seus contemporáneos no seu afán comunicativo. No futuro, mesmo botará man doutros códigos expresivos en diálogo. Abriralle as portas a produtos culturais de diversa procedencia (máis e menos nobre) á hora de recabar fontes, e tamén por iso descubrirá o valor revulsivo e subversivo da alteridade. Modelos de sexualidade e xénero alternativos manterano igualmente á marxe da ortodoxia e a compracencia. Talvez esteamos en fronte dos primeiros indicios 'queer' da poesía galega, con todo o que de osixenante iso puidese traer. Á vez, irá operando no eu poético unha ficcionalización cada vez máis complexa e unha perspectiva sobre o corpo capaces de enlazalo cos poetas da década dos dez.
Autoras que do mesmo xeito botaron a andar o seu traballo poético nos anos oitenta –tamén contra finais– e igualmente de máis difícil encadre nas liñas de forza da xeración serán Xela Arias e Ana Romaní .
Cunha voz á vez tensa, esixente e contida, lonxe de calquera requintamento, a poética de Xela Arias significará un desafío ás convencións dende a vocación transgresora da palabra poética. E opoñerase a múltiples xeitos de opresión en fondo e forma: da alienación social á institucionalización do amor entre os primeiros, da sintaxe á puntuación entre os segundos. Así, moitos considerarán as ansias de rebeldía deste discurso crítico como precursoras da poesía feminina dos anos noventa.
Algo un tanto máis harmónicos dentro do panorama estilístico do momento foran os comezos da noiesa Ana Romaní quen, no entanto, vai acometendo na súa poética ao longo dos anos todo un proceso de emancipación de discursos herdados. A palabra poética outórgalle unha posición de resistencia que vai dende o individual ao colectivo ou, se se quere, que constrúe identidade a través do corpo. A través dunha simboloxía propia vai trazar xenealoxías femininas de diversa índole. Nesa escrita de xénero e na conciencia do corpo como discurso, tamén con ela se poden entroncar varios dos nomes de autoras non só dos noventa, senón –acaso aínda máis– de promocións posteriores.
Ao carón destas voces abondo senlleiras e inclasificables que comezaron as súas andainas dentro de década que nos ocupa, e que en certo modo poderían considerarse precursoras da seguinte, haberá que sumar ao caldo de cultivo as doutros e doutras poetas igualmente nacidos entre o cambio de décadas 60/70, pero cuxas óperas primas datan xa dos primeiros noventa. Pero iso farémolo máis adiante.
Na nosa caracterización dun substrato estilístico que, dende a década dos oitenta e mesmo aínda dende un chisco antes, alimenta a xeración seguinte, habería que mencionar aínda algún par de autores un tanto menos prolíficos coma Anxo Quintela ou Miguel Anxo Murado, as últimas rabexadas do colectivo Rompente (máis en concreto, o 'collage' cultural, a coloquialidade e a ironía de Antón Reixa ben poderían estar adiantando modelos; como tamén o profundo proxecto de liberación a través da linguaxe levado adiante pola individualísima obra de Pexegueiro ) e xa as actividades do colectivo Ronseltz, por moito que non dean nunha publicación de seu ata a década seguinte.

Ana Romaní.