A Etapa Contemporánea III
A Poesía entre dous séculos
Introdución

O capital simbólico que, de antigo, ostenta a poesía en Galiza fainos conscientes do seu papel de relevo tanto na contribución a un patrimonio cultural e artístico de grande responsabilidade histórica coma na propia construción do relato nacional. De aí a vertixe e a heroicidade da corda bamba pola que se camiña: a dunha comprometida procura da excelencia creativa que pelexa contra a precariedade estrutural do sistema que a soporta.

Alcanzado o ecuador da década dos oitenta, a poesía galega vive un momento de esplendor no puramente creativo que acompaña as ansias de normalización dun sistema cheo de esperanzas. É o período histórico español que os máis compracentes chamarán 'transición' e outros, acaso, 'restauración borbónica'. Quedan atrás as longas noites de pedra do fascismo, e esa nova orde que trae aires de aparente restitución de liberdades democráticas inspira renovación, diversificación, cosmopolitismo e asentamento.
É a época na que se sentarán as bases dunha incipiente traza de normalidade para a nosa lingua e sistema literario, ao abeiro do Estatuto de Autonomía e da aprobación dalgunhas leis fundamentais no lingüístico: as mesmas que normativizarán un idioma xa oficial no país, e que preservarán a súa aprendizaxe e uso en todo o territorio.
Nese contexto se consolidará a chamada 'xeración dos oitenta' da poesía galega, unha promoción pola que –esgotada a corrente socialrrealista– público e crítica pareceran estar agardando. Este grupo de poetas vai coñecer unha abondo rápida e espléndida canonización, amparada por unha coxuntura económica emerxente: antoloxías, premios, publicacións e eventos consolidarán a súa tendencia dominante.
Mais, ao carón deses traballos dunha excelencia literaria incuestionable, outros nomes coetáneos afástanse dos trazos e correntes máis frecuentes e adiantan –sen sabelo– algo do que eclosionará máis tarde.
O que boa parte da crítica segue a denominar 'xeración dos noventa' non coñecerá a súa consolidación e auxe até a segunda metade da década. Na primeira, só algunhas voces soltas aquí e alá adiantan un período no que o boom de mulleres poetas rematará por constituír o fenómeno máis representativo. Unha escrita de xénero chega para mudar non só a historia da poesía galega senón o xeito de entender a escritura. A loita feminista acada algunhas conquistas sobre o soporte papel das páxinas dos poemarios.
Tras a efervescente segunda metade dos anos noventa, o ritmo ralentízase case con só atravesar a soleira do milenio. Calquera relativa bonanza vai cambalear coa crise do 'Prestige', que en cambio conseguirá reactivar a conciencia política no campo da poesía. Esta implicación deixará pouso nas promocións poéticas seguintes, que operan unha fértil transcodificación de inquedanzas sociais e políticas nos versos sen relaxar a excelencia creativa.
En calquera caso, sobre aquela certa desaceleración do ámbito literario vai caer aínda coma un trebón a crise económica do 2008, magoando moitos dos vimbios que colocara o desenvolvemento institucional e editorial. Redúcense as publicacións, as tiraxes, os premios.
Unha vez máis haberá que esperar até case mediada a década dos anos dez para notar unha renovación por fin máis contundente. Da man do recoñecemento exterior, de certos galardóns e dunha nova relación coa linguaxe poética, os poetas e as poetas máis mozas conseguen insuflar –nos últimos anos– un estimulante aire fresco na poesía galega.

Así e todo, se nas décadas máis recentes xa se facía problemático falar de 'xeracións literarias', consonte o devir da historia da nosa escrita, o encaixe en criterios pasados e vellas coordenadas irá logrando funcionar cada vez menos. Mesmo os factores canonizadores irán sufrindo unha revisión aínda en proceso.
Sen pretensión de exhaustividade ou dunha caracterización milimétrica nin consolidada ad aeternum, cando por practicidade empreguemos neste noso estudo o termo 'xeración', deberá sempre entenderse lonxe desa orientación biolóxico-positivista que o asocia estrictamente a datas de nacemento. Pola contra, manexaremos a denominación no sentido sociolóxico-cultural co que o profesor Arturo Casas ten traído a Karl Mannheim á nosa teoría literaria.
Toda análise resulta inxusta coa infinitude de matices, variacións, circunstancias e puntos de fuga que se dan na complexa práctica literaria contemporánea e o seu contexto, mais sirva esta coma un punto de partida na aventura de ampliar o coñecemento dunha paisaxe vizosa, diversa, esixente, repleta de capacidade de risco e de ambición literaria.