A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A emerxencia da literatura galega na primeira metade do século XIX (1808-1863)
A cuestión do idioma

"Podo afirmalo, porque, polos meus anos, son testemuña irrefutábel disto. Cando eu era neno, todos ao meu arredor falaban galego. Cincuenta anos bastaron para que as clases elevadas, que antes non xulgaban cometeren falta usando a lingua que todos entendían, teñan cambiado. Non lles abondou con abandonaren a casa paterna e desertaren do campo de combate, senón que, tendo sido os que iniciaron este movemento de rexeneración, puxeron ben axiña entre o que nos pertence e os novos pensamentos, que veñen amparalos, unha profunda e dolorosa barreira. Seguíronos a eles nesta obra de exterminio os insensatos, o mundo oficial coa súa forza incontrastábel, a ignorancia de moitos, o desleixo dalgúns, a fachenda duns cantos e, sobre todo, o crecente trato cos estraños, a quen mesmo chegamos a permitir que maltraten a fala de nosos pais, cubríndoa coa lama das súas invectivas e proclamando a cada instante que un paso máis e a lingua galega desaparece.

Manuel Murguía.

Non será así; non se borra tan facilmente nos beizos que a mamaron a lingua que falou este pobo durante máis de dez séculos; que é a que falan e entenden perto de tres millóns de galegos, dezaoito millóns de habitantes en Portugal e nos seus dominios, doce no Brasil. Non pode perecer unha lingua que ten unha literatura gloriosa e homes que son orgullo da intelixencia humana. Por isto, e para recoller na Galiza o seu verdadeiro léxico, dar a coñecer a súa gramática e afirmar a súa existencia, se fundou esta Academia. Porque o idioma de cada pobo é a característica máis pura e máis poderosa da nacionalidade. Xentes que falan a lingua que non lles é propia é un pobo que non se pertence».

Este texto que reproducimos, traducíndoo, é un fragmento do discurso que proferiu Manuel Murguía, o 30 de Setembro de 1906, no acto de constitución da "Real Academia Gallega", por el presidida, na Coruña. O xa, daquela, patriarca da cultura galega, resume a crise fundamental vivida polo idioma galego no século XIX e infórmanos perfectamente do proceso, interno á sociedade galega, de substitución do galego polo español, dos efectos negativos deste proceso invasivo e da necesidade de restauración que un instituto recen criado, como a Academia, debía patrocinar. A aquela altura, D. Manuel Murguía (nado en 1833) leva vivido dous terzos íntegros do século XIX, protagonizado eventos decisivos para a Galiza nesta centuria e combatido firmemente para a afirmación nacional do noso país. É o seu, por tanto, o diagnóstico valioso dunha testemuña de excepción, que nos permite pór en relevo os seguintes datos significativos:

  1. Murguía dá conta dunha fase ou momento crucial na tensión entre a lingua dominante e a lingua dominada, como ten estabelecido Louis-Jean Calvet e aplicado ao conflito lingüístico galego Francisco Rodríguez: o que marca a asimilación ao idioma invasor do segmento social superior do país dominado. Se nun primeiro momento do dominio político e económico o castelán é privativo da superestrutura funcionarial estranxeira e da burocracia a ela vinculada, o segundo paso está marcado pola adopción do español por parte das clases superiores do país, que teñen precisamente na dependencia dos estamentos españolizadores o seu acomodo. É este un momento decisivo no proceso, pois que asegura a internalización do conflito e dá a aparencia de ser un conflito "doméstico", isto é, inter-clases do propio país, da Galiza, co reforzo, por outra parte, doutro fenómeno visíbel de repartición espacial (cidade, español; rural, galego) que acentúa a aparencia de proceso interno: a dolorosa barreira, de que fala Murguía, está trazada.
  2. O pensador e patriota galego informa dunha situación, por el lembrada, de monolingüísmo xeneralizado. Isto vai determinar fortemente o carácter de necesidade premente que os restauradores e pioneiros da utilización do galego na literatura lle ven ao uso e dignificación do idioma galego, empeño nada "arqueolóxico", por tanto, ou culturalista (unha cousa é o recipiente; unha outra, a intención). Lémbrese que a mesma xerarquía católica, no derradeiro terzo do século XIX, que utilizaba, en exclusiva, o latín e o español nas súas actividades, recomenda aos confesores provenientes doutros lugares do Estado a utilización da Gramática de Saco e Arce (1868) para o exercicio da súa profesión en vilas e aldeas do país.
  3. A reivindicación do idioma, como credencial nacionalitaria básica, vai ser santo e seña de todo o proceso restaurador galego do século XIX: a súa apoloxía será a lóxica resposta á campaña de difamación e de ataques a que o galego se vía submetido, negándolle a condición de lingua, cualificándoo de ruda e bárbara linguaxe ou negándolle calquera futuro. A agresión era formidábel, pois, a esta altura, activada esoxenamente desde as instancias directa ou indirectamente vinculadas ás institucións públicas do Estado, víase incrementada, internamente, no propio país, por detractores que se sumaban á forza exterior citada e pola mesma obxectividade negativa para o galego: a súa ausencia, a súa exclusión de calquera ámbito político, administrativo, eclesiástico, superestrutural. É, pois, a do idioma unha colosal batalla por lograr a sobrevivencia do país e o dereito ao seu futuro: o seu emblema máximo, o seu símbolo fundamental.

IMAXES