A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria e xornalística de Lamas Carvajal
A fortuna crítica de Lamas Carvajal

Intentaremos neste apartado facer un breve percorrido pola crítica de que teñen sido obxecto a figura e a obra de Lamas Carvajal. Polas características deste fascículo só imos facer mención do que coidamos máis significativo. Debemos dar conta, primeiramente, da inxustiza coa que foi e é tratada a sila obra, tanto pola pouca atención que se lle prestou, como pola imaxe que da mesma se transmitiu, analisada case sempre sen ter en consideración as circunstancias especiais que condicionan a literatura galega do século XIX, xerada nun país submetido a un forte proceso de asimilación cultural e lingüística, como xa vimos anteriormente. A literatura galega do Primeiro Renacemento, para ser entendida, debe ser estudiada atendendo aos condicionamentos que a rodean, ás circunstancias nas que se desenvolve e ao seu valor como resposta anti-asimilacionista. O que reclamamos nós para o noso movemento restaurador xa o pedía o crítico J. L. Alborg para o romantismo español:

Gravado en madeira de  O Tío Marcos d´a Portela.

"(...) lo que no parece correcto —y es, sin embargo, lo que se viene haciendo hasta hoy— es trazar unas coordenadas extraídas de lo sucedido en otros países, y exigir que lo nuestro encaje en ellas so pena de residenciarlo como extravagante o anacrónico".

O escritor ourensán foi, sen nengunha dúbida, un dos autores máis recoñecidos no seu tempo, tanto polo éxito da súa obra entre o público como pola crítica literaria da época. Do seu éxito dan boa conta as diferentes reedicións das súas obras, destacando o suceso do seu Catecismo... ,e a popularidade do Tío Marcos da Portela que tiña unha tirada de 4.000 exemplares.

A crítica literaria do momento vólcase en eloxios cara a obra de Lamas; autores como Modesto Fernández, Osorio Bernard ou Alfredo Vicenti recoñecen o seu labor en diversas publicacións madrileñas. Será Vesteiro Torres o primeiro que saliente o papel de Lamas como un dos ideólogos da renacencia galega ao analisar o "Primeiro Ramiño" de Espiñas... :

"Valentín Lamas Carvajal, como Pintos, Añón, Camino, Pondal, Mosquera y como la rola de Galicia, es uno de esos obreros de la inteligencia, animosos, infatigables, prepotentes, que abren las sendas del porvenir. No le dejemos en la soledad, haciendo inútiles sus esfuerzos. El representa el país, es su encarnación genuina, su apóstol... ¡Que no sea su mártir!".

Mostra deste recoñecemento é o seu nomeamento como socio de mérito (ao igual que Vicetto ou Pintos) da sociedade " Galicia literaria ", constituída na casa madrileña de Emilia Calé, e da que formarían parte destacados personaxes do Rexurdimento galego como Curros, Añón, os irmáns Muruais ...

Non todo foron parabéns para a obra de Lamas, e así Murguía manterá unha dura disputa co escritor ourensán a raíz das severas críticas que realiza das primeiras obras de Lamas.

Será nas páxinas de La Ilustración de Galicia y Asturias onde emitirá a seguinte opinión sobre o libro de Lamas Desde la reja. Cantos de un loco :

"Tan escasa de mérito literario se presenta esta colección de composiciones escritas en gallego y castellano, que, con sentimiento lo decimos, no merece siquiera los honores de la crítica".

A publicación das Espiñas, follas e frores centrará novamente os ataques de Murguía indicando que Lamas carece de calquera atisbo de orixinalidade e acusándoo de plaxiar a varios escritores e sobre todo a Rosalía:

"Mas donde nuestro autor mostró su perfecta competencia para todo género de imitaciones es en aquellas de sus poesías que con toda evidencia se han escrito después de leídos los Cantares gallegos de doña Rosalía Castro".

Lamas deféndese, non sen certo infantilismo, declarando que a penas coñece a obra rosaliana, da que só tería lido ou escoitado tres ou catro composicións. Un mínimo estudo, aínda superficial, das Espiñas... revela que Lamas bebeu, e moi aplicadamente, na fonte dos Cantares gallegos ; o cal é lóxico se temos en conta ademais a devoción do escritor ourensán pola escritora de Padrón, á que lle dedica incluso algún poema ("Á Rola de Galicia. Rosalía Castro de Murguía") e pola que mostra sempre un profundo respecto e admiración. Mais, sen embargo, debemos entender a reacción de Lamas, ferido na súa dignidade e na súa humildade de autor novel, considerando excesivas as descalificacións de Murguía.

A actitude de Murguía para con Lamas podémola calificar de desmesurada, pois por ínfima que fose a calidade dos seus versos, aportaba algo á renacencia das letras galegas, embarcándose nun proxecto de recuperación da dignidade do país do que o historiador formaba parte. Carballo Calero pensa que a irritación de Murguía se debe ao amor propio ferido —neste caso, por "solidariedade conxugal"—:

"Celosísimo sempre da groria de Rosalía, que fora realmente o seu grande descobrimento, non puido ver sin acedume cómo Lamas avantaba vacilando por un camiño que Rosalía tiña aberto con decisión xenial".

Bastantes anos máis tarde Murguía rectificará os seus xuízos anteriores; a ocasión daralla a resposta ao discurso de ingreso de Parga Sanxurxo na Academia Galega, no 1907, un ano despois da morte de Lamas, escritor sobre o que o novo académico compuxo a súa disertación:

"... aceptando con toda voluntad el juicio que al Sr. Parga merece el poeta muerto, me apresuro a rendir aquí el tributo que de justicia se le debe. Es más, uno a sus alabanzas, las mías incondicionales. Entiendo que fué un inspirado y que la posteridad, más desligada que nosotros de las preocupaciones que acerca de su obra puede participar, comparándole con la de sus contemporáneos, ha de darle, mejor dicho, le da, lugar merecido y glorioso en nuestro Parnaso."

Xa, a raíz da morte do escritor, no 1906, Murguía compuxera unha lembranza para a prensa ourensá que un ano máis tarde, o 11 de Setembro de 1907, reproduciría A Nosa Terra ; e posteriormente con motivo do monumento que se erguerá en Ourense en honor de Lamas envía unha colaboración ao Tío Marcos da Portela na que indica a xustiza de tal acontecemento.

Pensamos que o enfrontamento entre Murguía e Lamas non pode ser analisado unicamente atendendo a cuestións psicolóxicas, e, parafraseando a Francisco Rodríguez, non se pode reducir a un suceso personalista entre literatos. Houbo acontecementos socio-políticos de indubidábel influencia na posición de Murguía. Despois da Revolución do 1868, "La Gloriosa", Murguía ten esperanzas en que a Galiza perda o seu papel marxinal dentro do Estado español e supere a opresión social e económica a que estaba submetida (vid. fascículos 9 e 10 para a visión histórica da Galiza no XIX). O paso dos anos irá devolvendo ao historiador á crúa realidade, a marxinación da Galiza irao levando cara un profundo desencanto. A Restauración acentuará a súa desesperanza, distanciado polas súas críticas dos seus ex-compañeiros democráticos e republicanos, perseguido e censurado polos partidarios do novo réxime. A censura actuará pechando as súas fontes de ingresos, e, no 1878, denegaráselle a subvención solicitada á Deputación de Lugo para a publicación dos tomos da Historia de Galicia , que non saíran desde o 1865. A represión tamén actúa sobre a obra da súa muller, Rosalía, que só verá publicada a segunda edición dos Cantares Gallegos , no 1872, e que deberá esperar máis de dez anos, como ela mesma indica no prólogo, para que se publique o libro Follas Novas (editado co financiamento da emigración galega en Cuba), publicación que fora anunciada na prensa xa desde o 1872. Como denuncia Alfredo Vicenti, Murguía e Rosalía estaban a ser marxinados:

Gravado na edición prima de  O Catecismo do Labrego.

"Murguía, el primer literato de nuestra patria e ilustre historiador suyo, gloria española aun más que gallega, ha perdido la subvención que algunas diputaciones le otorgaban para ultimar sus trabajos históricos y se ve en la necesidad de interrumpir su obra, a causa del estraño comportamiento de su editor y protectores natos.

Su esposa, la inspirada autora de los CANTARES GALLEGOS, y del CABALLERO DE LAS BOTAS AZULES, pasa desapercibida o poco menos en el país natal, y ha probado las amarguras del genio al encontrar que sus obras se vendían apenas en Galicia, al paso que se agotaban en Ultramar y el extranjero."

Murguía, desesperanzado polo seu ocultamento, indignado pola censura sobre a obra da Rosalía, reacciona ante a facilidade de publicación do cego ourensán e ataca, equivocando o seu inimigo, a Lamas Carvajal. Proba de que había algo máis que enfrontamento persoal é a reacción da prensa, volcada toda ela do lado de Lamas, o que agacha un intento de marxinar ao historiador galego, como sinala Francisco Rodríguez:

"[porque]existía, consciente ou non, o obxectivo de escurecer a persoa [de Murguía] nada ben vista polo Réxime nen por sectores do republicanismo ou dos seus ex-seguidores, agora aspirantes á integración."

Outra personalidade destacada do século XIX que se ocupou de Lamas foi Emilia Pardo Bazán. O seu xuízo sobre a obra do noso autor é enteiramente benevolente, pois adecúase case perfectamente ao que para ela era o tipo de cantor rexional-dialectal, "poeta del terruño", que "había de ser principalmente muy quejumbroso y triste, aunque sin amarguras ni rebeliones " (subliñado noso).

Tal fervor por Lamas só se pode explicar atendendo á visión da Galiza da Condesa de Pardo Bazán: por un lado, a posición totalmente asimilada á cultura española-europea, burguesa (liberal ou conservadora), desta autora, feito conectado coa súa posición económica e social e as súas expectativas de aculturación, lonxe física e espiritualmente das raíces galegas; doutro, o que de ruptura auténtica provoca o nacente movemento recuperador galego; se ela se movía nun pensamento que nen de lonxe admitía ou concebía semellante ruptura da norma (o uso do galego fóra dos límites "naturais"), é lóxico que considerase —e eloxiase— unicamente o que prolongaba aquela súa visión do país como tribo estática, ruda, inxel, primitiva, aínda que con algúns trazos de gracia e de inxenua e "natural" filosofía aldeana.

Finalmente, reproducimos a alusión de Blanco Amor , feita coa súa proverbial gracia, a esta visión de Lamas que representa a crítica de Pardo Bazán:

"Las frases y giros de Lamas nos llegan calentitos de la boca de los aldeanos" dícenos a Pardo Bazán como falando de castañas asadas ou de papas de millo. A condesa apaña o feito lingüístico e afírmase na mestría ruralista do poeta. Ela, tan à la page na perceución do tempo literario-ideolóxico europeo e da súa resonancia en outras partes de España, non se amosa disposta a ademitir os contidos sociais ou de concienciación galeguista, que diríamos hoxe, nin polo tanto, o angurioso pedido de reacción, máis que de ademiración, do poeta diante dos problemas galegos".

En definitiva, a condesa, sen ser cega, só vía no poeta cego o que lle conviña —interesaba— ver:

"Este poeta del terruño, para satisfacerme del todo —á aquella hora en que yo me despojaba de refinamientos y sutilezas literarias y sólo quería oir el cántico de las cosas, la vaga sinfonía del suelo nativo— había de ser principalmente muy quejumbroso y triste, aunque sin amarguras ni rebeliones: había de exhalar un lamento resignado, murmurándolo sin hinchazones de hipérbole, con la paciente lentitud del buey que avanza amarrado al yugo; había de ser un alma crédula y supersticiosa, atenta á las hondas voces del pasado; y al mismo tiempo no le habían de faltar sus asomos de filosofía pesimista y desconsolada, sus ráfagas de escepticismo instintivo y aun de dolor terco, como el de la bestia herida por el aguijón."

Uxío Carré Aldao na súa obra La literatura gallega en el siglo XIX (1903)iniciaba un novo camiño na crítica que resaltaba o papel de Lamas como un dos escritores que intentaba concienciar á sociedade galega e espertala do sono en que desde había anos durmía. Resalta a comunidade de ideas do escritor ourensán cos demais membros pertencentes á xeración dos restauradores, unidos por un vínculo común, o seu amor por Galiza. Carré sobrancea os atrancos de Lamas e os seus coetáneos pola súa defensa dos intereses galegos:

Uxío Carré Aldao.

"En Lamas Carvajal lo veremos y de subido color regionalista, sobre todo en su obra Cantos de un loco, en que enaltece la memoria de hijos ilustres de Galicia, y en su soneto "Deus fratresque Gallaeciae", que le valieron grandes censuras de los partidarios del centralismo.

Esta tendencia de los poetas gallegos —tan significativa— y en la que se ocupan muchos escritores extranjeros que estudian la marcha de nuestra literatura regional, es completamente desconocida —es más, negada— por algunos á quienes los azares de la política elevaron á las alturas del poder. Así vemos cómo discurren muchos hombres públicos que representan á nuestro país en Cortes por gracia del régimen centralista que nos ahoga, pues ni aun son, per accidens, nacidos en esta hermosa tierra, y nada saben, ni entienden, ni leen, del país que dicen representar."

Carré incide na popularidade de Lamas, indicando o seu compromiso coa clase máis desfavorecida, os labregos, pois os seus escritos son "para los aldeanos y como ellos hablan"; salienta o papel propagandístico do Tío Marcos da Portela e do Catecismo ,atenuado polas condicións especiais da propiedade na Galiza que impiden que o problema se manif este con máis violencia. Carré subliña, finalmente, o pesimismo que vai envolvendo ao noso escritor, consecuencia da difícil solución dos problemas dos nosos campesiños.

Cando xa Lamas deixara de escribir, numerosos xomais seguían utilizando composicións súas: Revista Gallega , A Nosa Terra (tanto na súa primeira etapa como órgao da Solidaridad Gallega como posteriormente sendo voceiro da Irmandade da Fala da Coruña)...; tamén a prensa da emigración se facía eco do noso escritor; xornais como El Eco de Galicia da Habana, Galicia ,reproducirán abundante obra do cego ourensán, tanto poesía como prosa, o que proba a súa popularidade ultramariña.

José A. Parga Sanxurxo dedica o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega , no 1907, ao renacemento da literatura galega e máis concretamente á figura de Lamas Carvajal. Ao igual que fixera Carré, Parga Sanxurxo destaca o compromiso de Lamas para coa súa terra e sobre todo coa clase social que gardaba as esencias caraterísticas do noso país, os labregos. Os males que padecen os nosos campesiños serán o obxecto da obra do polígrafo ourensán:

"[debido a] los animados cuadros que ofrece la vida del campo en Galicia, los crónicos males que afligen al sufrido labrador, sus contadas bienandanzas, sus inenarrables infortunios, sus hondas tristezas, las asechanzas que le tiende la ajena codicia, las incesantes explotaciones de que es objeto y todas las injusticias con que le abruman las deficiencias del medio social en que vive."

Será o primeiro crítico que etiquete a obra de Lamas como realista fuxindo do "ruralismo" e o "costumismo" con que o xeral da crítica literaria a etiquetaran:

"[aclaramos que] el contenido de la poética labor de Lamas Carvajal, la cual, ajena a las bucólicas ficciones de la musa heleno-latina, se inspira en un sano realismo, que concuerda, por modo admirable, con la idiosincrasia especial del campesino gallego."

Parga Sanxurxo comprende perfectamente os propósitos de Lamas, participar na rexeneración do seu país e proporcionar unha esperanza de futuro aos labregos, clase, como se dixo, que representaba o 90% da poboación galega do momento.

En 1916, a "Irmandade da Fala" de Ourense visita a súa tumba e, ante ela, un dos seus membros le un poema galego do autor homenaxeado. Tamén baixo o patrocinio da "Irmandade" e por iniciativa de "La Liga de Amigos" érguese en 1918 un busto seu nos xardíns do Posío, da cidade ourensá; vinculado a esta homenaxe estará o xornal, que retomando o título que máis sona lle dera a Lamas, O Tío Marcos da Portela (a súa reaparición era sen dúbida unha das mellores homenaxes que se lle podía facer a Lamas), se volve a editar en Ourense. Na súa reaparición manifestan seguir os mesmos mandamentos do vello Tío Marcos ,buscando o engrandecemento da Galiza através da defensa dos seus símbolos de identidade. No xornal abrirase unha suscrición para erguer o monumento no seu honor:

"É vergonzoso, en verdá, que dempois de once anos que deixou este mundo, aínda o teña a terra esta á que adicou tantas e tan agarimosas poesías, sen premear cun púbrico testimonio, seus patreótecos e incomparabres traballos."

O día 1 de Novembro do 1917 a "Irmandade da Fala" de Ourense e a redacción do Tío Marcos da Portela levan á tumba do noso poeta unha coroa en agradecemento do pobo ourensán ao seu popular escritor. O acto converteuse nunha manifestación popular na que participaron desde as autoridades civís, militares e eclesiásticas até todo tipo de asociación privada que había na vila. Calculouse a asistencia á manifestación nunhas 20.000 persoas, segundo indica O Tío Marcos da Portela.

O mesmo xornal vaille dedicar ao completo o seu parrafeo 32, do 31 de Maio de 1918, coincidindo coa inauguración do monumento á súa persoa nos xardíns do Posío. Neste número de homenaxe participarán escritores como Manuel Murguía, Uxío Carré Aldao, Filomena Dato Muruais, Arturo Noguerol, Vicente Risco , Noriega Varela , Gonzalo López Abente , Victoriano Taibo ... Este acto serve para reivindicar un Lamas redentor da causa galega; alí é saudado deste xeito por Avelino Rodríguez Elías:

"Ti ergueches a bandeira redentora
e dend'o Tío Marcos loitador
con forza a defendeches sin acougo...
¡Groria a Valentín Lamas, precursor!"

O mesmo significado atopa Leandro Carré na obra de Lamas, como un dos iniciadores da rexeneración galega:

"Por eso, nós que amamos a santa memoria de aqueles que nos ensinaron a quere-la nosa Terra; a fala-la súa fala rica, nobre e fermosa; que souperon afincarnos no curazón a valía da nosa personalidade gallega, estimamos como un deber dos máis sagrados o de transmitirnos aos nosos irmáns, aos nosos fillos, o respeto, a veneración que gardamos, a devoción que sentirnos polos nones inmortales de Rosalía, Lamas Carvaxal e Curros..., que fixeron rexurdir unha nacionalidade que morría afogada no propio esquecimento do seu valer, da súa historia, da súa vida mesma.
E Galicia rexurde."

Consideramos necesario mencionar a visión de Lamas que realiza Santiago Prampolini por dúas causas fundamentais: a súa crítica está englobada nunha Historia universal de la literatura ,no apartado dedicado á literatura galega e ademais é unha análise feita desde alguén foráneo á realidade do país, co que ten un enfoque diferente. Destaca Prampolini a constante e extraordinaria obra do noso autor, ao que sitúa, cremos nós que con xustiza, ao mesmo nivel das outras grandes figuras da literatura galega do Rexurdimento: Rosalía, Curros e Pondal:

Poema na memoria de Lamas, publicado por Uxío Carré.

"Rosalía, Lamas Carvajal, Pondal y Curros son, por distintos títulos, los cuatro insignes representantes de la generación de los precursores."

Ve no noso escritor, un home preocupado polos problemas político-sociais da súa terra, profundamente "rexionalista", loitador incansábel na defensa e uso do noso idioma, e, continuando a liña de Carré, propagador de "ideas agrarias de carácter socialista".

Sen embargo o paso dos anos irá envolvendo no esquecemento a obra do noso autor, pasando a ser, como indica Blanco Amor, un "poeta de efemérides". Así, as aportacións críticas posteriores á obra de Lamas virán dadas, por unha parte, pola conmemoración do centenario do seu nacemento no 1949, celebrado a ambas beiras do Atlántico, coa organización de concursos literarios, conferencias e actos en torno á súa figura; e, por outra banda, as aportacións feitas a raíz de que a Academia Galega lle dedicase o " Día das letras galegas " no 1972.

De entre as aportacións feitas con motivo dos fastos antes reseñados imos destacar as realizadas por Eduardo Blanco Amor, o estudioso, na nosa opinión, que aportou a interpretación máis acertada e actual da obra de Lamas Carvajal. A súa primeira aportación será a edición dunha antoloxía de verso e prosa, cun traballo preliminar, feita por encomenda da "Comisión de homenaxe a Lamas Carvajal no centenario do seu nacimento", formada por sociedades ourensás da cidade de Buenos Aires. A obra supón unha revalorización de Lamas, tanto pola adecuada selección de textos (algúns case descoñecidos naquel momento) como pola reivindicación e apoloxía, ben fundamentadas, que fai Blanco Amor do cego ourensán.

Anos despois, e con motivo da dedicatoria do "Día das letras galegas" no 1972 a Lamas, Blanco Amor publicará unha serie de artigos no diario La Región de Ourense, após a celebración dun ciclo de conferencias sobre o autor ourensán. O primeiro que subliña Blanco Amor é o mal tratamento de que foi obxecto a figura de Lamas por parte da crítica, tanto na súa vea poética, na que afirma que "foi tratado sempre como un parente probe", como no seu labor prosístico, xa que nunca se destacou a importancia que tivo no seu tempo, nen o seu influxo sobre o pobo, nen o seu significado no devir literario galego...

Antes de informar da súa innovadora visión da traxectoria de Lamas, Blanco Amor analisa a imaxe que os da súa xeración tiñan de Lamas e afirma:

"O Lamas esquemático que os do meu tempo tiñamos recibido era iste: un poeta menor; un enxebrista con certa gracia e propiedade (Pardo Bazán, Ribalta); un coasi copleiro de feira e un cego de zanfona pra solaz de badocos (Saralegui, Pedreira...) posuidor de unha vea lírica abondante pro en demasía sensibleira e —asegún o violento artigo de Murguía de forte impregnación imitativa; un escritor "temperamental" ás veces descontrolado no goberno das súas reaciós; un xornalista político tornadío e "mandado" cunha persoal propensión reacionaria."

Blanco Amor proponse, pois, en primeiro lugar, fuxir das interpretacións reducionistas e interesadas feitas até o momento da obra de Lamas, quere recuperalo:

"(...) o herdo, que nos impón como pirmeira visión a de resgatar a Lamas Carvajal das mans dos cursis, dos simplistas, da moralina de sacristía, e das "autoridades competentes" que hoxe tacharían bos anacos da súa obra..."

Blanco Amor analisa a Lamas como un produto do Rexurdimento galego, ao que el contribuíra e do que fora, á súa vez, debedador... Subliña a contribución do noso autor ao espallamento das ideas nacionalistas que buscaban a rexeneración da Galiza e denunciaban a asimilación que estaba levando á desaparición dos signos de identidade da nosa terra:

"(...) o problematismo galego sentido ou intuido por Lamas Carvajal moito máis a fondo que os máis esgrevios líricos que lle foron contemporaos; sentido i espresado como radical desesperación incompatible con un "determinismo" unitario e centralista, que decretaba pra o noso país, coa sua simplista noncuranza, que non era xiquera crueldade, a descalificación cívica, o colonialismo político, o esborrelamento económico e a morte cultural. Veleí o verdadeiro Lamas ollado ao trasluz e sin demasiado esforzo."

Este é o Lamas que Blanco Amor nos mostra e que nos anima a poñer entre os nosos clásicos.

Por desgracia, a visión de Lamas que Blanco Amor denunciaba, seguiu vixente en moitos dos estudios posteriores sobre o cego ourensán e sobre todo nas historias da literatura galega, que seguen a consideralo un poeta menor, continuador dos tres grandes do XIX, e seguen a etiquetalo con adxectivos como "ruralista", "costumista", "sentimental"... Afortunadamente tamén houbo novas investigacións que seguiron o camiño aberto por Blanco Amor, como a visión que Xosé Mª Dobarro ofrece na Gran Enciclopedia Gallega ; o estudio de María Pilar García Negro sobre a poesía de Lamas (tese de licenciatura, Edición crítica da poesía galega de Lamas Carvajal );ou a análise que Xosé Luís Axeitos fai do Catecismo do Labrego na revista Grial .

María do Pilar García Negro.

 

Sabemos que neste apurado percorrido pola repercusión e a crítica de que foi obxecto a traxectoria de Lamas Carvajal deixamos moitos traballos sen comentar, con indubidábel valor e meritorias aportacións (os de Aurelio Ribalta, Florentino Cuevillas , J. Fernández Gallego, Varela Jácome, J. A. Durán, Carballo Calero ...), pero cremos que dada a brevidade do traballo as aportacións analisadas ofrecen unha completa visión da repercusión e a crítica de que foi obxecto a obra de Lamas Carvajal que, por certo, mantivo a súa rendibilidade literaria —e musical— até tempos ben recentes: lémbrese a musicación de versos seus que fixo, en 1978, o grupo "Fuxan os Ventos", con adaptación dalgúns á conxuntura político-social daquela altura.

IMAXES