A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
A lírica de Eduardo Pondal: de Rumores de los pinos a Queixumes dos pinos

Como sinalou Manuel Forcadela, o simbolismo nas nosas letras aparece, con toda probabilidade, no período que vai de Rumores de los pinos (1877) a Queixumes dos pinos (1886). Se o tránsito entre estas duas obras indica, como se ten explicado máis dunha vez, a aparición dunha nova estética en Pondal, este evoluciona, xa que logo, dentro dunha tendencia literaria coa que se relaciona estreitamente. O movemento simbolista iniciárase cara a 1875, e cara a 1880 nace, en pequenos cenáculos, o decadentismo. Entre os anos das dúas publicacións aparecen algunhas das obras máis representativas desas estéticas. En 1876, L'Après midi d'un Faune ,de S. Mallarmé e, tres anos antes, Une saison en Enfer ,de A. Rimbaud. En 1881, os Poemas de Oscar Wilde, que en 1890 publicará tamén o Retrato de Dorian Gray. En 1884 aparece A rebours de Huysmans e, en 1885, Complaintes de J. Laforgue, admirado por Luís Pimente l e con grande influencia na obra do poeta de Lugo. E en 1886, ano en que Pondal presenta a súa obra definitiva, Rimbaud publica Illuminations.

Óscar Wilde.

Queixumes dos pinos , frente ao inicial Rumores de los pinos , supón un "reforzamento da vontade de ser poeta en galego" como sinalou Carballo Calero. E isto non deixa de ser especialmente significativo desde un aspecto non a penas literario, mais tamén político, porque neses anos acontece a transición ideolóxica cara ao rexionalismo. Máis unha vez na historia da nosa literatura, os cambios políticos inspiran tendencias e marcan camiños.

Queixumes dos pinos expresa a vontade creadora e o esforzo constante na procura formal caracterizadores da lírica de Pondal. Se exceptuamos dous poemas bilingües, os restantes están escritos enteiramente en galego. Pondal introduce cambios léxicos, elimina poemas enteiros, reescribe outros, emprega agora unha ortografía etimolóxica. As traducións melloran os textos orixinais da versión castelá; dálle ao novo libro unha maior unidade. Ao eliminar os títulos dos poemas, o libro aparece agora como un único texto que afirma o valor dunha perfecta unidade temática, sen por iso diminuír matices singulares de cada poema. A reiteración de temas e motivos parece insistir nesa vontade de unidade que distingue a estrutura da obra.

A canción do bardo: "A campana de Anllóns"

Publicado en 1858, logo no " Album de la Caridad " en 1862 e, un pouco máis tarde, en 1866, en folleto titulado A campana de Anllóns. El canto de un brigante

A ÇCampana de Anllóns,  libro editado por Carré no 1895.

,o poema será revisado en diferentes ocasións polo poeta; formará parte do corpo dos Queixumes dos pinos ,aparecendo publicada en 1895 unha versión máis longa.

Aínda que foi considerado polo propio autor como un poema de mocidade, e nesa idea parece insistir Emilia Pardo Bazán, nesta composición aparecen xa algúns dos temas que serán característicos da poesía pondaliana —a evocación do tempo fuxido, expresado como "pasadas ilusións", o visionario e o soño, o sentimento do indefiníbel, a vaguidade que logo será melancolía, ou a interpretación transcendental da paisaxe— que fan difícil acreditar que o poema nacese como simple inspiración xuvenil para expresar a melancolía dun sentimento amoroso. O poema oferécenos un ton máis elevado do que parece expresar o suposto canto dun mozo aldeán, "triste en terra allea". Mais se é certo que a música das badaladas do campanario da igrexa de Anllóns evoca o tempo pasado, ou un tempo fuxido, o certo é que aparece tamén unha referencia espacial, ao opoñer o espazo claustrofóbico da cadea de Orán, suxeito ao sofrimento espiritual da escravitude, ao de Bergantiños, espazo paradisíaco, fronte a un pasado ideal e arcádico, libre e maxestoso, sendo este un referente concreto da poesía posterior de Pondal. O canto será unha referencia constante en todo o libro, desde os seus primeiros versos:

Polo baixo cantando
o bo bergantiñán,
coa aguillada ó lombo
e garboso ademán.....

...............

mil escuras suidades
ceibando ós ecos vai
e da patria a punxente servidume
parece recordar...

Canto interiorizado, cara a dentro, ensimesmado na contemplación dos eidos nativos, como o da rapaza casada en terra allea que regresa aos campos en que nacera á luz, o canto vago e doce de Gundar, o" bardo de voz xemente " , que procura repouso eterno no val de Brantoa, ou o canto da fada Rouriz, ao pé dos valados de Nemiña, evocando os rapaces do tempo pasado:

"Ó abrigo de vento circio,
sentada ó pé dos valados
qu'hai nos Casás de Nemiña,
os cabelos pieiteando
cun lindo pieite d'ouro,
que deslumbraba ó miralo,
cantaba a fada Rouriz
cousas do tempo pasado..."

O canto, en fin, aparece con frecuencia asociado á idea do regreso. O celta Lugar, no regreso ao eido nativo, Dormeá; o pastor Temunde, a cantar polas gándaras de Xallas perto do lugar onde repousa Brandomil.

Temos dito que, ao eliminar os títulos dos poemas o libro tomaba o aspecto dun único texto prolongado en multiplicidade de cantos, baixo unha perfecta unidade temática. Comeza co canto e con el remata. Mais non se trata dunha cantiga lírica e ancestral, dun alalá que expresase a penas algunha emoción amorosa, pois o "sonoroso" que conduce o seu carro canta a escuso, e ese canto chega desde o fondo da memoria histórica para lle lembrar a servidume da pequena patria. A sucesión de poemas que forman esta obra, ese grande texto único se quixermos, son pois cantos ou himnos dese bon bergantiñán amparado na noite de luar, aos que o son dos piñeiros parece responder desde a nativa costa. Pondal emprega nos poemas do seu libro versos de arte menor as máis das veces, combinando ostosílabos, heptasílabos e mesmo versos menores, con rima toante. Nalgún momento, aparecen o decasílabo e o hendecasílabo. O ritmo resulta musical, rico en suxerentes resonancias; en ocasións, o conxunto presenta unha certa solemnidade. A estrutura estrófica máis utilizada inspírase en formas romanceadas. Logo hai poemas brevísimos, de tres ou catro versos, semellantes a breves invocacións musicais evocadoras de lembranzas, desexos ou nostalxias de lugares, sempre con tonalidade bergantiñá.

O Bardismo

A influencia romántica semella fonda en Pondal. A figura do bardo poetizado e ilustrado na época romántica, aparece identificada co mesmo poeta bergantiñán, sempre idealizada: "Deste xeito, o bardo pondaliano está, reflexo claro da herdade do romantismo, ollando para si, sumido na turbulencia da súa propia experiencia íntima, deitado sobre o leito da súa peculiaridade e tratando de converter a súa vivencia humana e literaria, nunha indagación das tebras da propia alma" ( M. Forcadela, 1993)

Ilustración de Seoane para  Queixumes d´os Pinos, de 1940.

O Bardo aparece relacionado co canto para expresar a memoria do pobo e un tráxico sentimento que leva consigo. Na procura do seu destino, o bardo maniféstase diferente aos simples mortais.

Outro aspecto que debems considerar arredor da figura do bardo é a súa memoria, ou a sabedoría interior que o fai posuidor do misterio. O bardo expresa a existencia dun mundo íntimo e arcano, anterior ao coñecemento práctico e material dun pobo errabundo e desamparado.

Xa nos primeiros poemas de Queixumes dos pinos ,logo do que inaugura o canto na voz dese anónimo "bergantiñán" que leva anteposto o carro de táboas en noite de luar, aparece un completo retrato do bardo, tanto nos planos físico e moral, como na alta misión e o seu destino:

En "Podés deter un pouco", os bardos son "aves de paso", "maravillosos e vagamundos" que "teñen o tempo contado", os "sonorosos" a quen "punza a fatal lei do canto" e atormentados por "un estro soberano":

Mais os maravillosos
e vagabundos bardos,
coma todo que trague
o seu tempo contado,
non intentés dete-los sonorosos
que son aves de paso.

En "¡Que barba non cuidada!", o bardo aparece distinguido fisicamente con rasgos asociados ao tráxico perfil moral. Este ser atormentado, pois, presenta un aspecto externo consonte con esa forza espiritual: vestido de forma estraña, descoidada, con barba "non cuidada" e de pálido semblante. A súa vista é "brava" e "chea de espanto e dor", pois o bardo leva en si mesmo o sufrimento.

O bardo representa desde un plano ideal o modelo moral e aparece relacionado co canto a través do que expresa o tráxico sentimento que leva con el. Enfrontado ao mundo, o bardo-poeta simboliza un concepto aristocrático, afastado do materialismo burgués e achegado ao modelo de poeta decadentista, pesimista e idealista ao tempo, exiliado da verdadeira realidade, melancólico dun mundo perdido e profundamente insatisfeito:

Son os bardos sapientes,
que lei fatal lanzou,
soñadores e vagos
de súa condición.
Por eso eu a min mesmo
non me conozo, non,
e escraman os camiños
mesmos por onde vou:
"Parece un pino leixado do vento,
parece botado do mar de Niñóns"

A conciencia do pobo

O bardo expresa tamén o sentimento de liberdade e da dignidade do seu pobo. Polo tanto, anima o seu carácter unha conciencia social e histórica, que en Pondal se identifica co propio poeta.

Frente a un pobo servo e indigno, entregado aos pequenos afáns cotiáns, burgueses ou labregos, a figura singular do bardo, desde a súa estatura aristocrática, deberá facer que ese pobo recupere o protagonismo nos eidos da súa historia:

Mais a alma do bardo,
enérgica, ousada,
qu'audaz liberdade
tan soo soña e ama,
¡vai pensando en propósitos férreos
qu'ergueran a patria!

O bardo é o portador significativo da dignidade do pobo. O que conserva e coñece os seus elementos de identidade e representa o papel do poeta ante a sociedade, a quen, como en tempos pasados, augura días de gloria. Será o cantor que coa harpa evoca o pasado para despertar a conciencia das xentes comúns. Debemos situar a Pondal no momento histórico, o do Rexurdimento pleno, para entender esta forma de compromiso desde un plano idealista. En calquera caso, a conciencia do pobo, ou civismo na terminoloxía de Carballo Calero, significa que a poesía de Pondal non é só unha lírica evocación do pasado traspasada pola nostalxia. No fondo está, diciamos, o propósito político do Rexurdimento e o soño federalista de Pondal, a unión dos pobos ibéricos e o destino histórico de Galiza como lazo de unión dos mesmos:

Non cantes tan tristemente
probe e desolada nai;
non lle cantes cantos brandos
pra adormecer o rapaz,
onde está a cova do sono.

..................
cántalle o que ja cantara
o nobre bardo Gundar:
"A luz virá para a caduca Iberia
dos fillos de Breogán...

O canto do bardo será, pois, a propia memoria que chega do pasado, sendo seu portador o vento, para que aquel a faga chegar ao pobo "escuro".

A melancolía e o paso do tempo

Podemos entender a melancolía desde un punto de vista culto, na súa acepción freudiana, referente á perda dun ser amado ou unha abstracción equivalente (patria, liberdade), ou desde un plano esencialmente literario, como proxección do "eu poético" na súa relación coa saudade e como dimensión mítica.

Eduardo Pondal fotografado por Avrillon.

Nos poemas de Queixumes dos pinos ,a melancolía aparece como un ponto común de diferentes lirias converxentes: o contexto esquivo da realidade histórica e social de Galiza, como tendencia do suxeito poético, desde un aspecto psíquico tendente á vaguidade ou á tristeza permanente, e como cadencia espiritual dun poeta dotado de conciencia superior, culto e idealista, con responsabilidade moral relacionada con un fondo ideolóxico e de compromiso cívico, que dan un notábel sentido histórico á obra de Pondal.

Carvalho Calero ten sinalado a melancolía pondaliana como resultado do sofrimento do poeta con quen o pobo é ingrato. Tal sofrimento sería o prezo da superioridade moral e da responsabilidade que conleva. Como ser elixido, o bardo debe erguer o destino do seu pobo, mais a incomprensión e o desprezo fanlle desexar a soidade e o esquecemento, procurando as paisaxes desoladas próximas ao seu sofrimento. Xa falamos anteriormente da presenza física do bardo como símbolo do tráxico perfil moral. Vagabundo, solitario e enigmático son formas relacionadas tamén co sentimento melancólico. E ese matiz tremendista co que é presentado nalgúns versos (o "piñeiro leixado do vento", o "escuro enigma", etc.) remétennos a un fondo bíblico de seres con aparencia sobrehumana.

A consciencia do paso do tempo e o recoriecemento nun pasado ideal son tamén temas recorrentes na obra pondaliana. A procura dun pasado ideal leva o poeta ao encontro coas paisaxes nativas e ao recordo da infancia, na evocación dun pasado feliz. Mais o enfrontamento cos eidos nativos será tamén motivo de tristeza e melancolía, pois o bardo xa non é o mesmo no seu regreso. Así no poema "Carballos de Carballido":

Carballos de Carballido
cando era rapaz deixeivos;
vin despois de muitos anos;
xa vamos vellos.
Pasáranse as alegrías
que trouguera o tempo ledo;
a mocedá fui pasada;
xá vamos vellos.

Recordos dalgún ben ou dalgunha patria perdidos, a melancolía fere profundamente o poeta e por iso o regreso é triste e doloroso.

Tamén a paisaxe expresa perfectamente a melancolía, ás veces intuída como algo incerto e inexplicábel:

Algo de vago e fero
do meu ser no profundo
eu levo, como as brétomas
dos curutos escuros;
e unha ruda e salvaxe
incrinación dos seres vagamundos;...

A xeografía poética e vital que acolle ao bardo está determinada por lugares afastados, non frecuentados por xentes, onde o silencio só é interrompido por cantos ásperos de aves que regresan aos lugares onde pernoctaren á hora do crepúsculo, momento en que as formas se esvaen presentandose indefinidas, acrescentando a sensación do misterio e do inexplicábel.

A evocación da morte completa, co paso do tempo, ese perfil tráxico do bardo incomprendido e postergado. A morte é ollada como chegada ao cabo do camiño para dar descanso a un ánimo atormentado. Así entendida, a morte é liberación e aparece expresada cunha rica simboloxía sepulcral de grande tradición literaria. O bardo quere repousar en lugar afastado, digno do sentimento aristocrático, onde ser esquecido. Os dolmens son preferidos, porque presentan un aspecto sólido que perdura no tempo, e son sinal da identidade céltica. Tamén os bosques vellos e solitarios:

Amado dos vellos celtas,
vello pinar de Froxán;
os nosos antepasados,
compañeiros da túa edá,
non lonxe de ti repousan,
mais nunca despertarán;
e os seus sepulcros antigos,
alumbra o branco luar...

O tema da morte é presentado tamén de forma orixinal nunha serie de catro poemas en que de forma común se presenta a "ausencia do bardo", entendida esta como a propia morte. As andoriñas que retornan ao lar amado onde o bardo é ausente, preguntan á brisa, sabedora do "duro caso". Os catro poemas poden ser considerados como un texto único con variantes, dotados dunha grande carga emotiva en que boa parte da simboloxía do sofrimento —soidade, púnxidas lembranzas, brisas que suspiran na harpa, etc.— aparece representada.

A Nosa Terra  homenaxea a Pondal no 1917, post-mortem.

Noutro poema, por demais significativo, o lugar elixido será o cumio do monte Branco, fronte á desembocadura do río Anllóns, que tamén placidamente se dirixe ao seu destino derradeiro:

Cando xazan do cisne
os febrentos despoxos,
sobre do verde da ribeira escura,
e xa non se ouza o canto harmonïoso,

dádelle sepultura
no promontorio aquel, areoso e vougo,
onde o Anllóns, o seu nativo río,
(que el máis amou de todos),
da peregrinación antiga súa
e do longo traballo acha repouso.

Os poemas con acento local

Xa temos indicado a presenza do elemento popular en Queixumes dos pinos, tanto no tratamento de temas e ambientes, e mais no emprego de formas estróficas e métricas, como na lingua e o uso de formas dialectais bergantiñás.

O río Anllóns ao seu paso por Ponteceso.

Os temas de tipo popular aparecen desprovistos de ideoloxía ou aproximación ideal, aínda que nalgúns temas recorrentes —o regreso, o vagamundo...— conecten cos poemas máis significativos.

Esta poesía achegada ao popular está centrado en Bergantiños e, máis de perto, no val da Ponteceso.

Os seus protagonistas, rapaces de aldea, o mariñeiro do Osmo, o mesmo mozo anónimo que abre o libro co seu canto e con el o fecha, representan un mundo de égloga, arcaico e rústico, alleo á era industrial e ao mundo das cidades. Mais non se procuren nestes poemas pinturas costumistas. Pondal non fai cadros coloristas nin intenta recrear a vida da aldea. A súa é unha achega estética, ollada desde a altura emotiva dun poeta culto que presta os ollos a esa muller que regresa a Bergantiños, nun poema onde Pondal volve a utilizar a deslocación cara a outros personaxes para distanciar o "eu lírico":

¡Ouh terra de Bergantiños,
roxa ó arar, nobre e testa,
doce á vista desde lonxe,
donde vin a lus primeira!
cando era rapaza nova,
casánome en terra allea
(aínda meu pai n'acabara
ben catorce sementeiras).

...................

Virxe garrida que tendes
vosa capilla ben feita,
onde fan seu niño as aigas
sobre o alto da Ferreira,
e gozás da vosa altura
e vedes a longa terra
de Bergantiños tendida
no chan dos antigos celtas
ó fin, despois de ben tempo,
volvo a ver na cume recia,
cal branca pomba pousada,
a vosa casiña leda.

O himno galego

A necesidade dun himno que representara o sentimento da patria aparece moi cedo nos ambientes políticos e culturais do galeguismo decimonónico. Houbo varias propostas inspiradas en poemas de Andrés Muruais, Galo Salinas e outros, que non tiveron éxito. Fontenla Leal, persoa que desenvolve unha intensa actividade cultural na Habana, solicita a Curros Enríquez a letra, que debería levar música de Xosé Castro "Chané", compositor de melodías inspiradas as máis delas precisamente en poemas de Curros, pero este intento tampouco foi adiante.

Partitura do  himno Galego,  obra de Pascual Veiga.

Con motivo dun certame musical organizado polo "Orfeón Coruñés" para premiar o himno que mellor expresase o espírito patriótico galego, Manuel Murguía solicita a Pondal un poema, e así o podemos constatar nas cartas dirixidas con tal motivo ao poeta de Ponteceso. Logo de diferentes correccións do texto e as correspondentes directrices e modificacións rítmicas de Murguía, o texto aparecería no prospecto do Certame, datado na Coruña o 22 de Maio de 1890. Aínda que desde 1917 a composición con letra de Pondal e música de Pascual Veiga foi sentida como verdadeiro himno galego, será moito máis tarde, en 1984, cando apareza recoñecido de forma oficial como verdadeiro himno galego.

A versión definitiva do himno escrito por Pondal é debida a Manuel Ferreiro que, segundo afirma no "Limiar necesario" (1996), fixou o texto co afán de "restaurar, co necesario rigor filolóxico, a integridade dun poema tan emblemático", así como recuperar un texto transcendental "concebido como unha chamada á necesaria rendención da nación de Breogán no decorrer histórico do movemento rexenerador da Galiza e dos galegos".

O himno galego, que ofrecemos na súa forma definitiva fixada por Manuel Ferreiro nacerá, xa que logo, da inspiración poética e musical de dous significativos artistas do século XIX, e ficará na memoria cultural e política dos galegos como unha firme referencia emotiva e politicamente significativa:

 

 

¿Que din os rumorosos,
na costa verdecente,
ó raio trasparente

do prácido lüar...?
¿Que din as altas copas
de escuro arume harpado
co seu ben compasado,
monótono fungar...?

"Do teu verdor cinxido
e de benignos astros,
confín dos verdes castros
e valeroso clan,
non des a esquecemento
da inxuria o rudo encono;
desperta do teu sono,
fogar de Breogán.

Os bos e xenerosos
a nosa voz entenden,
e con arroubo atenden
o noso rouco son;
mas sós os ignorantes
e férridos e duros,
imbéciles e escuros,
non os entenden, non.

Os tempos son chegados
dos bardos das edades,
que as vosas vaguedades
cumprido fin terán;
pois dondequer, xigante,
a nosa voz pregoa
a rendenzón da boa
nazón de Breogán."

Déixovos unha lingua de ouro

Na perspectiva bárdica, a lingua é tamén o sinal dun pasado esplendoroso desde o que erguer de novo a patria. Frente aos acentos duros de Castela, frente á lingua de escravos, a "fala de Breogán" móstrase como "nobre e harmoniosa", de "doces acentos xocundos", "suidosos e brandos".

Atribuída a Eduardo Pondal no momento da súa morte, esta frase ("Déchesme unha lingua de ferro e déixovos unha língua de ouro") subliña perfectamente a singular concepción que do idioma tivo o poeta.

A súa vontade criativa leva o galego literario ao lugar máis alto da poesía do século pasado e, como destacan críticos e historiadores da literatura, inaugura a contemporaneidade das nosas letras. Sen renunciar a unha sólida instalación popular, desde os rotundos acentos bergantiñáns que prestan aos versos unha excepcional sonoridade, Pondal enriquece o rexistro literario da súa obra coa aportación léxica que lle chega desde a tradición culta literaria peninsular e europea.

IMAXES