A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
A música

Ata fins do século XVIII non houbo en Galiza unha clase social que fixese posíbel o desenvolvemento de música culta. A música sagrada cultivada nas catedrais fora case a única forma coñecida. Mais co esplendor da cultura fidalga e a aparición dunha clase media elevada, o panorama foi cambiando. A chegada da ópera italiana permitiu a representación de obras de compositores como Donizetti ou Verdi, e a formación dun público culto e fiel nas cidades. Compositores como Marcial del Adalid comezaron a sentir afección pola composición de óperas ao modo italiano. Outros músicos que compuxeron óperas, aínda que non de estilo italiano, foron Xosé Baldomir, Andrés Gaos e Rodríguez Losada.

A pesar disto, e como ten sinalado o crítico musical Ramiro Cartelle, a música galega do XIX ficou atrancada pola falta de centros de formación. Os nosos compositores foron autodidactas de grande mérito, mais carecían dunha sólida formación técnica.

A primeira figura de música culta foi, pola súa preparación, o coruñés Marcial del Adalid (1826), interesado no folclore e na súa incorporación ás composicións por el escritas. Tamén compre destacar a figura de Andrés Gaos (A Coruña, 1874) en particular pola súa aportación ao piano. Gaos será unha importante figura do panorama musical galego na primeira metade do século XX, con Bal y Gay e o mestre Soutullo. Outros compositores notábeis no século pasado foron Xoán Montes (1840), Pascual Veiga (1842), coetáneos de Eduardo Pondal (1837), e Xosé Castro, "Chané", (1856), que mostraron frescura na inspiración e realidade na expresión do seu sentimento.

Pascual Veiga.

O interese por coñecer e valorar a música popular aparece motivado pola conciencia galeguista da época, que influíu a todos os artistas sen excepción. Como noutros lugares de Europa, poderiamos falar entón dun nacionalismo musical galego. En estreita colaboración cos poetas, os músicos utilizaron o material folclórico recollido das cantigas populares, traballando sobre un fondo popular poético (Marcial del Adalid, Cantares viejos y nuevos de Galicia ,ou Varela Silvari, Cantares Gallegos ) ou crearon as súas composicións inspirándose nos textos máis cultos de poetas como Rosalía ou Curros. As composicións que destacamos a seguir forman un corpo poético-musical fondamente melódico, que hoxe é parte indelébel do noso patrimonio cultural. Poderiamos citar en primeiro lugar a coñecidísima Alborada de Pascual Veiga, sobre o poema "Deixade os leitiños" de Francisco María de la Iglesia . Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez son os poetas máis solicitados polos compositores: Negra Sombra ,de Xoán Montes, sobre o poema de Rosalia "Cando penso que te fuches"; Maio longo, Ti onte, mañán eu e Mais ve que o corazón de Xosé Baldomir, tamén sobre textos de Rosalía; Unha noite na eira do trigo sobre o poema "Cantiga", de Curros Enríquez; Os teus ollos, Adiós a Mariquiña ,e Tangaraños ,de Xosé Castro "Chané", tamén sobre textos de Curros.

IMAXES