A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A emerxencia da literatura galega na primeira metade do século XIX (1808-1863)
A poesía

Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) é o escritor que máis cedo comeza a escreber poesía en galego con vontade de estilo e intención plenamente artística. É o autor dunha «Alborada» e dunha "Églola. Belmiro e Benigno», pezas que conteñen xerminalmente elementos que han ser ben característicos de parte da poesía galega posterior, por moito que se adapten a moldes literarios procedentes da tradición literaria anterior; así, a mención específica da paisaxe galega; o protagonismo de personaxes populares ou a saudade da terra nativa. Estas poesías, datadas en 1828 a primeira e máis lograda,  Á Alborada , e entre 1826 e 1828 a segunda, constitúen o legado literario galego deste autor. Instalado en Madrid en 1832, vincúlase axiña aos círculos político-literarios da capital do Estado de filiación progresista e romántica e, así, será poeta, narrador, orador e prosista en español (alén de ministro en varias ocasións). Grande admirador de Rosalía, ía ser o prologuista dos Cantares Gallegos , que xulgaba a grande peza do movemento provincialista, propósito truncado pola súa morte varias semanas antes da publicacións dos mesmos. En 1846, en discurso pronunciado no Liceo da Coruña, oferécenos unha especie de retrato crítico da biografía de persoas coma el, vinculadas, iniciaticamente, ao país e á súa literatura e consagradas, definitivamente, á politica e á literatura españolas, mesmo que unidas umbilical, sentimentalmente ao seu país, á súa patria "natural": -Esta veneración, este culto, esta religión [para coa literatura] no pereció nunca, no podía extinguirse del todo, porque los sostenía un sentimiento indeleble en mi alma: el recuerdo de mi país. Si Galicia pudo dejar de ser alguna vez mi patria política, era siempre mi patria literaria, porque era mi patria natural». Escisión ou fractura que han conxurar, como se verá, artífices e producións do Renacemento pleno, na identificación do político-literario —en clave galega— e na afirmación da patria galega.

Nicomedes Pastor Díaz. Debuxo de J. Cuevas, gravado por Manchón.

De toda a nómina de escritores e de escritoras que configuran a pléiade literaria deste período imos privilexiar tres nomes significativos, os de Xoán Manuel Pintos, Francisco Añón e Alberto Camino, comezándomos polos dous últimos e cerrando a explicación co primeiro deles, autor da obra máis significativa deste período precursor.

Francisco Añón (Boel-Muros, 1812-Madrid, 1878) realizou estudos no Seminario de Santiago, licenciándose en Xurisprudencia en 1847. En 1846, após o levantamento do mesmo ano, parte para Lisboa, onde escrebería o "Hymno dos povos" e outros poemas. A partir de 1850, residirá a maior parte da vida fóra da Galiza, con viaxes e estadías por Francia, Italia, Portugal, Andalucía e Madrid, onde, pobre e doente, finou os seus días, sen o abandonaren endexamais o amor e a saudade do seu país. É Añón dos primeiros en utilizar un motivo longamente recorrente na literatura galega do século: a idea de Galiza debruzada nun longo sono, do que ten que despertar por ben de si e dos seus habitantes (poema "A Galicia"). Foi tamén bon cultivador da poesía máis vinculada á fotografía social do pobo galego, de claro corte realista, por mais que a súa obra abala entre a literatura proxectada directamente sobre imaxes, escenas, psicoloxía e tipoloxía social do pobo galego e unha outra máis conectada a convencións literarias españolas, de menor fuste e cualidade literaria.

Francisco Añón. Debuxo de Ricardo Balaca.

Alberto Camino (Ferrol, 1820-Madrid, 1861) é situado por Carballo Calero como claro precursor de Rosalía, coidamos que moito máis polo ton poético do que pola intención e polo xorne do escritor. Con efecto, hai unha tona sentimental moi visíbel en moitos poemas de Camino, como hai unha veta elexíaca que haberá que conectar directamente a unha lírica intimista moi practicada (a dor da nai, a perda da amada) en toda a literatura galega do XIX, por resultar a máis "asequíbel" ás propias condicións e marxes de desenvolvemento da escrita en galego, moi ligada ao sentimento do individuo e desprovista de apoios referenciais, contextuais e institucionais exteriores a aquel: o despregamento, así, da sensibilidade particular do poeta, xunto co tratamento do directamente vinculado ao mundo empírico asociado ao emprego do idioma galego van ser fontes de inspiración e de desenvolvemento literario abrigados. De toda a obra poética de Alberto Camino (como dos seus irmáns Antonio e Domingo), recollida por X. M. Dobarro, esas son as dúas liñas de maior valor literario. Son outros, en troques, os referentes da súa poesía en español, tanto do ponto de vista ideolóxico como estritamente literario.

Xoán Manuel Pintos (Pontevedra, 1811-Vigo, 1876) é o autor principal deste período, por varias razóns de importancia. Comezando polo formato externo da súa obra, é o autor do primeiro libro en galego do XIX, A Gaita Gallega (1853). A seguir, cómpre salientar a súa sólida formación humanística e clásica, que utilizou sempre ao servizo dunha firmísima defensa da lingua galega e da necesidade da súa restauración e dignificación. É tamén o máis agudo e cabal da realidade histórica da nación galega na crise profunda da primeira metade da centuria (o soneto que comeza «Ouh Galicia, Galicia, boi de palla», retrato perfecto dos efectos económicos e psicosociais da colonización obrante sobre o país, non ten parangón na exactitude do diagnóstico e mais na forza e cualidade das súas imaxes na literatura galega desta etapa, como tampouco non o ten no resto das literaturas peninsulares contemporáneas). É, en fin, o máis enérxico e consciente defensor da restauración literaria e pública do idioma galego, defensa asociada sempre á denuncia dos perniciosos efectos da diglosia e mais ao dereito do país a ter economía e institucións propias. Pintos válese dun recurso compositivo de grande eficacia para o desenvolvemento poético-narrativo de A Gaita Gallega: o gaiteiro —que representa o país— vai ser o mentor e o guía, no coñecemento e aprezo do mesmo, de Pedro Luces, que non é galego e vai ser aceptado por aquel como tamborileiro, comezando así o percurso iniciático do mozo, que precisamente veu á Galiza, aínda sendo pobre, por saber que esta agarima aos fillos alleos máis do que aos propios. Temos infiltrada, pois, unha especie de novela de aprendizaxe, ben que persiga a educación desalienante e descolonizadora, antagónica da imposta na Galiza (inversión intencional de personaxes e do rol da instrución institucionalizada).

Xoán Manuel Pintos. Gravado por Manchón sobre debuxo de Cuevas.

A obra está dividida en sete foliadas, a través das que visualizamos desde a situación aldraxante que vive o país, con incisiva denuncia dos que desde dentro o escarnecen, aos efectos da emigración e das consecuencias espantosas da fame no mundo labrego, pasando por referencias, sostidas recorrentemente, ao idioma galego, á necesidade do seu uso e á súa correcta escrita, cuestión que complementaría con copia de informacións lexicográficas e ortográficas. A final, Pedro Luces, xa convenientemente instruído e autor, el propio, en galego, responderá, a preguntas do Gaiteiro, que aos galegos compete secundar os esforzos deste e mirar polo futuro do seu idioma activamente.

Moitas outras composicións en verso foron escritas por Pintos e publicadas en prensa, folletos ou follas soltas, ao que hai que engadir toda a prosa en galego incluída na súa obra citada, que fan del un dos fundadores do xénero, cheo de coñecemento lingüístico e de destreza literaria.

IMAXES