A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A poesía e o teatro interseculares
A poesía intersecular

A poesía galega do Rexurdimento non se adscribiu ao romantismo, senón que estivo inserida no realismo, pois as circunstancias específicas da nosa literatura, e do país no seu conxunto, así o exixían. O escritor que optaba polo galego na escrita asumía xeralmente un compromiso coa sociedade a que pertencía, que o levaba a se posicionar fronte á realidade e intentar mudala. Os poetas van conxugar comunmente a liña intimista coa preocupación polo país e as súas xentes, asumindo a defensa da terra e dos seus signos de identidade, nomeadamente o idioma, e a exaltación da súa fermosura e dos seus costumes; por outra parte, denunciarán as carencias da inxusta situación en que vive o podo, principalmente labrego. Deste xeito, cara a fins de século vanse consolidando as seguintes liñas poéticas: a intimista, a social-patriótica, a costumista-realista e a paisaxística, estas dúas últimas en conexión; todas están máis ou menos presentes nas tres figuras centrais do Rexurdimento e nos outros poetas que Carballo Calero chama os diádocos e os epígonos.

A Vella Roseira,  libro de poesía de Victoriano Taibo.

Méndez Ferrín fala dunha escola realista, fundada por Rosalía de Castro en Cantares gallegos ,e unha escola formalista, inaugurada por Pondal nos seus Queixumes dos pinos ,representante galega da reacción idealista finisecular. A escola formalista, segundo el, penetra no século XX engarzando co grupo de poetas de "Antre dous séculos": Noriega Varela, Herrera Garrido , Cabanillas, López Aliente e Álvarez Limeses. De todos os xeitos, as liñas poéticas decimonónicas anteriormente citadas van ter continuidade na poesía galega de principios de século, que é o mesmo que dicir nos poetas da xeración "entre dous séculos".

En Europa, ao mesmo tempo, debúxase unha estética finisecular que comprende distintas correntes surxidas a fins do XIX baixo o criterio xeral da arte pola arte: pre-rafaelismo, simbolismo, modernismo, nefelibatismo, etc., que son consecuencia dunha sociedade en crise de valores, en que o artista se sente confundido e opta ou ben pola fuxida cara a mundos exóticos e distantes, polo estatismo perante a imposibilidade de transformación social ou por un radical individualismo que o conduce ao dandismo. A poesía converterase en ritmo e musicalidade, tendo a imaxe suxerente e o símbolo como centro da súa estética.

Os poetas galegos de principios de século van combinar os elementos autóctonos coas influencias de movementos europeos como o pre-rafaelismo inglés, o modernismo español tomado de Rubén Darío, o simbolismo francés e a renascenea portuguesa, sobre todo o saudosismo de Teixeira de Pascoaes. Estas influencias non van ser uniformes nos nosos poetas: uns tornarán certos elementos Besa estética de forma ocasional, outros permanecerán dentro da estética decimonónica e outros, partindo da mesma, irán incorporando elementos innovadores. En conxunto, seguirá pesando máis o legado dos mestres do XIX.

Na terceira década do XX vaise producir unha mutación importante no panorama literario galego. A influencia das tendencias vangardistas europeas vai facer que, por primeira vez desde a época medieval, a poesía galega se integre con claridade na estética irradiada desde París, e que, tamén por primeira vez, se cuestione o modo de poetizar dos nosos clásicos do XIX. E isto vai suceder porque en Europa e América surxiron as vangardas nas primeiras décadas do XX. Os principios que guían esta nova actitude estética de vangarda son a ruptura co pasado, considerado vello e caduco, a oposición ao poder instituído e a liberdade de creación e posicionamento perante a realidade. Nacen, así, os diferentes ismos, que, polo propio carácter dinámico da vangarda, se suceden vertixinosamente, e proliferan os manifestos, que buscan escandalizar para crear o clima necesario de ruptura. Mais tamén en Portugal continúa o seu labor poético Teixeira de Pascoaes, creador do movemento saudosista, de grande influencia na literatura galega e en Noriega Varela en concreto. E na literatura española aínda a xeración do 98 dá importantes froitos cando se consolida a fins da década dos vinte a extraordinaria xeración poética do 27.

A renovación da poesía galega oirá da man dos escritores nacidos arredor de 1900, que constituirán a que se soe chamar xeración novecentista, xeración do 25 ou xeración vangardista. Xa a precedente, a xeración "Nós", aínda que dedicada principalmente ao cultivo da prosa, puxo as bases, cando menos teóricas, para a renovación poética e dela recibiron consello e orientación, así como o ideal nacionalista, que eles compartirán. Esta xeración do 25 incorpora as novidades vangardistas sen renunciar ao sentimento e sen tempo suficiente para a ruptura definitiva coa tradición. A xeración intersecular —"antre dous séculos"— representa unha etapa de transición entre a poesía decimonónica e a nova estética modernista e vangardista, aínda que con diferentes matices segundo os autores, uns máis próximos da liña tradicional e outros máis innovadores. Deixando á parte o caso de Ramón Cabanillas, que pola súa importancia ten un lugar específico noutro fascículo, tratamos a seguir de cada dos poetas máis representativos da nosa poesía intersecular, dándolle a Noriega Varela un posto de relevancia entre eles.

Mais antes de pasarmos a falar dos poetas propiamente interseculares debemos facer unha referencia, ainda que breve, a Manuel Leiras Pulpeiro (Mondoñedo, 1854-1912), pois tanto a súa personalidade literaria como humana non poden permitir que o seu nome fique ausente nunha historia da nosa literatura, por moi selectiva que esta for. É certo que non resulta fácil de encadrar, pois se biograficamente, e tamén pola súa concepción poética, pertence á etapa do Primeiro Renacemento, sendo por idade e sentido estético da mesma xeración que Curros ou Lamas Carvajal , o feito de a súa obra se dar a coñecer serodiamente, inclusive unha parte importante dela moito despois da súa morte, o converte nun poeta epigonal do noso Rexurdimento, emparentado coa depresión intersecular, que tanto se relaciona cos autores de Aires da miña terra e O catecismo do labrego pola súa preocupación social e gosto polo elemento popular, como con Noriega Varela , poeta mindoniense coma el, sobre quen exerceu maxisterio, chegando a actuar como corrector lingüístico dos seus primeiros textos.

Despois de cursar a carreira de Medicina, exercerá a profesión de médico no seu Mondoñedo natal, seguindo a tradición paterna. A dedicación e entrega ao coidado da saúde daquelas persoas menos favorecidas, sen se preocupar polos ingresos económicos, pronto lle deron sona de home xeneroso e desprendido, e lle outorgaron a denominación popular de "médico dos pobres". A isto hai que unir unha coherencia ideolóxica pouco común no seu tempo en aínda hoxe, pois o seu ideal republicano e progresista, contrario a todo convencionalismo social ou relixioso, o levou a casar civilmente en 1888, co conseguinte escándalo público que iso supuxo nunha cidade tan tradicionalista como Mondoñedo, que xiraba arredor do Seminario Diocesano onde se ían formar poetas tan destacados como Noriega Varela, Crecente Vega ou Aquilino Iglesia Alvariño . Formou parte activa do Partido Republicano Federal e en 1887 participou na Xuntanza Federalista de Lugo en que se aproba o "Proyecto de Constitución para el futuro Estado gallego". Aínda sen publicar ningún libro, en 1905 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega, recén fundada, posto a que renunciou por non se considerar coas condicións necesarias, ainda que si colaborou con era enviándolle unha importante recolleita de vocabulario e de literatura popular, cantares e refráns, da zona de Mondoñedo, que tan ben coñecía a través da súa profesión de médico, que lle permitiu ir aprendendo e anotando directamente de boca do pobo todo ese caudal léxico que converte a Leiras nun dos escritores con maior dominio da lingua popular; de todas as formas a Academia non publicou parte dese legado do autor até un ano despois da súa morte.

Manuel Leiras Pulpeiro.

En 1884 publica os primeiros poemas en O Tio Marcos da Portela , dando tamén a coñecer poucos anos despois outras composicións, entre elas algunhas de crítica social, na revista Galicia e Galicia humorística . O único libro publicado en vida do autor é Cantares gallegos ,de 1911, ademais duns Apuntes para la geografía médica del distrito de Mondoñedo ,en colaboración con outro médico mindoniense, Pastor Taladrid Pereira. O libro homónimo do inaugural do noso Primeiro Renacemento conforma un conxunto de cantares ao estilo popular de grande novidade na literatura galega do seu tempo, pois é a primeira obra de autor culto feita en imitación do cancioneiro popular; nel latexa con forza o mundo campesiño, con toda a riqueza expresiva da súa propria linguaxe, optando o poeta pola exaltación da vida aldeá fronte á vila:

Non quero a vida da vila,
anque folgada ma dean;
quero ir e vir polos pousos
ó sol i ó aire na aldea.

Está moi presente a temática amorosa desde unha perspectiva profundamente popular, onde a filosofía do mundo rural, así como o enxeño e gracia dos cantares tradicionais brillan con luz propia:

Non sei pra que tropecei
contigo, ¡miña santiña!
Non o sei si non te vexo
máis que unha vez cada día.

Coma unha rosa eres, Rosa,
i es boa com'o bon pan;
pro, com'o eso non fai pote,
todos deixándote van.

Troita que moito se amosa,
logo vai dar á tixela;
olla o que fas, rapaciña,
que andas da feira pra a festa.

Nalgúns destes cantares agroma a vea anticlerical característica de Leiras, aínda que tamén moi presente na tradición popular:

—Señor Cura, vou pra a sega,
téñame d'ollo a Marica.
—Vaite e descoida, meu Xan,
qu'hei vela tódolos días.

A temática social tamén se deixa ver nestas breves composicións:

Aló van nosos mociños
pasa-las penas da sega,
da sega onde se asan vivos
sin proba-la auguiña fresca.

Aínda que a perspectiva campesiña ou montañesa marca o conxunto da obra, o autor xa mostra a súa preferencia pola Mariña:

Quen mora acó, na Mariña,
ten car'ó mundo as xanclas;
quen mora aló, na Montaña,
tenas... tamén, pero pechas.

Terán que transcorrer 18 anos desde a morte do autor para que en 1930 a editorial Nós publique as súas Obras completas. Tomo I (Poesías) ,baixo a responsabilidade non declarada de Antón Vilar Ponte e cun prólogo de Otero Pedrayo ; un anunciado segundo tomo contendo vocabulario e recompilación de literatura popular nunca chegaría a saír do prelo. No volume editado recóllese a coñecida como "poesía maior" de Leiras, ademais de cinco cantares; nela o poeta reafírmase na liña poética decimonónica, con forte presenza da temática social, onde o poeta chama á loita civil contra a inxusta situación dos labregos e contra a marxinación de Galiza nunha poesía envolta nun ar redencionista con frecuentes invocacións á figura histórica de Pardo Cela, como no poema "Xa convenza", que termina con estes versos:

Daquelo que na testa lle bulía
ó nobre mariscal Pardo de Cela,
triunfánte-los da forca e da coitela,
quedou moita semente,
que vai pouquiño a pouco resurdindo;
i anque o pobo xeme inda tristemente,
xa cuase vén abrindo
o día da Xusticia, en que han libralo
dos que o aloumiñan soilo pra sangralo.

A temática social vai frecuentemente asociada á sátira contra os curas —'a cregaxe' na súa expresiva denominación—, mostrándose Leiras na mesma liña anticlerical de Curros Enríquez , como se ve no poema "¡Eso xa!...":

Si un probiño a pidir vai ond'a un crego,
anque esteña famento, manco e cego,
soilo ás veces atopa un "Dio-lo ampare",
que nin fai nazan codas no talego,
nin que a andorga se farte sin xantar.

Si un crego, pola contra, pide a un pobre
o que chama el ofrendas, sempre o move,
cando menos, a darlle algunha espiga
que, vendéndoa, cal fai, cando o gran sobe,
deixa sobro pra encher ben a barriga.

Eso di que inda rixe a lei do embudo
prós que o pobo ter queren cego e mudo,
anque dice a doutrina verdadeira:
Naide faga a ninguén o que el non queira.

Ao lado destas composicións achamos outras de tipo moral, de acordo co seu ideario político, patrióticas, como as que mitifican o xa citado Pardo de Cela , próximas a postulados independentistas, e tamén numerosas composicións de carácter realistadescritivo, centradas na descrición dos costumes populares e da paisaxe. Fronte á exaltación da Montaña que realizara Aurelio Ribalta e que vai seguir o tamén mindoniense Noriega Varela, Leiras converterase no poeta da Mariña; así comeza o poema "¡Non se fai de mouro branco!":

Es cadaval polos cimbros;
nos baixos, fraga famenta;
¡ben podes rumbar, Montaña,
¡ben podes botar por ela!
 

¡Non sei con que ollos te miran
quenes te soñan e gaban!
¡Nin que os toxos non espiñasen,
¡anque as xestas non gafaran!

En épocas máis próximas á actualidade téñense realizado importantes contribucións ao coñecemento e divulgación da personalidade e da obra de Leiras Pulpeiro, motivadas tanto pola importancia lingüístico-literaria da obra do autor como polo seu testemuño persoal de comportamento ético como cidadán exemplar e solidario. Cabe citar entre elas os traballos de Franco Grande (1970), Alonso Montero (1983) e Reimunde Noreña (1984).

IMAXES