A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A obra literaria de Eduardo Pondal
A Prensa

A prensa tivo unha importancia decisiva no proceso cultural e político desta época, como defensora dos intereses galegos.

Resulta significativo o número de xornais que aparecen na atmosfera liberal de meados de século. Nun primeiro periodo, até 1861, o idioma empregado foi o español; logo aparecerán periódicos escritos en galego, favorecendo dese modo o desenvolvemento da prosa e contribuíndo á divulgación da literatura.

Desde as páxinas de El Defensor de Galicia ,un xoven Murguía chamaba á mocidade a traballar na hora da rexeneración de Galiza. No período 1833-68, aparece prensa como El Noticiero (1841) da Coruña, dedicado a novas económicas, a carón daquela de carácter eminentemente cultural: Revista de Ciencias Médicas de Santiago , El Recreo compostelano , especializado en arte, El Iris literario de Pontevedra e Galicia Literaria (1883) de Ourense, Galicia. Revista regional de ciencias, letras, arte, folclore ... da Coruña, Galicia literaria e Nova Galicia de Buenos Aires. En 1856 nace o Diario de Galicia , dirixido por Francisco Mª de la Iglesia. En 1857, La Aurora del Miño .

A relación de prensa aparecida desde meados de século é longa. Ademais dos citados anteriormente, poderiamos destacar o Diario de Santiago e La Región Gallega , ambos de Compostela; El Eco de Orense , Album literario e El heraldo gallego , os tres de Ourense; La revista popular ,de Pontevedra; Luz y Sombra , Vida Gallega e Ilustración Gallega de Vigo. Tamén temos a prensa da Galiza de alén-mar: El Eco de Galicia , La tierra gallega e Follas Novas de La Habana; a Revista Galaica e o Eco de Galicia , de Montevideo, etc.

Ademais das revistas e xornais, destacan os estudos etnográficos, referidos a festas, romarías, lendas e costumes, etc. Con frecuencia nos xornais había seccións dedicadas a estes temas. Tal vez sexa importante sinalar que todo este material foi a base de posteriores estudos etnográficos que centraron a atención de publicacións tan importantes como a revista Nós ,no período 1920-1936.

Temos dito que existe ao longo do século unha importante presenza da prensa exclusivamente en castelán. Mais será a partir de 1876, coa aparición de O tío Marcos da Portela ,fundado en Ourense por Valentín Lamas Carvajal, cando nos encontremos con prensa escrita integramente en galego: O Galiciano (1884), en Pontevedra ou A Monteira (1889) e O labrego , en Lugo. A comezos do século XX (1907) aparece A Nosa Terra . Máis tarde, en 1920, aparecerá a revista Nós . Á fronte das revistas e xornais encontramos algunhas das personalidades da cultura daquel entón, como Manuel Murguía, Benito Vicetto, A. Vicenti, Lamas Carvajal, A. Martínez Salazar, Henrique Labarta ou Galo Salinas.

IMAXES