A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A emerxencia da literatura galega na primeira metade do século XIX (1808-1863)
A prensa e o ambiente intelectual

O primeiro xornal da centuria, El Catón Compostelano ,viu a luz en Santiago de Compostela o 1 de Maio de 1800. De efémera existencia, era, confesionalmente, un xornal orientado aos temas político-literarios, de marcada tendencia anticlerical e inscrito no propósito ilustrado de desvendar erros e supersticións, tendencia que, de certo, determinaría a súa rápida desaparición, por resposta da reacción vinculada ao clero compostelán. Na primeira metade do século, inzan as publicacións periódicas por todo o país (con maioría de cabeceiras en Santiago de Compostela) e elas van ser o recipiente inevitábel do debate ideolóxico-político do novo tempo (a súa necesidade). Tamén recollerán os primeiros gromos do despertar provincialista, isto é, pre-nacionalista, serán plataforma de aparición dos primeiros textos en galego —directamente políticos ou xa literarios— e permitirán a emerxencia dun fenómeno do máis alto interese cualitativo: a aparición de escritoras e publicistas, en número nada despreciábel, ao amparo da aplicación dos postulados progresista-feministas que defendían a incorporación das mulleres á instrución e mais á literatura e a necesidade da súa intervención pública. O período posterior á recidiva do absolutismo vai ser o máis prolífico no nacemento de órganos xornalísticos. Así, animados polos provincialistas, na década dos 40-50, rexistramos moitas cabeceiras en Santiago de Compostela, na Coruña e en Ferrol, cunha significativa inclusión do nome do país na maioría delas: El Iris de Galicia , 1841; El Idólatra de Galicia ,1841-1842; Revista de Galicia ,1841-1842; El Emancipador Gallego ,1842; La Situación de Galicia ,1842-1843; La Aurora de Galicia ,1845; El Centinela de Galicia ,1843-1844; El Fomento de Galicia ,1845, etcétera. Por proteico que resulte o basamento ideolóxico destes órganos de expresión, semellan claros trazos distintivos, que han ser decisivos no desenvolvemento político-literario posterior, como os seguintes: o ideario progresista, contrario a calquera resaibo tradicionalista ou conservador; a influencia do cristianismo de corte evanxélico ou social, estilo Lammenais ou Chateaubriand; a preocupación inmensa por recompor e divulgar a historia de Galiza, como aval do combate por un futuro de resurrección para o país ("Galicia sólo necesita ser conocida para ser respetada», en afirmación de Martínez Padín, autor, en 1849, dunha Historia de Galicia ); a demanda, en fin, dun cambio histórico que tivese incidencia positiva para a Galiza e na que ela debería recobrar a súa independencia política, selo da permanencia da súa nacionalidade.

Primeiro número de  El Catón Compostelano,  1800

O inicio da segunda metade do século coñecerá un importante desenvolvemento xornalístico na cidade da Coruña, tamén de inspiración provincialista. Así, entre 1846 e 1868, catorce publicacións desta tendencia existirán naquela cidade: nomes como os irmáns Rúa Figueroa, os irmáns Puente e Brañas, Vicetto, os irmáns De la Iglesia... aparecerán asociados ás mesmas. El Porvenir (fundado por Ramón de la Sagra, na Coruña, en 1845), e suspendido aos poucos meses da súa aparición pola censura, existirá tamén, con idéntico nome, en Santiago de Compostela (seis meses de vida), fundado polos provincialistas Faraldo, Romero Ortiz e Rúa Figueroa, e significativamente subtitulado «Revista de la juventud gallega», e nel a chamada á redención do país aparece transparente: "Xuramos dentro do noso corazón loitar sen acougo coa palabra, coa pluma, e aínda co brazo, até que a Galiza recupere o lugar a que está chamada [...] polas súas tradicións, pola súa situación xeográfica e pola súa organización».

Prospecto de  El Porvenir. Revista de la Juventud Gallega,  1845.

Ao carecer a Galiza de institucións públicas propias, cobran especial relevancia as asociacións, liceos, academias... que bolen nas cidades e que agruparán o máis activo da mocidade e da intelectualidade galeguista daquel tempo. O seu antecedente constitúeno as Sociedades Económicas de Amigos do País (a de Lugo foi a primeira fundada na Galiza, en 1783, seguida da de Santiago de Compostela), auténticas canteiras de ensino e de instrución alternativa. Domingo Díaz de Robles reorganizará a Academia Literaria de Santiago en 1840, e nela figurará a principalía do movemento provincialista, con nomes que xa foron mencionados anteriormente e outros que debemos asociar xa claramente ao período preliminar ou precursor do Primeiro Renacemento, como Francisco Añón, José María Posada, Antonio Neira de Mosquera ou Alberto Camino. Funcionará esta Academia, ao igual que outros centros homólogos, como auténtica universidade alternativa, cando na oficial a ausencia de Galiza ou do galego nas súas aulas era a norma. Como lembran Beramendi e Núñez Seixas, a modernidade e a viveza do debate filosófico, ideolóxico e moral eran a súa constante (desde as correntes, xa citadas, do cristianismo evanxélico ao socialismo utópico, pasando polo debate sobre a igualdade plena de dereitos para as mulleres).

Sucesora desta Academia Literaria compostelá será o "Liceo de la Juventud" de Santiago (1847), forxa de protonacionalistas ou segunda xeración de provincialistas, nados na década dos 30-40. Polas súas aulas e salóns pasarán nomes xa fundamentais do Primeiro Renacemento, como Rosalía de Castro, Aurelio Aguirre, Manuel Murguía, Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane, os irmáns Antonio e Francisco de la Iglesia, etc.

A celebración, en 1861, dos Xogos Florais, na Coruña e mais en Pontevedra e a publicación do Álbum de la Caridad (que inclúe un "Mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos", onde figuran arredor de corenta poetas con composicións en galego, constitúen a partida de nacemento do Rexurdimento literario: o Primeiro Renacemento da literatura galega, que inaugura, pioneira, a publicación de A Gaita Gallega (1853) de X. M. Pintos, está en marcha.

IMAXES