A Etapa Contemporánea (S. XIX)
A xeración dos Restauradores e o seu contexto histórico: a prosa e o teatro
A Prosa do Rexurdimento

Malia que os primeiros escritos en galego tras os Séculos Escuros foron textos en prosa —escritos propagandísticos, satíricos, políticos...—, cómpre ter presente, de partida, o carácter eminentemente poético do noso renacemento literario. A intensa actividade prosística do XIX, aínda a máis comprometida ideoloxicamente co galeguismo a través de libros, xornais, follas soltas, seguiu empregando, agás unhas mínimas excepcións, o español como vehículo de comunicación. Haberá que agardar ás dúas últimas décadas do século para podermos falar da existencia dunha prosa en galego; con todo, na mesma perspectiva diacrónica, non contaremos con monumentos literarios que certifiquen a súa plenitude ata a época da Xeración Nós.

Grupo de nenos labregos.

As causas da preeminencia da lírica en galego sobre a novela, o teatro ou o ensaio son variadas e complexas. Tense sinalado unha suposta incapacidade do galego para expresar cuestións ou conceptos que excedesen as manifestacións máis elementais, máis primarias, do íntimo, é dicir, o espacio máis ligado á lingua de identidade; a prosa, como exercicio que require unha máis fonda reflexión, esixiría o concurso de intrincados mecanismos lingüísticos que só se podían atopar na lingua castelá. É esta unha limitación, sen fundamento científico de ningún tipo, que se adoita apoñer en xeral ás linguas dos países colonizados para xustificar a súa secundarización. Outros argumentos son a formación escolar dos lectores e lectoras en castelán —e, paralelamente, a dos autores— e, aínda por enriba, os baixos índices de alfabetización; tamén as dificultades de publicación, xa que as esixencias do mercado dos libros, dado á rotina do beneficio mercantil inmediato, non tolerarían empresas editoriais aventureiras, mentres que a prensa facilitaba os pequenos espacios que necesitaba a publicación de poemas; así mesmo, a rica tradición poética galega de raigame popular, que facía este xénero familiar ao público lector. Á parte de razón que hai en cada un destes argumentos hai que acrecentar a actitude xeral dos nosos escritores e escritoras perante o estado de pobreza material e de despersonalización espiritual en que atoparon o país, que determinou que a forma literaria preponderante fose o xénero lírico, e, máis concretamente, o lirismo elexíaco.

A prensa

A prosa en galego do XIX está intimamente ligada á prensa escrita, pois o seu corpus fundamental encontrámolo nos periódicos e non nos libros, ata o punto que se ten afirmado que sen a prensa, a Galiza actual seguiría carecendo dunha literatura propia.

O xornalismo galego inaugurárase con "El Catón Compostelano" en maio de 1800, se ben o seu auténtico nacemento se debe situar durante a guerra contra o francés. O desenvolvemento posterior estará supeditado aos cambios políticos e socioculturais, alternándose períodos de proliferación de xornais e liberdade de tendencias con períodos de control ideolóxico por parte do poder. A relativa simplicidade do labor xornalístico, os escasos recursos financeiros que requería e a súa periodicidade irregular, xuntamente coa efervescencia política mantida todo o século, propiciaron a existencia dun grande número de cabeceiras, en xeral ligadas a grupos urbanos a penas organizados, todas elas de escasa tiraxe e curta vida —agás raras excepcións, como é o caso dos aínda existentes "Faro de Vigo", fundado en 1853, e "El Correo Gallego", de 1878—. Os ámbitos en que centraban os seus traballos eran moi diversos: políticos, obreiros, xurídicos, médicos, pedagóxicos, relixiosos, publicitarios, humorísticos, literarios, boletíns oficiais, temas locais, asociativos, etc., se ben, coa evolución seguida ao longo do tempo —ampliación dos formatos e número de páxinas, distribución en columnas, inclusión de ilustracións e de publicidade, etc.— se tendería ao tratamento dunha variedade de contidos distribuídos en seccións máis ou menos estandarizadas e fixas.

Á beira da prensa debemos comentar a existencia de follas soltas, que eran publicacións puntuais, non periódicas, de tema e artigo únicos, en moitos casos de carácter literario, e autor ou autora individual.

Estando aínda moi lonxe a existencia das modernas canles de distribución, o deficiente espallamento dos xornais e follas soltas sumábase a outro grave impedimento, o alto grao de analfabetismo, en especial no medio rural, para minimizar a difusión dos materiais impresos. A súa lectura era moitas veces pública, en pequenos grupos de amigos ou familiares, sen esquecermos que a prensa servía en moitos casos, ao pé dos procesos xudiciais, como texto para aprenderen a ler os pequenos nas escolas.

Como xa se dixo, a utilización do galego na prensa, primeiro en artigos de carácter ideolóxico ou político e logo especificamente literario, foi un proceso lento que atravesou diversas etapas.

É de mencionar o receo, ou nalgúns casos aberta belixerancia, con que a prensa da capital de España recibiu a orientación da prensa galeguista a partir dos anos 40. Porén, non se poden dicir que estas reaccións hostís fosen xeralizadas, do mesmo xeito que non se pode afirmar que toda a prensa galega fose favorábel ao uso do idioma propio. Citemos os casos de periódicos madrileños como "La Esperanza" ou "El Enano", ou o barcelonés "La Antorcha", que publicaron nas súas páxinas poemas galegos.

A culminación do proceso galeguizador deuse en febreiro de 1876 coa aparición de "O Tío Marcos d'a Portela", escrito integramente en galego. É o primeiro caso de publicación colectiva, de contido variado e periodicidade regular. O seu director e inspirador foi Valentín Lamas Carvajal, e na liña editorial buscou sempre a defensa do campesiñado so un prisma de marcado carácter anticaciquil. Contra todo prognóstico, a tiraxe desta publicación foi de medre en medre ata acadar ao ano e medio de nacer os 4.000 exemplares de venda, cifra impensábel considerando que as revistas de maior tiraxe daquela, en español, a penas ultrapasaban os dous milleiros de exemplares. O "Tío Marcos d'a Portela" perdurou, atravesando distintas épocas, ata o ano 1889 —volveu saír entre 1917 e 1919 como portavoz do grupo ourensán das Irmandades da Fala—, e con el pódese dar por consolidado o xornalismo en galego, pois á súa aparición seguíronlle outra serie de xornais tamén escritos exclusivamente en galego —"O Galiciano" e "A Tía Catuxa" en Pontevedra, "A Monteira" e "O Labrego" en Lugo, "Galicia, cencias, literatura, artes" en Ferrol, "A Tía Caninova" en Santiago, "O Fungueiro" e "Fuliada" na Coruña, "Os Labercos" e "O Antroido" en Betanzos, "As Burgas" en Ourense...—, que, con maior ou menor éxito, arraigaron na poboación a idea da posibilidade duns medios de masas no idioma propio e, en definitiva, dun xornalismo xenuinamente galego.

Cabeceira de  A tía Catuxa.  Pontevedra, 1889.

A Biblioteca Gallega

Unha eiva sentida desde vello polos rexionalistas —xa fora exposta por Aureliano J. Pereira nas páxinas de "El Heraldo Gallego" en 1874, e por Lamas Carvajal posteriormente— era a inexistencia dunha editorial galega, unha industria que pechase o ciclo cultural da produción de obras literarias e non literarias. Será no ano 1885 cando o arquiveiro-bibliotecario Andrés Martínez Salazar, asociado co xornalista e político Juan Fernández Latorre —fundador de "La Voz de Galicia" en 1882— creen a "Biblioteca Gallega", orientada á publicación de libros en galego e español cun criterio multiforme, aglutinador das diversas tendencias da época. Los Precursores ,de Murguía, será o libro que inaugure a "Biblioteca", completando, ata o ano 1903 en que deixou de existir, un total de setenta volumes —entre eles, edicións de Aires da miña terra ,de Curros, Soaces dun vello ,de Benito Losada, Queixumes dos pinos ,de Pondal, El Idioma Gallego ,de Antonio de la Iglesia, La propiedad foral en Galicia ,de E. Vincenti, etc.

As obras

Unha escolma da obra prosística, mesmo da poética, do Rexurdimento debe contemplar necesariamente a revisión dos xornais da época, sendo os materiais máis abundantes e variados a partir de "O Tío Marcos d'a Portela". Fóra da prensa, son interesantes os prólogos de Rosalía de Castro aos Cantares Gallegos e Follas Novas ,así coma o seu "Conto gallego" —editado postumamente—. Curros Enríquez tamén escribiu unha breve introdución a "A Virxe de Cristal". Unhas e outras pezas aparecerán comentadas noutros capítulos.

Maxina ou a filla espúrea.

A "Outra carta-procrama en pro d'O País, en contra de canto s'opoña ao engrandecemento do antiguo reino gallego", escrita en 1858 en louvanza do xornal "Esposición Compostelana", é un exaltado chamamento á intelectualidade para que secunde os esforzos de tantas persoas que no pasado e no presente loitan arreo desde todas as frontes pola causa galeguista.

Antonio de la Iglesia exercitou o ensaio publicando en 1861 "Reseña stórica de Galicia" no número 24 de "Galicia. Revista universal de este Reino", que incorporou posteriormente á súa antoloxía El idioma gallego, su antigüedad y vida. Está escrito co estilo da historiografía romántica do XIX, pondo por diante as arelas de enaltecemento patriótico do provincialismo sobre a exactitude dos datos obxectivos.

No seu Compendio de Gramática Gallega-Castellana ,Francisco Mirás inclúe, a modo de xustificación e práctica do libro, unha miscelánea de capítulos de variado contido e forma. Interésanos, ao falarmos das escasas mostras de prosa galega que nos legou o noso Primeiro Renacemento, os "Diálogos" entre paisanos galegos e persoas non galegofalantes, nos que, ante a imposibilidade de entendemento, se conclúe a necesidade dun vocabulario galego-castelán, así como os "Ditos sélebres", decena de anécdotas de sabor popular e intención humorística ou exemplarizante. Nos "Diálogos", Mirás parte dunha perspectiva de superioridade da lingua castelá, e atribúe ao galego un carácter inculto e badoco, consideración paralela ás condicións de superioridade dos interlocutores casteláns —un caballero, un hacendado, un médico, un amo...— e galegos —un gallego, un labrador gallego, un criado...— Esta actitude concorda coas súas manifestacións no "Prólogo" do libro, no que se dá por sentada a necesidade dunha lingua única no Estado. A destacar, no aspecto lingüístico, a plasmación na escrita da gheada e o seseo.

Outro texto en prosa, este do ano 1878, é o fragmento do diálogo El viajero y la gallega del Sil ,obra de Mariano Roche y Frejas que mestura prosa e verso e expresión galega e castelá. Como se di no prólogo, foi escrito con propósito de hacer notar la importancia y belleza de la región gallega, tratando en forma amena de inquirir noticias sobre la existencia y explotación del oro en la localidad. O texto, a maiores de pretender mostrar a realidade do galego na época, inzado de castelanismos, manifesta un notábel descoñecemento do noso idioma por parte do autor.

Sen dúbida a peza fundamental, canto a extensión e orixinalidade, da prosa do Rexurdimento é Majina ou a filla espúrea, de Marcial Valladares, primeira obra, por outra banda, que podemos catalogar como novela na historia da nosa literatura contemporánea.

Majina ou a filla espúrea foi publicada en once fragmentos consecutivos noutros tantos números —entre o 21 e o 36— de "La Ilustración Gallega y Asturiana", que dirixía, no literario, Manuel Murguía. Este reparto non se corresponde coa distribución en capítulos, que son dezasete, de diversa amplitude e características. Está escrita ao xeito folletinesco da novela por entregas, xénero que se desenvolveu en Europa na segunda metade do XIX asociado ao pulo das publicacións periódicas e ao devalo do interese pola narrativa romántica. Majina ou a filla espúrea é unha novela de asunto contemporáneo, costumista, con pinceladas de romantismo e incursións de realismo. Aínda que publicada en 1880, foi escrita, segundo sabemos hoxe, dez anos antes, é dicir, nunha época en que triunfaba en Europa o realismo de Balzac, Stendhal, Flaubert, Dickens, Dostoiewski, Tolstoi, etc.; na lingua castelá comezaba a súa andaina literaria Galdós, e na portuguesa, Eça de Queirós.

A trama preséntanos unha muller, Otilia, de xinea aristocrática, que fica preñada como consecuencia dunha violación e ignora quen é o pai da criatura. Esta chamarase Maxina, e, abandonada na inclusa, será rescatada e criada por un matrimonio aldeán xunto cun seu fillo natural, de nome Ermelio. Ao morreren os aldeáns, Maxina e Ermelio son levados a Madrid polo marqués de Triacastela e por Salvio, o infeliz namorado de Otilia. O violador desta e pai de Maxina resulta ser un fillo do mesmo marqués, quen confesa, arrepentido, a súa acción antes de morrer. Cumpridos os dezaoito anos, Maxina e Ermelio casan, herdando cadansúa fortuna dos seus protectores. O final da obra, que se presume feliz, sorprende polo inesperado xiro que toman os acontecementos co repentino entolecemento de Otilia e a imposibilidade de casar con Salvio.

O verosimilismo que pretende Valladares faille reflectir o comportamento lingüístico dos personaxes dun xeito acorde coa realidade: os aristócratas e burgueses falan en castelán, os labregos en galego, e os desclasados utilizan diversos castrapos —este recurso non era novidoso, como vimos en Roche e Frejas e en Mirás, e como xa coñecemos das diferentes "Tertulias" e "Diálogos" de comezos de século—. O narrador exprésase en galego, o que permite clasificar a obra nesta lingua. Outro tanto hai que dicir do ton conversacional, que vai desde o carácter grave e melodramático dos personaxes de posición elevada, ata o rexistro informal, pretensamente documental, dos de baixa condición, pasando polo de natureza cómica dos que falan castrapo ou outras xirias. Para alén do criterio verosimilista, o autor trasloce na utilización diglósica da lingua a súa aceptación desa realidade; é significativo o feito, en principio chocante, de que Ermelio e Maxina, criados desde que nacen polos mesmos pais, aldeáns, en idénticas condicións, acaban falando aquel galego, como fillo de labregos que era, e esta, de orixe aristocrática, un perfecto castelán.

Como é propio da novela folletinesca, os personaxes a penas son caracterizados psicoloxicamente. Trátase de personaxes planos, esquemáticos, que só manifestan as súas cualidades anímicas ao reaccionaren perante situacións extremas, en xeral a través dun sentimentalismo exacerbado. O narrador é de tipo omnisciente, e mantén contacto co lector ou lectora a través de monólogos, chamadas e excursos con sentido explicativo ou moralizante. Este contacto en moitos casos é obrigado neste tipo de estruturas narrativas, para manter a continuidade entre as sucesivas entregas. A novela mestura minuciosas descricións de persoas, lugares e obxectos, co relato das accións en tempo lento, sobre todo na exposición inical e no desenlace. Porén, dado o longo espacio de tempo que abranxe — dezaoito anos, desde o nacemento de Maxina ata a súa voda—, o autor vese obrigado a introducir sucesivas elipses. O transcurso temporal aparece marcado pola división en capítulos e por continuas alusións ás datas, estacións, festas, etc., constituíndo un conxunto coherente e verosímil. Canto ao espacio, a novela móvese entre dous extremos ben delimitados: as áreas rurais (as aldeas onde viven os labregos, os campos que traballan, as casas de campo dos señoritos) e as áreas urbanas (Santiago, Madrid, París), dicotomía que axuda a matizar a oposición entre clases sociais e os comportamentos dos distintos personaxes.

No relativo ás liñas ideolóxicas de fondo, é de notar que Majina ou a filla espúrea é unha novela de carácter conservador, que non pretende exemplarizar, a partir do conflito que narra, a necesaria transformación da sociedade; polo contrario, a resolución do conflito camiña cara á recuperación do equilibrio que representa a orde convencional. Polo demais, Majina reflicte as convencións morais da burguesía e ofrece unha visión positiva e harmónica das relacións entre as distintas clases sociais. Un estudio pormenorizado debe reparar no persoal tratamento que se dá aos dous grandes temas do libro (o da violación de Otilia, relacionado co da honra, resolto na comprensión e axuda que recibe de cantos a rodean, e o da filla de pais descoñecidos, Maxina, quen, tras alternar dores e ledicias, acaba por acadar o final feliz que o público lector lle desexa), así como no contraste entre determinados comportamentos dos personaxes das distintas clases sociais (como exemplo destacado, a hipocresía e impiedade dos "señoritos", para os que, en palabras da labrega Inés, ¡pra coller fillos non hai vergonza, e logo pra crialos si!... ¡Collelos cheas de amor, cheas talvés de vicio, e, desleigadas, ó parilos guindades con eles ós cans! ,e a compaixón dos labregos que se fan cargo da criatura malia a miseria na que viven). Resultan ilustrativas, a respecto da consideración que aos aristócratas merecen os aldeáns galegos, as palabras que Valladares pon en boca do marqués de Triacastela: Espera, Maxina (...) Quiero que conmigo vayas a Madrid, quiero que aprendas allí mucho más de lo que sabes y llegues a ganar después la vida honradamente, sin andar por aquí descalza cogiendo hierbas.

Con todo, a análise da obra non se debe centrar tanto nas súas cualidades intrínsecas coma no feito de ser a primeira novela en galego, o que obrigou ao autor a resolver unha serie de problemas de tipo lingüístico —na morfoloxía, na sintaxe, no léxico— e literario para os cales practicamente non había antecedentes. A súa formación como estudioso da lingua, porén, permitiulle resolver con soltura algunhas destas cuestións, de maneira especial a do vocabulario. Mercé a esta circunstancia, a obra de Valladares debe considerarse hoxe en día un verdadeiro tesouro como catálogo da lingua oral da época e como repertorio léxico, de refráns e de xiros. Ao mesmo tempo, débese valorizar na súa xusta medida a comprensión dos diferentes usos e rexistros lingüísticos, que, unidos aos compoñentes etnográfico-folclóricos presentes, converten o libro nun documento sociohistórico de primeira orde.

O "Discurso do Presidente, señor don Manuel Murguía" ,lido nos Xogos Florais de Tui o 24 de xullo de 1891, apareceu publicado en xullo do mesmo ano no boletín "La Patria Gallega", órgano oficial da Asociación Regionalista. Trátase dunha afervoada exaltación da patria, na que reivindica o recoñecemento da súa personalidade histórica e postula o necesario grao de autonomía para o seu desenvolvemento futuro. Facendo gala dunha complexa erudición na que mestura mitos célticos con elementos clásicos grecolatinos e bíblicos, Murguía argumenta a necesidade do espertar para celebrar o combate mítico que ha liberar a Galiza da súa escravitude. Para a reivindicación da lingua baséase nos argumentos clásicos do rexionalismo: idioma propio, herdado dos antergos, o seu glorioso pasado literario, a súa fermosura, a súa ascendencia latina so a influencia decisiva do celta e algunhas pegadas suevas, a súa extensión en Portugal, cuxas glorias na literatura tamén o son do galego, e, en fin, como elemento unificador da patria, concluíndo con estas palabras que dirixe aos españois: Lede a historia; ela vos dirá o que fumos e o que semos, e que non hai en todo elo as simples coincidencias dialectales de que se nos fala, senón realidades etnoxénicas que non é posible descoñecer e menos negar (...) Na relixión, no arte, na lei (...) somos alleos os uns aos outros. ¿Que máis? Na mesma familia, que é donde persisten con máis forza os rasgos fundamentaes de cada pobo, aparecedes tan diversos de nós, como a familia semita o é da ariana. Obsérvese que Murguía utiliza xa a denominación de lingua, non a de dialecto, do mesmo xeito que, ao expresar os seus postulados políticos, usa os termos de "nacionalidade" e "Estado español". Ao fío do tema lingüístico, e polo feito de celebrárense os Xogos na fronteiriza Tui, Murguía inisiste no irmanamento entre Galiza e Portugal, e ilustra na traxedia de Inés de Castro o episodio traumático da división dun pobo en dúas metades tan próximas e, porén, tan alleas. Aos argumentos lingüístico e histórico únense os da etnia, o folclore, a familia, a casa; en fin, que na relixión, no arte, na lei demostra Galiza pertencer á categoría dos estados nacionaes incompretos, que, vivindo baixo unha mesma man e bandeira, seguen a súa lei, conservan as súas costumes, falan a súa léngoa e non ven acabarse todo o seu baixo o peso da centralización: esa praga que veu sustituír no mundo moderno, con nome de liberdade, á liberdade mesma. Malia acusar de "praga" ao centralismo, rexeita a solución independentista e reclama un federalismo pactado coas outras nacionalidades do Estado.

Manuel Murguía.

Nos mesmos Xogos Florais de Tui do ano 1891 participou Alfredo Brañas como mantedor, quen leu tamén en galego o seu "Discurso de gracias" ; foi editado en "La Patria Gallega" conxuntamente co de Murguía. Nel evoca a figura de Rosalía, símbolo e musa de Galiza, no momento recente do seu enterro; agradece a presencia de persoeiros e autoridades, especialmente a dos membros do Consistorio tudense, e celebra a nova etapa que comeza coa celebración dos Xogos Florais como motor impulsador da recuperación da cultura galega.

IMAXES